Onte 1557: Os 60 de Suso de Toro
O noso benquerido Suso de Toro celebrou onte o seu sesenta aniversario. Unha ledicia para as moitas persoas que o queremos e admiramos. Tras o regreso á docencia e o abandono da profesión de escritor en lingua galega, que durante dúas décadas exerceu con admirable dedicación, Suso deixou un baleiro na narrativa galega contemporánea da que é trabe de ouro. A súa pentaloxía alboral formada por Polaroid (1986), Land Rover (1989), Ambulancia (1990) Tic-Tac (1993) e A sombra cazadora (1994) revolucionou os camiños diversos da narrativa galega e abriu novos públicos para ela. Unha proeza que non foi aínda recoñecida como merece. Sen esquecer que os seus libros de ensaio, dende F.M. (1991), Ten que doer (2004) a Inmateriais (2013), compuxeron un discurso crítico sobre o estado das artes e a construción da nación dende a palabra. Inquedo, comprometido, xeneroso até o delirio, disposto sempre a dar a cara, a botar unha man no labor colectivo, Suso continúa compartindo opinións nos medios dixitais galegos, españois e cataláns. Todos os nosos abrazos e beizóns para o noso Suso.