Listado de la etiqueta: juan_blanco_valdés

Discreción

Hai catorce anos da publicación Do orixinal ao libro (Xerais 2009), o primeiro manual de edición técnica en galego, preparado por Juan L. Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. Lembro aquel lanzamento pola defensa que o autor facía do traballo do editor, que comparaba coas copas de cristal, transparente e invisible, argumentando logo que unha virtude que non lle pode faltar é a da discreción, evitando cometer lixeirezas ou imprudencias no seu labor artesán e mediador. Discreción que compartín procurando que o traballo de edición pasase desapercibido e que fosen os libros que editabamos, os autores e autoras a quen acompañabamos ou as fórmulas de edición polas que apostabamos as que brillasen diante do público de lectores e lectoras e fosen recoñecidas como valiosas pola crítica e a mediación. A pesar das esixencias actuais da caligrafía dixital das redes nunca acreditei nos «editores estrela». Emporiso, na edición os editores proporcionamos apenas o soporte da imprescindible e demorada edición textual, a fabricación do libro (impreso ou dixital) e o imprescindible contexto (catálogo) no que se promociona e distribúe. Tarefas que só pode desenvolver un equipo motivado e reducido de persoas.  Nunha editora cultural (o modelo de edición que pretendín promover en Xerais) é o equipo de edición e promoción quen debe manter unha conversa cos seus contemporáneos. Deste xeito irá construíndo devagariño o catálogo que ofrece os seus públicos. Nese espazo de edición e lectura é onde van creando a obra colectiva da editorial que precisa do paso do tempo para ser valorada con xusteza. Este modelo de edición cultural é dificilmente compatible coa velocidade que rexe na edición galega actual, na que as novidades permanecen apenas unhas poucas semanas nas mesas das librerías antes de ser substituídas pola nova remesa. Discreción e lentitude precisas na edición como ingredientes indispensables son tamén da propia lectura.

Publicado en Nós diario: 12-04-2023

Onte 1796: “Drama Turxente”

Resultou interesante a mesa redonda de editores sobre edición de textos dramáticos na que participei onte no marco das xornadas “Drama Turxente” organizadas no Salón Teatro pola asociación DramaturGA e o Centro Dramático Galego. Moderados polo escritor Afonso Becerra de Becerreá, Juan Blanco Valdes do Servizo de publicacións da USC, Afonso Ribas de Laiovento, Paco Macías de Positivas, Manuel Vieites de Galaxia e mais eu, en representación de Xerais, procuramos durante dúas horas saídas para a alarmante paralización que sofre a edición teatral en galego (que estimo supuxo apenas 15 títulos en 2015), o xénero máis esquecido e penalizado da edición en galego.

Entre as conclusións a ter en conta dun debate moi animado, no que participaron os membros de DramaturGA, non faltou unha chamada á incorporación da formacion teatral no currículum non universitario e, sobre todo, da lectura de textos teatrais na “Hora de ler”, o tempo dedicado á lectura en todos os centros educativos galegos. Como tamén se apelou a establecer espazos de corresponsabilidade de autores, compañías e editoras para incrementar a oferta de libros de teatro e mellorar a súa distribución nos espectáculos. A confección dun catálogo de textos teatrais galego, accesible e actualizado; a promoción da escritura e edición de textos dramáticos dirixidos a público xuvenil; a reclamación aos poderes públicos dun plan de edición de textos teatrais; o estudo da posta en marcha do modelo de residencia teatral, así como a realización dunha feira do libro teatral galego foron outras ideas e compromisos asumidos por autores e editores.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

A discreción do editor

Gustei moito do que di Juan Blanco Valdés na conversa que mantivo con Camilo Franco e que publica hoxe  La Voz de Galicia. Estou de acordo co gran editor do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago que a mellor virtude que pode posuír un editor é a da discreción. É un bo sinal que o traballo do editor pase desapercibido e que sexan os libros que edita, os autores e autoras a quen apoia ou as fórmulas de edición polas que aposta as que brillen na sociedade dos lectores e lectoras. Non acredito nos editores estrela. Ao fin e o cabo, até agora, na edición os editores proporcionabamos apenas o soporte da edición textual, a fabricación do obxecto e o imprescindible contexto (catálogo) no que se promocionaba e comercializaba. Tarefas que só podía desenvolver un equipo moi cohesionado.  Nunha editora cultural (o modelo de edición no que eu creo e que pretendo promover no meu traballo cotián en Xerais) é o equipo de edición e promoción quen debe manter unha conversa  ininterrumpida cos seus contemporáneos. Deste xeito irá construíndo paseniño o catálogo que ofrece os seus lectores. Aí é nese espazo de edición e lectura onde van creando a obra colectiva da editorial que precisa do paso do tempo para ser valorada con xusteza. Este modelo de edición cultural é dificilmente compatible coa velocidade e voracidade coa que se rexe a edición contemporánea, aínda que, paradoxicamente, a crise económica global pode axudar a aminoralas.

Día internacional do libro e dos dereitos de autor

Con motivo do Día internacional do libro e dos dereitos de autor, hoxe ao mediodía presentaremos no Consello da Cultura Galega Do orixinal ao libro, o primeiro manual de edición técnica en galego que preparou o editor Juan L. Blanco Valdés. Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego acompañaranos nesta presentación. Este magnífico manual, prologado polo ortotipógrafo galego José Martínez de Sousa, proporciona boas doses de autoestima para o conxunto do sector editorial en Galicia ao tempo que fixa en galego os criterios dunha edición textual de calidade. Beizóns para Juan L. Blanco.

O Día internacional do libro deste ano está, inevitablemente, presidido polo interese sobre as relacións entre as novas tecnoloxías e o libro. Onte fixen dúas pequenas entrevistas para senllos programas da TVG (os informativos e «Acompáñenos») onde esta cuestión aparecía como a principal preocupación das entrevistadoras. Insistín na fortuna que temos os editores contemporáneos de poder participar neste cambio do paradigma da comunicación cultural, que non se producía dnede ha imáis de cincocentos anos, ao tempo que o libro terá distintos futuros, na medida que coexistirán soportes analóxicos e dixitais durante un período que non sabemos aínda estimar.

Boa xornada do libro. Hoxe recomendo visitar as librarías e bibliotecas galegas. Estamos todos de festa.

"Do orixinal ao libro"

Chegaron hoxe os primeiros exemplares Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica. Unha obra importante para o sector profesional do libro en Galicia xa que constitúe o primeiro manual de edición en galego. Presentaremola con motivo do 23 de abril, día internacional do libro e dos dereitos de autor. Beizóns para o autor, o noso amigo o editor e blogueiro, Juan Blanco Valdés.