Artigos

Onte 707: Almunia, Rajoy e Novagalicia

Joaquín Almunia, o comisario europeo da Competencia, confesou por escrito á comisión de investigación do Parlamento Galego sobre a fusión das caixas que o Goberno de Mariano Rajoy foi o responsable da decisión de considerar a Novagalicia banco como entidade «non sistémica». Un eufemismo da prosa financeira tras o que se agocha a responsabilidade do Partido Popular de levar o vindeiro outono á que foi a entidade financeira galega de referencia a «unha poxa» (moi incerta) e a súa conseguinte desaparición. Como tamén, segundo o mesmo escrito de Almunia, non existiu por parte dos membros da Comisión Europea límite sobre o número de preferentistas que poderían acollerse ao procedemento de arbitraxe, contradicindo así a versión coa que Goberno Rajoy elude a súa responsabilidade diante dos preferentistas aos que se lles anunciou a liquidación das súas accións. Sexa coma conta Almunia ou como o fixera Rajoy, o que semella certo é que por moito que se esforce en agochalo o presidente Feijoo –convertindo a Almunia no inimigo número un de Galicia, como culpable da tax-lease e deste lea financeira– as previsións liquidacionistas que manexa o Goberno do Partido Popular e o Banco de España sobre o futuro do NGB poden ser outro golpe moi duro para o futuro de Galicia como espazo económico e político de seu. Hai aínda algunha posibilidade para evitalo? Vaia reentrada de outono que nos agarda!

Onte 663: O futuro da Ría

O sector naval vigués reiterou onte a súa vontade de ser. Ao borde do abismo, pendente do fío da devolución do Tax-leaxe exixido pola Comisión Europea, tras incontables e durísimas reconversións ao longo de tres décadas, o sector naval da ría de Vigo pode botar o cadeado. O anuncio por parte da Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea da obriga de devolver as bonificacións fiscais aplicadas na construción de buques entre 2005 e 2011 arruina as posibilidades de recuperación dun sector, no que xa nin sequera os floteis de Pemex, tras a entrada da empresa pública mexicana en Barreras, semellan viables. Outra enorme desfeita, a engadir ás da caixa de aforros e a de Pescanova. O futuro do sector naval vigués é unha cuestión estratéxica, é o futuro da propia área metropolitana, xa que na actividade das gradas dos estaleiros está o ADN do seu carácter industrial e a razón do ser da propia cidade que se foi tecendo no anfiteatro da ría. A devolución da Tax-lease é unha cuestión estritamente política, que debe ser solucionada no marco bilateral das relacións entre a Comisión Europea e o Goberno de España. En momentos tan decisivos como os que vivimos, xa non hai outra saída que toda a cidadanía e todos os sectores sociais e veciñais vigueses empurren na mesma dirección para que Rajoy asuma o futuro do sector naval como un problema de estado. Coma no caso de Ferrolterra, xogámonos o futuro da Ría.

Onte 447: Nin caixa nin banco

Non hai volta, fracasou o proxecto, non haberá nin caixa nin banco galego. Despois de despedir a 2.500 persoas, tras recibir máis de sete mil millóns de cartos públicos (FROB e rescate europeo incluídos), tras realizar unha quita de preferentes e subordinadas de entre o 30 % e o 70 %, en definitiva, tras ser convenientemente estilizadas, o que foron as caixas galegas transformaranse en franquicia comercial no noso país dun dos grupos bancarios españois. A posibilidade dunha entidade financeira galega (pública ou privada) quedou en augas de bacallao. Quizais outro fracaso de Galicia, que ameaza con extinguirse como entidade política. O máis probable é que fose un acordo entre o Goberno de Rajoy e a Comisión Europea, representada por Joaquín Almunia, o que decidise manter como entidade a Bankia e vender ou liquidar (nun prazo de cinco anos) a Novagalicia banco. Estes responsables deberían das explicacións que xustificasen a diferente vara de medir nun e noutro caso.