Artigos

Campo do Fragoso CLI

1964940_10152058136871969_1036778913_nGRAN YOEL

Coincidindo coa festa da Reconquista, o Celta recuperou alento e acadou tres puntos de ouro que o achegan máis ao obxectivo dos corenta, no que os seareiros enxergamos debe situarse a permanencia esta tempada tan igualada. Non foi doada a vitoria fronte ao equipo hiperordenado de Unai Emery, que procurou teimosamente atopar o erro que lle permitise noquear ao equipo galego nunha xogada de contraataque. Mais saílle furada e ben furada a estratexia ao adestrador de Hondarribia, xa que non contaba coa participación dun gran Yoel capaz de parar catro balóns decisivos para o resultado. E a verdade que isto xa non é novidade ningunha, xa que o gardarredes vigués está completando unha tempada formidable. Son moi frecuentes as súas intervencións memorables, tanto pola súa rapidez felina nas estricadas, na serenidade proporcionada pola súa participación no inicio do xogo do equipo coma no seu dominio dos balóns na área pequena. Madurez e solidez caracterizan, pois, a un dos xogadores da canteira que máis progresou esta tempada da man de Luis Enrique e do seu segundo, Juan Carlos Unzúe, o que por certo fora porteiro do Sevilla.

Tras o devalo fronte ao Málaga e a actitude compracente no Camp Nou, o Celta sabía que onte xogaba co Sevilla unha das súas finais. Saíu intenso e concentrado coa intención de atopar a chave que abrise unha xanela no castelo chantado por Emery para protexer a Javi Varas. En momento ningún o Sevilla quixo para si a pelota. O seu adestrador creu que abondaría co despregue disciplinado da súas tres liñas para conter aos vigueses e roubar algún balón para que Vitolo ou Rakitik llo servisen a Gameiro ou Bacca, os seus perigosísimos dianteiros. Aos visitantes custoulles vinte minutos facer a primeira destas xogadas e media hora conseguir que a súa parella atacante se enfrontase a Yoel, quen cun enorme sangue frío aguantou o man a man con Gameiro e desviou a córner. Até ocasión tan clara dos sevillistas, os celestes monopolizaran o control do xogo, crearon varios barullos na área rival, mais non conseguiron remates certeiros. No entanto, a clara oportunidade visitante, espertou aos celestes grazas ás conducións rápidas de Kroh e aos alustros de fantasía de Rafinha, quen antes de rematar a primeira sesión meteu un balón interior na área que Charles rematou moi frouxo.

Non mudou o panorama tras o descanso até a entrada de Fabián Orellana, que introduciu pola banda dereita a carga de electricidade e desborde que até entón faltaba nesa banda. Xaora producíronse en xogadas esporádicas dos visitantes outras dúas grandes intervencións do noso porteiro, unha desviando coas xemas das luvas un xute cruzado con veleno polo lateral Coke, outra cando roubou unha pelota que agardaba o remate dun Gameiro soíño. A grande oportunidade galega chegou tras un espectacular cacheirón de Orellana dende a dereita que bateu no medio do longueiro e, superado Varas, botou sobre a liña de gol. Un xute de tres estralos! As entradas de Mario Bermejo e Aurtenetxe deron novos azos aos de Luís Enrique que enfrontaron un tremendo cuarto de hora final co dilema de conservar a igualada ou arriscar pola vitoria. Incerteza que, cando faltaban cinco minutos para a finalización, resolveu Mario Bermejo, un auténtico hércules na lameira, pelexando a cara de can cada un dos balóns que lle chegaba. Nunha destas leas con Fazio, o arbitro asubiou penalti, oportunidade marabillosa aproveitada con elegancia por Nolito para marcar o gol da vitoria. Foron os tres minutos do desconto infartantes. Varas evitou que Nolito aumentase o resultado e Yoel salvou in extremis un remate de Gameiro que xa entraba. Poucas veces os porteiros foron tan decisivos.

Campo do Fragoso CXXXV

AFOUTEZA

A pesar do que vexamos na táboa clasificatoria, apenas un posto por riba do pechacancelas, o Celta non está morto. Fronte ao Real Madrid amosou que o seu lume aínda alampea, que atesoura doses moi elevadas de afouteza e orgullo e mesmo algunhas valiosas alternativas tácticas para este treito decisivo da liga, os próximos tres ou catro partidos, no que pode ou quedar desenganchado definitivamente ou continuar pelexando deica o derradeiro alento.

Resino non fixo grandes modificacións no seu once inicial, apenas a entrada de Túñez, que fixo mellorar a toda a defensa, e a inusual colocación de Quique de Lucas como enganche, entre Augusto e Krohn-Dehli, aos que o toledano quere como extremos natos. Porén, dispuxo unha defensa en liña máis adiantada da que era adoito con Herrera, probablemente coa intención de desfacer o perigoso ataque dinámico dun Madrid que durante a primeira media hora quedou unha e outra vez en fóra de xogo. Esta exitosa variante defensiva, xunto a unha intensidade de inequívoca intencionalidade atacante incomodaron a un Madrid que tardou vinte minutos, si vinte, en chegar á porta de Javi Varas cun disparo frouxiño de Cristiano Ronaldo. Pola contra, durante este tempo o Celta estragou tres grandísimas oportunidades de superar a Diego López, o extraordinario gardameta da selección galega. Excelente durante os noventa minutos, pelexando con afouteza cada pelota con Pepe e Albiol, foi Iago Aspas quen dispuxo a primeira no minuto nove, cando xutou moi cruzado dende o recanto esquerdo da área, obrigando ao mangallón de López (un metro noventa e seis) a estricarse ao máximo e a desviar coas unllas  pelota a poucos centímetros do pau. Na seguinte xogada, foi Álex López quen recuncou cun soberbio pexegazo dende a frontal que permitiu lucirse ao porteiro de Paradela. Dez minutos máis tarde, sería Quique de Lucas quen enviou con moitísima intención, xusto ao ángulo dereito, unha dura falta de Pepe sobre Aspas, merecedora dun cartón.

A decoración mudou no derradeiro cuarto de hora da primeira parte, no que comezou a funcionar o ataque dinámico visitante, sobre todo cada vez que o balón chegaba ás biqueiras de Benzema, o único dianteiro madridista capaz de superar a defensa celeste polas bandas. Con todo, sería Cristiano quen enviaría un remate ao pao tras outro centro excelente do internacional francés e Callejón quen estragaría un man a man con Javi Varas, na que foi a mellor oportunidade do seu equipo durante o primeiro período. Tras a reanudación, o Madrid coa incorporación no medio do campo de Xabi Alonso gañou en orde e rouboulle o balón aos nosos. O Celta comezou a zumegar tinta. Marcelo avisou aos dez minutos cunha subida que estragou guindando o balón á grada de gol. Mais catro minutos despois, Cristiano non perdoou, aproveitando de potra un rexeite do porteiro na área pequena, tras un xute de Callejón. Marabilla foi que o Celta se sobrepuxese decontado, marcando Iago dous minutos máis tarde, aproveitando un pase de Bermejo, que acabara de entrar. Un remate do astro de Moaña case a cámara lenta, nunha posición complicada, ao que semellaba podería chegar Diego López, mais que entrou para a ledicia nosa.

Co empate no peto, o Celta recuperou a iniciativa, procurando un segundo tanto. Puido conseguilo Iago nun pexegazo que López parou in extremis. Mais foi unha xogada desgrazada, cando mellor estabamos, á que estragou un partido moi notable dos nosos. Javi Varas chegou tarde a un balón doado e derrubou a Kaká. O penalti transformado por Ronaldo pechaba as nosas grandes esperanzas. Con todo, aínda puidemos e debemos empatar cando faltando un minuto, Park toqueou ao longueiro un centro magnífico de Pranjic.  Poucas veces nesta tempada quedamos tan chafados. A afouteza do Celta non merecía esta derrota.

Campo do Fragoso CXXXIII

ENTROIDADA

Tras a entroidada que supuxo a segunda parte do Celta ninguén pode laiarse de que o paraguaio Valdez marcase no derradeiro minuto do desconto. Xa un minuto antes, Javi Varas salvara de forma prodixiosa outro balón que todos vimos dentro. Chovía sobre mollado, xa que os visitantes puideron ter marcado moito antes, cando o brasileiro Jonas xutou moi duro e Varas (magnífico toda a tarde) se estricou e foi capaz de desvíar a bóla fóra. Oportunidades froito dunha superioridade atacante abrumadora que os valencianistas teceron con paciencia ao longo do segundo período, conscientes que pechando os celestes na súa área nalgún momento atoparían un buraco para marcar. Pola contra, ao Celta fíxoselle longuísimo esta segunda parte, na que tivo moi pouco o balón. Os de Herrera sofriron unha barbaridade, sobre todo, cando tras a reanudación perderon a intensa batalla que até entón libraran con fortuna no medio do campo. Dende entón, encomendáronse na súa defensa meduliana aos auxilios da fortuna que nun sábado entroideiro lle puidese proporcionar o Meco. Porén, desta volta os ventos non lle foron propicios.

A primeira parte fóra moi nivelada. A entrada no equipo de Orellana, a derradeira fichaxe de inverno obrigou a retocar o debuxo táctico celeste. Oubiña quedaba como pivote detrás dunha medula na que Krohn e Alex López traballaban polo centro, Fabián e Augusto abrían diagonais polas bandas, deixando que arriba Iago se movese con liberdade para tender liñas con eles catro. Dende o asubío inicial, o Valencia quixo para si o balón. Ao Celta custoulle un cuarto de hora achegarse á porta de Guaita. Foi grazas á intensidade da presión dun motivadísimo Orellana, recibido pola bancada coma o seu merlo branco, cando no minuto 17 lle proporcionou a Aspas a posibilidade de superar ao porteiro cun chapeu de auténtica fantasía. O balón saíu fóra por centímetros. Pouco despois, foi un roubo de Iago o que facilitou un pase da morte sobre a área pequena ao que non chegou Augusto. Senllas excelentes oportunidades, froito da intensidade na presión, que se repetirían cinco minutos despois, cando Fabián e Iago volveron a tirar as súas paredes forzando varios saques de recanto seguidos. Foron os momentos nos que o Celta debeu marcar. Porén, o Valencia non se resignou en momento ningún. Case á media hora de xogo, Tino Costa finalizou cun bo pexegazo un ataque no que varios dianteiros valencianistas entraron como quixeron até a cociña galega. Aspas respondeu decontado cunha xutazo dende o vértice dereito da área grande que Guaita salvou coma un felino. O partido amosouse até o descanso intenso, moi nivelado, como unha grande batalla polo control do centro. Con todo, resultou premonitorio que no minuto do desconto un cabezazo do defensa Rami, tras un saque de falta, enviase o balón ao pao. Un anuncio do que sucedería corenta e cinco minutos despois.

Tras seis derrotas nos últimos nove partidos, o futuro do Celta na primeira categoría non parece moi prometedor. Os pilotos vermellos están prendidos. É innegable que o Celta ten un xogo interesante, mais carece do gol (o sal indispensable no fútbol), probablemente porque carece dun dianteiro nato (o do coreano Park é un rotundo fracaso, un chiste publicitario que pode custar moi caro). Como carece, tamén, dun mediocentro defensivo que axude a Oubiña nos labores de contención, sobre todo, nas segundas partes, cando o equipo, coma sucedeu onte, enfeblece coma o papel de fumar. Como semella que a dirección dende a banda non é nunca capaz de mellorar cos seus trocos a dirección do partido. Tras esta entroidada, o entrañable Paco Herrera non o vai ter doado, non.