Listado de la etiqueta: jaume_subirana

Entropía

Aos editores galegos que soñaron Culturgal

Jaume Subirana, vicepresidente do PEN catalán, no seu ensaio Literatura, lengua y lugar (Anagrama 2025) pregúntase se é posible continuar falando de literatura catalá nun mundo tan alterado e cambiante, no que linguas atacadas coma a súa sofren unha regresión evidente e diminúe o peso social da lectura. Coa intención de evitar converterse nun glaciar chamado a desfacerse, propón aos polisistemas do libro e da lectura repensarse en termos de entropía, esa magnitude que na física mide a enerxía non utilizable para facer un traballo e a desorde existente nun sistema. Atendendo á segunda lei da termodinámica, a que establece que a entropía tende sempre a aumentar, reclama actuacións para os sectores da lectura que lles permitan gañar enerxía. Durante décadas, as linguas e literaturas catalá, euscalduna e galega foron perseguidas de tal xeito que se sentiron tan febles que tiveron a tentación de aferrarse a unhas poucas certezas resistentes, vinculando a literatura propia coa lingua. Advertindo que ningunha literatura é un sistema pechado nin estable, que hoxe a lingua é espiñazo pero nin lente nin chumbada, que o único terreo de xogo posible é o do mercado e a industrialización e dixitalización do libro e da cultura e que nese escenario as identificacións entre espazos e linguas mudaron, Subirana propón que, se non pretendemos compracernos no agravio noso, é imprescindible unha achega de enerxía, que non é máis que capacidade de traballo, de actividade humana consciente. Noutras palabras, a nosa literatura, concibida como sistema do libro e da lectura en galego, cara o futuro precisa axitar todas as súas pezas, repensar rutinas, etiquetas e instrumentos sen renunciar a súa vontade de presenza colectiva para superar o que Álex A. Nogueira chama «fantasmas dos momentos primitivos». O Culturgal desta fin de semana, na súa décimo oitava edición con máis actividades que nunca, é unha oportunidade excelente para recibir un xute enerxético de emotividade e entusiasmo que precisamos.

Publicado en Nós diario: 26/11/2025

Petróleo

Lendo no ensaio Literatura, lengua y cultura. Termodinámica aplicada (Anagrama 2025) de Jaume Subirana, atopo os datos da potente industria editorial catalá: 885 editoras, que publican 4.000 títulos, fabrican 111 millóns de exemplares, empregan a 4.700 persoas e ocupan a 18.000 colaboradoras. Sector que factura 1.500 millóns de euros, a metade do mercado interior español do libro, dos que 600 millóns corresponden a Cataluña e 278 aos títulos en catalán, o 23 % do mercado, que en cada Sant Jordi sube ao 50 %. Sector que edita en catalán sobre 9.000 títulos por ano, cifra superior á de Grecia, que non chega aos 7.000, Suecia con 4.000, Letonia con 2.000 ou Galicia con máis de mil. Cataluña conta cunha poboación que le habitualmente en catalán do 32,5 %, en 2016 do 26, 9 %, polo tanto que se incrementa na última década, subindo ao 55,7 % no segmento de dez a trece anos. Ecosistema do libro en catalán alicerzado sobre 108 empresas, que forman parte d’ Associació d’ Editors en Llengua Catalana; 1.713 membros d’ Associació d´Escriptors en Llengua Catalana, dos que apenas o 10 % se ocupa de forma exclusiva da escritura; 460 librarías que constitúen o Gremi de Llibreters de Catalunya. Ecosistema lector animado por un potente sector de lectura pública formado por 428 bibliotecas e 12 bibliobuses, con 3,5 millóns de usuarias, o 43,7 % da poboación, considerado como un dos servizos públicos mellor valorados; ao que se engaden 1.250 certames literarios e un amplo fenómeno popular e autoxestionado de clubs de lectura. Cultura do libro e da lectura que Carlos Puigdemont, presidente da Generalitat, cualificou con fachenda en Boloña (2017), cando Cataluña foi convidada de honra, como «o noso petróleo». Estando moi lonxe desa hiperliteraturización catalá, se comparamos con realismo esas cifras coas recentes do caso galego, non é difícil inferir que existe unha ameaza real de que o futuro do libro e da lectura en galego sexa a dun bonito glaciar destinado a desaparecer de forma silenciosa.

Publicado en Nós diario: 19/11/2025