Listado de la etiqueta: isaac_diaz_pardo

Onte 980: Vintage Sargadelos

sargadelos-coleccion-vintageCoñecín onte o lanzamento dunha colección de xogos de café de Sargadelos, bautizada como «Vintage», unha reedición de tres modelos deseñados hai cincuenta anos por Díaz Pardo para Cerámica do Castro, as series Bimio, Cardos e Cactus. É unha magnífica noticia que Sargadelos, tras varios anos de parálise crítica, volva realizar o lanzamento dun novo produto con motivo do Día das Letras Galegas. Agardemos que tras esta noticia esperanzadora, as fábricas de Sargadelos do Castro e Cervo volvan recuperar a actividade doutrora. Sargadelos é máis ca unha empresa de louza, é un dos sinais de identidade da cultura galega da segunda metade do século XX.

Onte 486: Isaac

É inevitable asociar a ledicia e ilusión infantil do día de reis con Isaac Díaz Pardo xa que hai un ano que o acompañamos na súa derradeira viaxe. Pareceume unha excelente idea que no acto do seu cabodano se utilizase para lembralo un verso do seu amigo Lorenzo Varela «Unha cesta de pombas e mazás». Isaac foi o noso Leonardo do século XX, o forxador da Galicia moderna, o soño de varias xeracións de galeguistas. Isaac foi editor afouto e xeneroso, comprometido coma ningún outro na recuperación da memoria republicana de Galicia. Precisamos da vixencia de modelos de dignidade moral e de resistencia cívica como o acuñado por Isaac ao longo da súa vida. Isaac inesquecible, imprescindible. Con todos os abrazos.

Isaac, o editor da memoria

Isaac, o editor da memoria. from Illa Bufarda on Vimeo.

Magnífico traballo de Illa bufarda en homenaxe a Carlos Casares, presentado o 9 de marzo, na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores.

Onte 161: Díaz Pardo, editor clandestino

Na gravación dunha longa entrevista arredor do Díaz Pardo editor, o profesor Xesús Alonso Montero salientou o seu papel como editor clandestino. Debeuse a Isaac (baixo o alcuño de Santiago Fernández), coa colaboración de Luís Seoane (Maximino Brocos), a edición de Galicia hoy, o famoso libro colectivo de Ruedo Ibérico, editado en París e fabricado en Buenos Aires, que daba resposta ben cumprida á campaña publicitaria dos 25 años de Paz, preparada polo Manuel Fraga. Unha edición que Díaz Pardo repetiu en 2008, cando viviu un dos seus momentos máis difíciles como editor. Unha das proezas da edición antifranquista que ven moi ao fío lembrar o día que Díaz Pardo foi homenaxeado polo Museo do Pobo Galego, a institución da que foi presidente durante unha década, nun acto emocionante no que o salón de actos quedou moi pequeno.

Onte 154: Villares gaba a Isacc

Na primeira das homenaxes a Isaac Díaz Pardo, celebrada na Cidade da Cultura e organizada pola Xunta de Galicia, Ramón Villares realizou unha intervención extraordinaria, probablemente a mellor que lle teño escoitado. O presidente do Consello da Cultura Galga falou con absoluta liberdade, claridade e beleza expresiva para facer un retrato axeitadísimo da figura poliédrica de Isaac ao longo dunha vida que careceu de tempos mortos. Anotei dúas frases memorables sobre Isaac, que poden servirnos de guieiro: «Díaz Pardo combinou a beleza das formas co rigor das condutas». «Tivo unha idea ao longo de toda a vida: construír un futuro para Galicia con memoria e sen divisións sectarias». É difícil poder resumir con menos palabras a vida enteira dun artista patriota. A vindeira homenaxe será o mércores, 15 de febreiro, ás 19:30 horas, organizada polo Museo do Pobo Galego.

Onte 121: A despedida de Isaac

Estivemos nas exequias de Isaac, que se desenvolveron cun protocolo estritamente civil como correspondía ás conviccións laicas do finado, a pesar de que botei en falta nalgún dos momentos a presenza da bandeira republicana, unha das insignias da súa vida. Entre os varios centos de persoas que asistimos ao enterro foi moi gabado que os responsables do concello de Santiago, ademais de montar unha garda de honra no velorio, escollesen para Isaac un espazo de terra a carón do seu compañeiro Antón Fraguas, do poeta Aurelio Aguirre e do escritor Ramón María del Valle Inclán. Á entrada de Boisaca quedará para sempre un recanto da nosa memoria nacional, merecente de ser visitado por xeracións. Dous grandes amigos de vida foron os que alí, en nome do pobo galego, expresaron a derradeira laudatio. Entre outras moitas virtudes, Xosé Neira Vilas gabou «o escepticismo esperanzado de Isaac», unha actitude que axuda a enxergar o futuro. Pola súa banda o profesor Xesús Alonso Montero lembrou que «marcha o patrón de Galicia», un auténtico xigante que sempre reinvestíu as plusvalías de Sargadelos noutras empresas culturais ao servizo de Galicia. Ese espírito filantrópico, ese liderado construído sobre o traballo arreo, esa vontade de resistencia até o derradeiro salaio son outras das herdanzas que nos deixa Isaac, con que nos solidarizamos.

Onte 120: Isaac

Isaac foi unha das persoas marabillosas que tiven a fortuna de coñecer grazas ao meu oficio de editor. Unha beizón. Admíroo como o noso Leonardo do século XX, como o forxador da Galicia moderna, o soño de varias xeracións de galeguistas de onte e de hoxe. A acollida que nos proporcionou, durante as dúas edicións nas que celebramos os Premios Xerais no IGI de Santiago e na factoría do Castro en Sada, forma parte dos meus afectos. Dende entón, o privilexio de compartir a súa mesa ou apenas un cafeciño no IGI era o mellor agasallo que eu podía recibir. Como editor foi moi afouto e xeneroso. Arriscou a publicar libros que ningún outro editor galego asumimos. Coa colección «Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia» abriu o proceso de recuperación da memoria republicana de Galicia; proxecto que ampliou a todo o Estado coa «Biblioteca del exilio». No entanto, por riba de calquera outra das súas facetas, este xigante ensinounos a cultura do abrazo. Os membros da Asociación Galega de Editores, da que é presidente de honra, nunca saberemos como agradecerlle a súa acollida nas instalacións do IGI en San Marcos, tras deixarnos o concello de Vigo portas a fóra. Durante mías de tres anos, as instalacións do IGI, o seu fogar, foi tamén o noso. Beizóns, Isaac. Querémoste.

A miña gratitude a Antón Pulido por enviarme este magnífico retrato de 1998.

Apretas tensas

Magoadamente o artigo da semana en Faro de Vigo é a nosa humilde homenaxe ao benquerido Isaac Díaz Pardo

“Eu non fixen nada” era a frase preferida por Isaac Díaz Pardo para expresar a súa gratitude en tantas das homenaxes que recibíu no derradeiro treito da súa vida. Esa humildade, lonxe de calquera figura retórica, formaba parte esencial da personalidade deste “xigante comprimido”, como o definíu o seu amigo Valentín Paz Andrade, deste home de ollada penetrante e de enerxía concentrada capaz de encabezar o proceso modernizador de Galicia durante máis de sete décadas.

Co seu pasamento e tras unha vida plena, Galicia perde ao seu Leonardo do século XX, a ese artista contemporáneo total (pintor, deseñador, grafista e ceramista). A ese empresario modernizador, capaz de acrisolar unha marca e un estilo de facer e comunicar uns produtos tan desexados como valorados polos seus clientes. A ese político sen partido, republicán e galeguista, militante da causa da liberdade da cidadanía galega e da humanidade enteira. A ese soñador pragmático, a ese editor eficiente, paciente e comprometido, a ese investigador da cronoloxía de Galicia, a ese fotógrafo afeccionado compulsivo. Mais e sobre todo, perdemos a ese ser humano agarimeiro que fixo da cultura da acollida o primeiro sinal de identidade das empresas nas que participou.

Formado como cartelista no estudio do seu pai, con apenas dezaseis anos, fixo aqueles carteis a prol do Estatuto asinados como Xalo. Proeza que culminou cando fixo falar, por vez primeira, as pedras de Galicia, ás da Praza do Obradoiro, pintando sobre elas: “SI” ao Estatuto de Galicia. Tras as labaradas destrutoras do alzamento militar e a onda de violencia que acabou coa vida do seu pai, Camilo Díaz Baliño, cuneteado nun foxo de Palas de Rei no nefasto agosto do 36, naquel período dificil e de enorme miseria intelectual da Galicia da década dos corenta desenvolveu unha traxectoria artística exitosa como pintor. Tras formarse na Escuela de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, tivo os seus contactos iniciais co deseño industrial da man de Carlos Sáinz de Tejada. Logo viaxou a Siena, Florencia e Roma para enchouparse dos mestres renacentistas e a Londres, onde expuso con repercusión notable os seus óleos e entrou en contacto con algúns desterrados republicanos españois, como Luis Cernuda.

Probablemente, foi aquel contacto co mundo do exilio o feito decisivo que o levou a tomar a decisión radical de abandonar a súa carreira de “pintor de éxito” e cando asumíu a súa condición de artista contemporáneo. Foi o tempo no que xermolou a súa idea bahausiana, arrebatadamente moderna, de que o seu proxecto creativo debía abranguer unha pluralidade de linguaxes, privilexiando a relación coa industria, sen que isto excluíse o seu compromiso social e comunitario. Isaac constituíase, así, hai sesenta anos nun enxeñeiro de futuro que concibíu, igual que os seus admirados Seoane e Castelao, unha Galicia proxectada no mundo do seu tempo, mais sempre disposta a recuperar a súa memoria roubada. Velaí como se forxou o proxecto intelectual, empresarial e cultural –tres termos para el inseparables– dun dos heroes da Galicia contemporánea: o pasar dunhas formas (os sinais dun sistema propio de expresión das manifestacións da cultura) exclusivamente funcionais a outras que, ademais de funcionais, expresaran o contexto no que foron feitas.

Desa complexa determinación saíron os proxectos empresariais aos que Díaz Pardo entregou a vida até o seu alento derradeiro: Cerámicas do Castro (fundada en 1948), que comezou empregando as materias primas utilizadas no antigo Sargadelos para fabricar pezas de aprezable calidade, e, logo, en Arxentina, Cerámicas de Magdalena (en 1955). De novo no país, o Laboratorio de Formas de Galicia (1963), que promoveu xunto aos seus grandes amigos da cultura do exilio bonaerense (Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Antonio Baltar), concibido como plataforma para promover unha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia: o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside ou Ediciós do Castro. E, xa por último, o complexo industrial de Cerámicas Sargadelos de Cervo (1968), a formulación da industria cultural de maior relevo e transcendencia do noso tempo. Sargadelos foi, dende entón, o símbolo da Galicia moderna e eterna, recollida nun prato ou nunha cunca, nunha alfaia diminuta das que deseñaba a súa compañeira Minina ou nunha escultura da serie de Alba de Gloria.

Home de presenza livián e silenciosa, Isaac traballou arreo como primeiro responsable empresarial, deseñador, creador, promotor de Sargadelos; como editor de Ediciós do Castro –onde publicou esa extraordinaria colección “Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia”, coa que se abriu a recuperación da memoria republicana de Galicia–, como membro de patronatos e fundacións múltiples –entre elas a do Museo do Pobo Galego, da que foi un activo promotor–; como articulista semanal aceirado e crítico. En todas estas actividades, Isaac loitou contra a desmemoria que baleira de contido trascendente calquera nova iniciativa. A memoria para el foi garantía de lucidez e de compromiso, de respecto tanto pola tradición, moitas veces roubada ou ocultada (pensemos na do exilio), como, polo futuro, xa que constitúe a cartografía máis detallada para encaralo con esperanza.

Déixanos en herdanza a súa memoria de ferro, forxada tras un percorrido vital recollido no arquivo legado á Cidade da Cultura, imprescindible para entender a historia da Galicia recente. Déixanos, sobre todo, a súa pegada humana, a máis decisiva. A do seu espírito retranqueiro e piadoso que acuñou frases memorables: “Que bonito país e que carallo de xente”. A da súa cultura do abrazo, fixada no peche das súas cartas, tan brillante como emotivo: “Apretas tensas”.