Listado de la etiqueta: irmandade

Irmandade ártica

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás irmandades da cidade de Vigo, en especial coa de Nasraq, localidade de Groenlandia:

As irmandades entre cidades naceron tras a Guerra Mundial, cando Eisenhower creou o movemento de Cidades Irmandadas e en Europa se pretendían crear lazos de amizade e coñecemento entre cidades que tiñan características semellantes ou metas comúns. Irmandades que tiñan o seu precedente na establecida en 1931 entre Toledo e a súa homónima do estado de Ohio, a primeira documentada no mundo. Habería que agardar á Reforma Política e a constitución das corporacións democráticas para que esta forma de cooperación se estendese a máis de trescentos concellos de toda España.

Vigo non quedou fóra deste movemento internacionalista, expresión simbólica de paz e fraternidade entre os pobos. Coa alcaldía de Manuel Soto, que gobernaba Vigo como cidade estado, irmandouse con Lorient (1983), cidade portuaria bretoa, que organizaba coma Vigo un gran festival de música celta. No mesmo ano fíxoo con Narsaq, porto pesqueiro de Groenlandia. En 1986 con Porto, cooperación reforzada coa cidade portuense en 1992 coa posta en marcha do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Coa alcaldía de Carlos G. Príncipe, Vigo irmandouse con Buenos Aires (1992) e Caracas, grandes urbes acolledoras de comunidades galegas, saídas do porto transatlántico vigués. Por último, coa alcaldía de Abel Caballero Vigo irmandouse en 2010 con As Palmas de Gran Canaria, en 2014 coas mexicanas de Celaya e Durango e en 2016 coa chinesa de Qingdao, cidade de máis de dez millóns de habitantes, colonia alemá no dezanove, famosa en todo o mundo pola súa cervexa Tsingtao (1903).

Destas nove irmandades de Vigo, a de Narsaq, localidade de 1.200 habitantes do concello de Kujalleq, no sur de Groenlandia, é a máis insólita, anticipándose ao interese actual pola illa máis grande do planeta. Con raíces na cultura viquinga, o chamado «pao de Narsaq» é a primeira inscrición rúnica descuberta en Groenlandia, comparte con Vigo o seu carácter de porto atlántico de augas profundas e nodo estratéxico para as comunicacións radiofónicas HF/DE, ademais de ter unha fábrica de Royal Greenland, histórica industria de procesado de peixe. Irmandade xestada naquel Vigo convulso dos oitenta, sumido na crise dos caladoiros e da reconversión industrial. O alcalde Soto cría que coa diplomacia da casa do concello, se podía axudar a atopar novas pescarías para a frota viguesa. Entre as posibilidades estudadas, reparouse nas de Groenlandia, illa ártica de administración dinamarquesa, cuxas pescarías quedaban fóra das limitacións da entón Comunidade Económica Europea (CCE), da que España aínda non formaba parte.

Dende a alcaldía organizouse unha viaxe até o porto groenlandés, con saída o 28 de febreiro de 1983. Soto convidou a que o acompañasen un membro de cada grupo municipal (Riera por UCD, Núñez polo PCG, García por EG), un representante da Cooperativa de Armadores (López Veiga) e da Cámara de Comercio (Casuso) e dous xornalistas veteranos, Segundo Mariño e Francisco Armesto, que coas súas crónicas enxeñosas fixeron mítica aquela viaxe en jet privado, da que se dicía custou 4,5 millóns de pesetas, con escalas en Islandia e pernocta incluída en base militar estadounidense. A viaxe foi devolta un ano despois, cando o 8 de abril de 1984, Agnette Nielsen, a alcaldesa de Narsaq, visitou Vigo acompañada de tres membros da súa corporación. Foi a vez primeira que en Vigo se falou publicamente inuit, lingua propia dos visitantes, á que foron traducidas todas as intervencións pronunciadas no xantar de honra que se lles ofreceu no Pazo de Castrelos. Certo é que esa irmandade ártica non abriu os caladoiros que precisaba a frota viguesa, mais anticipou o interese  por un territorio estratéxico, entre océanos, epicentro dos intereses estadounidenses actuais, xeado nas súa maior parte, ligado a Europa dende hai un milenio, até 1814 a Noruega e dende entón a Dinamarca.

Na tarefa de proxección internacional de Vigo, podería recuperarse a política de irmandades, reactivando as máis consolidadas, como a de Porto, e abrindo outras con cidades coas que existan afinidades culturais e económicas. Este é o caso de Nantes, cidade bretoa portuaria, con industria naval, berce de Jules Verne, cidade verniana por excelencia coa que non sería difícil compartir proxectos como o das «Machines de l´ile». Como tamén serían acaídas irmandades con cidades europeas con presenza de comunidade galega, algunha das suízas de fala alemá, como Basilea, Zug ou Zurich. E se quixeramos abrir o gran angular cara o continente americano, as candidaturas de Newark, Niteroi ou Salvador da Baía poderían ser consideradas. En todo caso, o concello de Vigo, sabendo que Groenlandia está hoxe ameazada, podería expresar a súa fraternidade e apoio a poboación inuit de Nasraq, a súa esquecida irmandade ártica.

Vai con sentidiño

Dedico o derradeiro artigo do ano en Faro de Vigo á escolla de «sentidiño» como palabra galega do ano:

«Sentidiño» é a palabra galega do ano 2019 escollida por votación popular entre as usuarias do Portal das Palabras, espazo didáctico e de apoio léxico na rede da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Entre as outras palabras finalistas («feminicidio», «narcosubmarino», «quecemento global», «ecocidio» e «negociación»), máis da metade das votantes apoiaron este xeito xenuinamente galego de denominar o «sentido común», noutro ano no que as preocupacións sociais estiveron encabezadas pola denuncia da violencia machista, a reivindicación da igualdade de xénero e a problemática do cambio climático e de xestión sostible dos recursos naturais. «Sentidiño» únese así o corpus léxico que Víctor Freixanes, o presidente da Academia, definiu como «palabras crónica», termos referenciais das preocucpacións da nosa comunidade de falantes, como os escollidas en anos anteriores «deseucaliptización« (2018), «afouteza» (2017), «irmandade» (2016), «refuxiado/a« (2015) ou «corrupción» (2014).

A elección de «sentidiño» non é contraditoria coas angueiras de igualdade e sostibilidade, sobre todo se atendemos a incerteza provocada polas dificultades para formar goberno ou polo ascenso en todo o mundo de formas autoritarias do exercicio do poder, presente nos medios e nas redes sociais coas súas fake news, na medida que para o Portal das Palabras o «sentidiño é unha boa calidade que nos define como seres humanos e que nos axuda a sobrevivir no medio». Un termo sinónimo do «sentido común», que o Gran Dicionario Xerais da Lingua (2009) define na súa primeira aceptación como «capacidade de xulgar e obrar acertadamente» e na súa segunda, seguindo a tradición aristotélica, como «o sentido que unifica e coordina todos os datos da experiencia sensible». Definicións que o dicionario da RAG sintetiza apenas como «bo xuízo», para unha palabra que ten equivalencias noutras linguas romances como o «bom senso» portugués, o «seny» catalán, o «buonsenso» italiano ou o «bon sens» francés. Palabras ou locucións todas elas que dunha ou doutra maneira fan referencia ao emprego da sensatez, esa calidade das persoas que nos máis diversos contextos actúan con equilibrio de forma asisada.

Quizais, esta acepción de «sentidiño» como sinónimo de sensatez e prudencia, como bo entendemento para falar e actuar, sexa a que mellor aniñou na fala popular capaz de acuñar expresións de noso, utilizadas tanto polas persoas que utilizan decote o galego como a súa lingua vehicular coma aqueloutras que o fan en castelán con prosodia galega. Velaí ese «vai con sentidiño» co que os avós e as avoas galegos despiden con complicidade aos seus netos e netas canda van de festa, ao que algunhas destas maiores engaden, non sen retranca, «vai a modo e volve axiña». Velaquí esoutro «sentidiño» que noutro contexto comunicativo mais formal, como «poñer sentidiño» (ou «poñer os cinco sentidos»), equivale para nós a «atender con todo o interese e atención posible», expresión dunha forma de aberta complicidade coa interlocutora, que agora denominamos empatía. Velaí como concibido así de forma ampla e agarimosa o sentidiño ten o seu antónimo en «arrouto» ou «arroutada», que o Gran Dicionario Xerais define na súa segunda acepción como «impulso que move a falar ou actuar sen reflexión previa» e do que o dicionario da Academia ofrece como sinónimo de «arrebato» e «rauto».

Interpreto que esta improvisada homenaxe popular á palabra «sentidiño» non pode caer en saco roto. En primeiro lugar pola utilización afectiva do sufixo «-iño», forma enxebre do diminutivo que a nosa fala popular inclúe no territorio dos afectos, como ben sabía Rosalía de Castro e estudou o profesor Xosé Freixeiro Mato. Mais tamén, polo que esta escolla supón de chamamento político implícito á cordura e ao diálogo transversal para saír desta última década de conformismo paralizante que agoira a morte de Galicia, ao que tampouco son alleos os excesos daqueloutros afeitos a botar para fóra sen encomendarse nin a deus nin ao demo. Un chamado discreto e sutil a actuar con sentidiño ás portas dunha convocatoria electoral ao Parlamento de Galicia que debería ser atendido, tamén, polas forzas políticas da oposición, obrigadas a ofrecer unha alternativa sensata e de bo xuízo, o que non vai ser doado despois de tres lexislaturas confusas de desunión e desesperanza.

Sentidiño que moito botamos tamén en falta en Vigo, cidade sometida hoxe aos rigores dun inxustificable bloqueo autonómico e da vertixe da desmesura populista e dos seus arrebatos grandilocuentes. Sentidiño como reivindicación da cultura da mesura, da calma, da paciencia e do diálogo aberto entre diferentes como mellores fórmulas para abordar a resolución do común.

Feliz 2020, con amor, saúde e sentidiño!

Onte 1804: «Irmandade» palabra do ano 2016

en_irmandadeO portal das palabras escolleu «irmandade» como a palabra do ano 2016. Unha iniciativa que converte unha palabra galega (en 2015 «refuxiado», en 2014 «corrupción») en símbolo compartido, resume de afáns, preocupacións e vidas ao longo de todo un ano. Palabra, nesta caso, que expresa tanto o afecto compartido como a asociación de persoas con afinidade de crenzas e ideais. Neste 2016 que remata, ano do centenario da creación das Irmandades da Fala, expresa unha nova fraternidade e soridade galeguista, que acuñamos como lema da celebración («En irmandade») dos Premios da Crítica Galicia. Xaora, no 2016, que para nós será sempre o ano do pasamento do mestre Agustín Fernández Paz, a palabra «irmandade» resume coma ningunha outra as conviccións, os ideais e os anceios que tantas e tantas persoas compartimos con el.