Listado de la etiqueta: gran_dicionario_xerais_da_lingua

Vai con sentidiño

Dedico o derradeiro artigo do ano en Faro de Vigo á escolla de «sentidiño» como palabra galega do ano:

«Sentidiño» é a palabra galega do ano 2019 escollida por votación popular entre as usuarias do Portal das Palabras, espazo didáctico e de apoio léxico na rede da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Entre as outras palabras finalistas («feminicidio», «narcosubmarino», «quecemento global», «ecocidio» e «negociación»), máis da metade das votantes apoiaron este xeito xenuinamente galego de denominar o «sentido común», noutro ano no que as preocupacións sociais estiveron encabezadas pola denuncia da violencia machista, a reivindicación da igualdade de xénero e a problemática do cambio climático e de xestión sostible dos recursos naturais. «Sentidiño» únese así o corpus léxico que Víctor Freixanes, o presidente da Academia, definiu como «palabras crónica», termos referenciais das preocucpacións da nosa comunidade de falantes, como os escollidas en anos anteriores «deseucaliptización« (2018), «afouteza» (2017), «irmandade» (2016), «refuxiado/a« (2015) ou «corrupción» (2014).

A elección de «sentidiño» non é contraditoria coas angueiras de igualdade e sostibilidade, sobre todo se atendemos a incerteza provocada polas dificultades para formar goberno ou polo ascenso en todo o mundo de formas autoritarias do exercicio do poder, presente nos medios e nas redes sociais coas súas fake news, na medida que para o Portal das Palabras o «sentidiño é unha boa calidade que nos define como seres humanos e que nos axuda a sobrevivir no medio». Un termo sinónimo do «sentido común», que o Gran Dicionario Xerais da Lingua (2009) define na súa primeira aceptación como «capacidade de xulgar e obrar acertadamente» e na súa segunda, seguindo a tradición aristotélica, como «o sentido que unifica e coordina todos os datos da experiencia sensible». Definicións que o dicionario da RAG sintetiza apenas como «bo xuízo», para unha palabra que ten equivalencias noutras linguas romances como o «bom senso» portugués, o «seny» catalán, o «buonsenso» italiano ou o «bon sens» francés. Palabras ou locucións todas elas que dunha ou doutra maneira fan referencia ao emprego da sensatez, esa calidade das persoas que nos máis diversos contextos actúan con equilibrio de forma asisada.

Quizais, esta acepción de «sentidiño» como sinónimo de sensatez e prudencia, como bo entendemento para falar e actuar, sexa a que mellor aniñou na fala popular capaz de acuñar expresións de noso, utilizadas tanto polas persoas que utilizan decote o galego como a súa lingua vehicular coma aqueloutras que o fan en castelán con prosodia galega. Velaí ese «vai con sentidiño» co que os avós e as avoas galegos despiden con complicidade aos seus netos e netas canda van de festa, ao que algunhas destas maiores engaden, non sen retranca, «vai a modo e volve axiña». Velaquí esoutro «sentidiño» que noutro contexto comunicativo mais formal, como «poñer sentidiño» (ou «poñer os cinco sentidos»), equivale para nós a «atender con todo o interese e atención posible», expresión dunha forma de aberta complicidade coa interlocutora, que agora denominamos empatía. Velaí como concibido así de forma ampla e agarimosa o sentidiño ten o seu antónimo en «arrouto» ou «arroutada», que o Gran Dicionario Xerais define na súa segunda acepción como «impulso que move a falar ou actuar sen reflexión previa» e do que o dicionario da Academia ofrece como sinónimo de «arrebato» e «rauto».

Interpreto que esta improvisada homenaxe popular á palabra «sentidiño» non pode caer en saco roto. En primeiro lugar pola utilización afectiva do sufixo «-iño», forma enxebre do diminutivo que a nosa fala popular inclúe no territorio dos afectos, como ben sabía Rosalía de Castro e estudou o profesor Xosé Freixeiro Mato. Mais tamén, polo que esta escolla supón de chamamento político implícito á cordura e ao diálogo transversal para saír desta última década de conformismo paralizante que agoira a morte de Galicia, ao que tampouco son alleos os excesos daqueloutros afeitos a botar para fóra sen encomendarse nin a deus nin ao demo. Un chamado discreto e sutil a actuar con sentidiño ás portas dunha convocatoria electoral ao Parlamento de Galicia que debería ser atendido, tamén, polas forzas políticas da oposición, obrigadas a ofrecer unha alternativa sensata e de bo xuízo, o que non vai ser doado despois de tres lexislaturas confusas de desunión e desesperanza.

Sentidiño que moito botamos tamén en falta en Vigo, cidade sometida hoxe aos rigores dun inxustificable bloqueo autonómico e da vertixe da desmesura populista e dos seus arrebatos grandilocuentes. Sentidiño como reivindicación da cultura da mesura, da calma, da paciencia e do diálogo aberto entre diferentes como mellores fórmulas para abordar a resolución do común.

Feliz 2020, con amor, saúde e sentidiño!

Onte 1275: Crego

Crego_25-03-2015

Todos os membros do cadro de Xerais celebramos onte a xubilación de Xosé Manuel García Crego, o noso director de edición. Foi un xantar feliz nun día luminoso, mais tamén inevitablemente saudoso, no que expresamos a nosa gratitude, admiración e agarimo para quen é o noso referente profesional e humano na profesión da edición. Crego pecha o seu currículum profesional tras 11.442 días en Xerais, máis de tres décadas, tras ter sido o responsable da edición e fabricación de case 3.500 títulos en lingua galega. Unha proeza que forma parte xa da historia da edición galega. En todos e cada un deles, dunha ou doutra maneira, Crego deixou a pegada do seu rigor na composición do libro, na elección dos materais e no seu acabamento. En cada un deles respectou as características e singularidades de cada texto que pretendeu facer un libro único.

Ocupouse Crego da edición e fabricación de todo tipo de obras, dende os complexos libros de texto ás coleccións infantís, pasando polas primeiros libros ilustrados de Xerais como a marabillosa triloxía de Ferrín da década de 1980, até os discos da aventura musical de Xerais Media ás revistas como Golfiño ou Bravú, no que dirixiu a fabricación do primeiro pasaporte galego. Dirixiu a edición de obras extraordinarias para a nosa lingua, como o Dicionario dos seres míticos galegos, ilustrado polo seu amigo Lázaro Enríquez, ou as dúas edicións do Gran Dicionario Xerais e do resto da liña de dicionarios da que foi responsable. Mimou a edición de facsímiles de gran valor como La primera luz de Murguía, a primeira edición de Longa noite de pedra e da Noite estrelecida, ou Galicia de Murguía, hoxe consideradas valiosas edicións de bibliófilo. Imposible resumir nunhas liñas un labor editorial extraordinario. Nos últimos anos, mimou a produción das gravacións musicais dos nosos métodos de Educación Infantil coa paciencia teimosa e o amor a lingua galega que desenvolveu tamén nesoutra fantasía colectiva que é Cantares do Brión.

Crego é un enxeñeiro do libro galego, un dos grandes editores galegos contemporáneos, unha das trabes de ouro da nosa edición nestas tres décadas. Con todos os abrazos para a súa mestría e amizade. Sempre, sempre.

Cadro_de_Xerais_25-03-2015jpg