Listado de la etiqueta: grada_de_gol

Novo Mundial para Balaídos?

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre o debate arredor da candidatura de Balaídos a ser sede do Mundial de Fútbol masculino de 2030:

Merécelle a pena a Vigo ser unha das sedes españolas do Mundial de fútbol masculino 2030? Que lle achegaría esta participación ao Celta SAD e a súa canteira? Canto lles custaría ás administracións a ampliación da capacidade de Balaídos até as 43.500 prazas esixidas pola FIFA organizadora desta Copa Mundial, que coincide co seu Centenario? Para xogar en Balaídos dous, tal vez tres, partidos, compensaralle a Vigo gastar os case 50 millóns da obra da nova Tribuna, aos que habería que engadir outras no estadio e os centros de adestramento requiridos, co que superarían os 62 millóns de euros, en boa medida a cargo do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra? Trátase dun proxecto estratéxico para o Vigo do medio século XXI ou doutra saída pola porta grande da permanente e antipática desavinza entre o concello de Vigo e a Xunta de Galicia, que pretende permanecer como espectadora?

Para abordar semellante dilema, axuda lembrar o que supuxo para Vigo aquel Mundial do verán de 1982 no que Italia xogou no grupo I os seus partidos en Balaídos, dende o inaugural do 14 de xuño con Polonia (0-0), despois con Perú (1-1) até finalizar con Camerún (1-1), unha decepcionante actuación do equipo de Enzo Bearzot, mais que remataría gañando a Copa. Secasí, o mundial obrigou a construír unha nova grada de Río, para 14.000 localidades en dúas bancadas e a canalizar por debaixo do estadio o río Lagares coa intención de rematar coas inundacións continuas do terreo de xogo. Modernización de Río, promovida en boa medida polo concelleiro Antonio Nieto Figueroa «Leri», inaugurada o 6 de maio de 1982 coa homenaxe a Manolo, cuxa estrutura é a da grada actual, non exenta de polémica, sobre todo polo deseño previsto dunha sala de prensa coa forma dun ovni, da que se prescindiu a última hora, ocupando os xornalistas os baixos, hoxe instalacións deportivas municipais. Ademais, construíuse un túnel, que comunicaba Río con Tribuna, con saída ao campo por detrás de Gol. A presenza de Vargas Llosa como cronista de Perú, a realización doutras competicións de ciclismo, atletismo e traíñas, ademais dun espectáculo de acróbatas italianos na Estación Marítima deron un pouco de cor a tres xornadas de escaso fútbol con apenas catro goles.

Por desgraza, este dilema mundialista 2030 quedou manchado polo procedemento confuso e arbitrario utilizado pola Real Federación Española de Fútbol para escoller once sedes, que deixou a Vigo fóra sen que nunca se coñecesen as puntuacións utilizadas. Máis aínda, informacións xornalísticas amosaron que Balaídos estaba incluído na primeira lista de candidatas, mais que noutra posterior, utilizando baremos nunca divulgados nin que tampouco aparecían nos pregos de condicións, foi superado pola portas de atrás por Anoeta. Trasacordo que Rafael Louzán, presidente da RFEF nunca aclarou, a pesar da solicitude razoada do alcalde Caballero, o que levou a que o Goberno solicitase a FIFA que outorgase a España trece sedes –hai outras seis e Marrocos, tres en Portugal e tres partidos de celebración do Centenario en Arxentina, Uruguai e Paraguai–, o que parece improbable e permitiría o rescate de Valencia e Vigo. Hai evidencias abondas de que foron criterios discrecionais os que deixaron a Vigo no corredor de agardar, sen que a candidatura presentada polo concello tivese sequera a oportunidade de revisar o seu expediente nun procedemento opaco e espurio. Proceso no que se abriu outra xanela de oportunidade cando renunciou Málaga, tanto polo custe elevado das obras da Rosaleda como por considerar que prexudicaría á afección malaguista.

Tras a experiencia frustrante do Mundial do Naranjito do 82 e o nefasto procedemento de escolla recente das sedes do Mundial do Centenario, creo que nin a Vigo nin ao Celta lles vai a vida en participar nesta lea carísima, para xogar dous partidos, talvez tres, o que obrigaría a manter o estadio de Balaídos en precario durante as cinco vindeiras tempadas. Certo que o Celta no seu actual despegue de público mozo precisa de localidades para cinco mil abonados máis, que podería acadar coa inauguración de Gol, pero moito me temo que 43.500 é un horizonte inalcanzable na vindeira década. Sen esquecer que 62 millóns de euros é unha cantidade elevada, máis aínda se non se conta co compromiso da Xunta de Galicia de participar no proxecto mundialista xunto co Concello e a Deputación. Son moitos os mozos e mozas celtistas que preferirían que os cartos necesarios para axeitar Balaídos ao Mundial se dedicasen a ampliar o capital da futura Empresa Pública Municipal de Vivenda, EMVIGO, que se anuncia contará cun capital inicial de 4,5 millóns de euros, unha esperanza que se abre para eles e elas. Con todo, pagaría a pena que a alcaldía escoitase as voces diversas deste debate dilemático, que continúa aberto na rúa.

Oficio de Gol

O Celta de Claudio Giráldez abriu na noite do pasado venres o fachinelo dos soños cunha vitoria axustada e merecida diante dun Osasuna de Vicente Moreno superior durante case toda a primeira parte. Tres puntos –sete de nove nos tres últimos encontros–, que confirman a saída dos celestes do baixón na clasificación –quizais menos no xogo– coa que comezaron o ano 2025 e que con trece datas por diante –seis na casa con rivais accesibles– permite antes do entroido enxergar a cifra da corentena, onde está o obxectivo da tempada, a da permanencia, ampliando a trece as continuadas en Primeira, un fito na historia do club e do fútbol galego. Horizonte desexable para unha afección experimentada en mil padeceres na tolería da tómbola das cinco últimas xornadas, que reclama gozar (por fin!) dun final de liga tranquilo. Obxectivo realista para o propio proxecto de canteira dun club con proxección global, que precisa consolidar resultados e acumular experiencia para un cadro moi novo que da man do valente adestrador porriñés perdeu calquera asomo de inocencia.

Vitoria que coincidiu coa saudade da despedida da grada de Gol, cuberta pola viseira de formigón dende comezos dos setenta. Bancada construída sobre o espazo do primixenio fondo sur aberto, que permitía mirar os partidos a aqueles chaíñas capaces de gabear polas altísimas abeleiras que bordeaban as extremas do campo de fútbol da Florida  como testemuñan para a historia do celtismo máis acrobático e arriscado as fotografías de Magar. Grada onde xermolou en 1987 a peña Celtarras e na que se viviron días heroicos de celtismo acuático, anegada polas enchentes do Lagares, que nin respectaban a historia do túnel e escaleira de saída dos vestiarios. Grada do celtismo popular, protagonizou xornadas inesquecibles como a do debut de Iago Aspas en 2009, que marcou na portaría de Gol os dous goles salvadores ao Deportivo Alavés, iniciando as incribles estatísticas do Merlín de Moaña que nesta despedida tivo tamén o seu gol para a historia.

Sempre leal ao seu libro de novidades, Giráldez non repetiu once: mantivo a súa defensa habitual, que funcionou a un gran nivel; recuperou a Moriba como acompañante de Sotelo no centro, os dous cunha actuación correcta; mantivo nas bandas a Mingueza, moi discreto na primeira parte, e a Carreira, outra vez un dos mellores; sendo novidade na dianteira, xunto a Borja e Williot, a presenza de Fer López, unha luz que escintilea cada vez que toca a pelota, mellorando a xogada e convocando até tres rivais, substituído de forma prematura, tras ser amoestado. Como, por desgraza, os de Giráldez repetiron o que comeza ser un desagradable costume, o de entregar aos seus opoñentes, canto menos, a primeira media hora de xogo. Sucedeu co Betis e repetiuse co Osasuna, que asoballou ao Celta meténdoo na súa propia área durante o primeiro cuarto, obrigado a defender de forma angustiosa en bloque baixo coma se do derradeiro cuarto do partido se tratase. No segundo, a estratexia de Moreno non ofrecía dúbidas: lanzado polos medios que apagaron a Sotelo e Moriba, Bryan Zaragoza estiraba aos iruñeses que tiñan como referencia a Budimir, un dianteirazo que librou unha dura batalla con Starfelt, gañada polo celeste aos puntos. Por fortuna, nos minutos finais da primeira parte, os celestes conseguiron despregarse pola banda de Mingueza e Williot e xutar entre os tres paos nun par de ocasións, con todo, un pobre balance para aspirar a levar o partido.

Como acostuma, Giráldez no vestiario simplificou a súa pizarra e cargou as pilas aos seus cun plan de partido máis nítido. E como acontecera co Betis, coa continuación ofreceu outra enerxía que fluía polos corredores de Mingueza e Carreira. Foi un remate soberbio do carrileiro vigués e outra chegada de Williot, as que anunciaron que o Celta ía a polo partido. Giráldez entendeu que a sintaxe do xogo obrigaba a introducir verbos transitivos. Fixo reaparecer a Aspas que en apenas tres minutos sacou da chistera un pase na liña de fondo sobre Borja que provocou que Torró o trabase. Penalti claro, transformado con solvencia polo capitán, que mirou sobre a grada de Gol, como fixera dezaseis anos antes, un exercicio que lembra o que se di en Mantelas «de quen de novo foi bailador, de vello dálle un xeitiño». Con vinte minutos por diante, Giráldez tirou do libro do oficio, confiando toda a responsabilidade a súa defensa, liña que modifica só en caso de continxencia. Marcos Alonso, Starfelt e Javi Rodríguez, os tres inmensos, souberon resistir as acometidas dos vermellóns e o perigo do seu balón parado. O adestrador de Cans amosaba outra vez a validez da súa estratexia de xogo paciente e creativo. Agradeceuno a bancada cunha despedida emocionada á grada de Gol, con foto para a historia incluída. Puro celtismo!

Publicado en Faro de Vigo: 23/02/2025