Artigos

Febreiro marrucheiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao refraneiro de febreiro, mes marrucheiro en tempo de Entroido:

O mes de febreiro, o máis curto do ano, foi manancial inesgotable para o refraneiro e a cultura popular agraria galega. Hai máis de trinta anos que o académico Xesús Ferro Ruibal escolmou no seu Refraneiro Galego Básico (Galaxia 1987) máis de dúas ducias de textos que facían referencia ao carácter cabriteiro (tamén bautizado no refraneiro como verceiro, escarabanadeiro, grileiro, molineiro, mexadeiro, bertoeiro…) dun tempo no que pola Candeloria se casan os paxariños (o noso día do amor) e habitualmente se celebra o Entroido e a súa exaltación transgresora e larpeira: «Febreiriño corto, cos seus días vinte e oito, se duras máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor para ir con ela, nin cornos no carneiro nin orellas ao pregoeiro». Refrán que alude á dureza meteorolóxica dun mes frío («febreiro sete capas e un sombreiro»), chuvioso («a auga de febreiro fai o palleiro») e de nevaradas («dure a miña veciña o que a neve febreiriña»), considerado o «pior de todos».

Cadora, a sabedoría do refraneiro e do prognóstico meteorolóxico popular admite a figura do trasacordo, razón pola que ten previstos outros refráns para aqueles febreiros máis levadeiros, como o que polo momento vai este ano: «se febreiro non febreirea, marzo marcea»; agoiro que pode resultar máis ou menos preciso se lembramos que «febreiro camiseiro, nin boa meda nin bo palleiro» ou aqueloutros que din «febreiro quente, trae o demo no ventre» ou «un día bo en febreiro é un ladrón no eido». Prognósticos que coas mudanzas do cambio climático probablemente conviría reconsiderar, como aqueloutro que reza «polo San Matías (24 de febreiro) iguala as noites e os días», percepción popular do ciclo solar unha miga imprecisa xa que adianta case un mes a chegada do equinoccio de primavera, que este ano 2020 será o 20 de marzo ás 3:50 horas.

Sexa febreiriño levadeiro e bisesto coma o actual («ano bisesto, ano funesto»?), non hai dúbida do seu carácter de mes larpeiro e lambón por excelencia no calendario de noso, xa que este tempo da cerna do entroido é o preferido para compartir os cocidos, os bolos do pote, as cacholadas, as boteladas, as androlladas e os lacóns con grelos, pratos que preceden á proba de filloas, freixós e outros encaixes de mesa como orellas de frade, chaolas, follas de limón, flores, chulas, sapos da Limia ou bicas e rosquillas coas que se pechan as enchentes destes días. Expresións dunha cultura gastronómica popular que pese a práctica desaparición da cultura agraria tradicional na que naceu (coma a do refraneiro ou a de correr o entroido) renace hoxe na Galicia urbana como recreación cultural culinaria e expresión dun estado de ánimo vitalista e festeiro.

Febreiro que celebra cada 24 o nacemento de Rosalía de Castro, un aniversario que coincide este ano co luns de entroido, no que a Fundación Rosalía (https://rosalia.gal) promove a recuperación ese día do Caldo de Gloria na carta de máis dun cento de bares e restaurantes de todo o país. Unha iniciativa de recuperación culinaria inspirada no poema «Miña casiña, meu lar» de Follas novas no que a poeta de Padrón explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria dunha muller pobre. Unha recuperación ou re-creación do Caldo de Gloria, o bolo do pote, no que a FR recomenda seguir as instrucións que a autora nosa dá no poema ou consultar a receita enxebre que Picadillo achega en La cocina práctica (1905): «o caldo galego de verdade redúcese sinxelamente a unha mestura de patacas, feixóns, verduras e unto de porco, rancio, e máis nada». Reinvención do caldo galego en data tan sinalada que se pode facer nos propios fogares, como a de-construción da receita do cocido galego en termos de cociña saudable, que tivemos a fortuna de gozar na mesa viguesa da doutora Eva Estévez, unha auténtica marabilla de sabores tradicionais que contribúen á modernización do primeiro dos nosos pratos da cociña de inverno.

Como febreiro é por excelencia o mes das filloas, ou freixós (no norte da provincia de Lugo) ou marruchos (na Ramallosa e noutras parroquias do Val Miñor), a primeira das nosas sobremesas de inverno, unha especialidade que non só está presente na cociña galega, velaí as crêpes bretoas ou os pancaques arxentinos ou uruguaios. Filloas ou marruchos, sometidos tamén a un necesario exercicio de de-construción modernizadora, cuxa presenza na carta de sobremesas era para Álvaro Cunqueiro indispensable para calquera restaurante ou casa que pretendese ser considerada galega. Proba da filloa na que abonda acompañala de azucre ou mel, sabendo que esta froita de tixola ten moi diversas receitas en Galicia enteira. Gocen destes días felices en tempo de entroido corredoiro, unha oportunidade magnífica tamén para febreirear na mesa coas persoas queridas.

Onte 1907: Presentación en Rianxo da biografía de Manuel Antonio preparada por Xosé Luís Axeitos

Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, presentou onte no Auditorio de Rianxo diante dun cento de persoas Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía a biografía documentada e referencial de Xosé Lúis Axeitos sobre o autor de De catro a catro. Unha obra que Angueira comezou cualificando de extraordinaria, «un traballo que pon o ramo a toda a obra do profesor Xose Luís Axeitos sobre Manuel Antonio, despois da edición da poesía, da prosa e do epistolario». «Un ramo marabilloso, xa que o intelectual Axeitos ofrece un tipo de biografía pouco convencional, unha biografía de estrutura fragmentaria na que documenta de forma exhaustiva a vida dunha persoa, o que permite o achegamento máis cabal á figura do poeta Manuel Antonio».

A seguir, Angueira foi debullando as diversas mareas que Axeitos ofrece sobre a figura de Manuel Antonio. En primeiro lugar sinalou a de Rianxo, a vila onde naceu, mais na que case non viviu, xa que o fixo tamén en Padrón, Vigo e Compostela. «Practicamente non viviu aquí, mais Rianxo é a capital literaria de Manuel Antonio, a súa paixón literaria, o epicentro da súa vida. Aquí esta a súa xeración, a de Dieste e a dos primos de Castelao. Mais Rianxo non é só unha paisaxe física, é sobre todo unha paisaxe humana, aquí esta o mundo que el ama». Angueira identificou na familia a segunda marea da biografía: «no libro hai unha documentación moi exhaustiva sobre a familia, tanto sobre os Pérez como sobre os Sánchez, na que sobrancea a figura da nai coa que o poeta, a pesar da distancia ideolóxica, mantén un fío de unión ao longo de toda a súa vida». Identificou a terceira coa da formación, iniciada na escola de Padrón, instalada na mesma casa onde se criou Rosalía de Castro coa súa nai, continuada en Compostela, onde asinou o pacto de sangue co galeguismo e defendou o monolingüismo galego, e finalizada en Vigo onde estudou na Escola de Náutica.

Angueira identificou como marea determinante en Manuel Antonio a navegación por todos os mares literarios: «admírame a disciplina individual deste mociño que dende Asados está atento a todo o que pasaba no mundo, gardando todo con enorme disciplina». Particular importancia concedeu Angueira a marea de Manuel Antonio navegante, recollida nos seus diarios de navegación, «sobre todo o que escribiu a bordo do paquebote Cándido Candeira, un barco marabilloso dedicado ao transporte de madeira dende Camposancos a portos do Mediterráneo, máis tamén do transatlántico holandes Gelria e o pesqueiro Arosa». Detívose tamén Angueira na marea dos compromisos éticos de Manuel Antonio: «ao principio foi agrarista, despois nacionalista permanentemente, dos da estreliña». «Manuel Antonio asumiu encrucilladas políticas e estéticas, mantivo polémicas con Castelao sobre o papel da arte popular e sobre todo co grupo de galeguistas de Ourense, cos que nunca se entendeu, chegando a formar un grupo secreto que bautizou como “Rexurdimento”». «Na biografía tamén se aborda a enfermidade, explicándose como a adquiriu e coa discreación e dignidade coa que a enfrontou, non facendo nunca da súa doenza unha materia literaria».

Rematou o seu discurso Angueira facendo fincapé na importancia de dous documentos literarios extraordinarios, o manifesto Máis alá! e o libro De catro a catro. «Manuel Antonio pretendeu facer unha literatura grande, afastada de calquera ruralismo. A súa obra foi secuestrada durante un tempo, mais por ventura agora pode ser lida libremente. Mais a pesar do maltrato que recibiu nunca se puido secuestrar o seu rumbo. Manuel Antonio estivo aí e estará no futuro da literatura galega. estivo cando a Nova Narrativa tantaba abrirse camiño e Gonzalo Mourullo escribe a «Carta a Manuel Antonio». Estivo no 79 cando os membros do grupo Rompente reclamaron «Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio». Como estivo en 2002 cando se crearon as Redes Escarlata. Manuel Antonio foi unha figura rebelde, imprescindible».

Na súa intervención, Xosé Luís Axeitos definiu a súa obra como «unha biografía documentada en forma ensaística, na que eliminei todo o aparato crítico académico coa pretensión de facilitar a lectura», «renunciei a ofrecer moita da información que tiña, sendo consciente sempre que as biografías as fan cada un dos lectores, razón pola que nunca son definitivas». O autor confesou que manexara a documentación do arquivo da Fundación Barrié, mais que tamén consultara a do arquivo diocesano, a da Escola de Náutica de Vigo ou a do arquivo militar intermedio do Noroeste. Agradeceu, ademais, as achegas de informantes principais, como Martín Gómez González, Segismundo Zúñiga, Ramón Rodríguez Sende, Teresa Tubío, Estanislao Carou, Manuel Agrelo Figueira, Maria Luz Agrelo e Asunción Resúa.

Onte 1835: Rosalía para todos

rosalia_e_de_todos

Celebramos onte o Día de Rosalía, o 180 aniversario do seu nacemento, cunha grande mobilización galeguista. Unha efeméride que cada ano provoca maior interese, promovida pola AELG e a Fundación Rosalía de Castro, entre outras entidades culturais, que lonxe da parafernalia institucional doutras efemérides galeguistas e a pesar de non ser aínda recoñecida no calendario escolar da Consellaría de Educación, interesa a xentes de todas as idades e de todo o país. Rosalía celebrada como a nosa fundadora, como moderno símbolo da unidade de todos os galegos, como feminista pioneira e activa intelectual que pretendía mudar o mundo dende Galicia. Quizais atopemos aí as razóns polas que cada 24 de febreiro sexa unha xornada pola unión, pola esperanza e pola ledicia (máis aínda este ano que coincide co Entroido) de sermos galegos e galegas.

Mais este entusiasmo do 24 de febreiro non pode agochar o desacougo que provoca reparar nas cifras que sobre a situación do galego veñen aparecendo cada 21 de febreiro, data na que se celebra o Día Internacional da Lingua Materna. A falta de datos máis actualizados, a enquisa do IGI de 2013 sinala que apenas o 18,35 % dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos son falantes iniciais do galego, unha porcentaxe que tres anos despois, con certeza, é inferior. Unha hemorraxia do galego como lingua inicial á que contribúe a actual política lingüística educativa que leva a que apenas o 8,5 % dos centros de educación Infantil de 3 a 6 anos utilice maioritariamente a lingua galega (aproximadamente 1.700 alumnos e alumnas en toda Galicia, para cada treito de idade) e o 74, 0 % o faga maioritariamente ou exclusivamente en castelán. Datos do estudo recente feito pola Mesa pola Normalización Lingüística que, de non mudar decontado a deriva imposta pola política lingüística de Alberto Núñez Feijoo e Alfonso Rueda, camiña a súa inevitable desaparición como lingua inicial de Galicia.

Ben está que celebremos a proeza de Rosalía, que é tamén a icona da lingua e do país, e que o fagamos creando novas e fermosas tradicións como a do «Caldo de Groria» ou o da mobilización dixital do #RosaliaTe. Xaora non podemos agochar que vivimos nunha situación crítica pra o futuro dun idioma que comeza amosar síntomas de estar en perigo inevitable de extinción. Rosalía para  todos, tamén para os nosos picariños aos que lles negamos a herdanza da lingua. Transformar as efemérides do 21 e 24 de febreiro en referentes a prol da escolarización en galego é unha proposta a valorar.

Guardar