Listado de la etiqueta: frankfurt_2010

Frankfurt 2010, as imaxes

No meu perfil de Facebook publiquei a reportaxe fotográfica que fixen co teléfono móbil no Líber e na Feira de Frankfurt. Incluín nos pés de fotos algúns comentarios ao fío. Como documento complementario das catro crónicas sobre a Feira pode ter o seu interese.

[Na foto: Masaxes para os visitantes proporcionados por fisioterapeutas contratados pola Feira. Frankfurt 2010]

Libros impresos e dixitais

No artigo da semana, ao fío da participación na Feira de Frankfurt, reflexiono sobre o proceso de tránsito cara ao paradigma da comunicación cultural dixital, no que entendo convivirán os libros impresos e os libros dixitais.

[Foto: Estand de Moleskine en Frankfurt 2010]

Frankfurt 2010/3

A de onte foi a xornada da presentación en Frankfurt da Anthology of Galician Literature de Jonathan Dunne, coeditada por Galaxia e Xerais. O acto resultou entrañable, sobre todo cando Dunne rematou a súa intervención en inglés lendo a súa magnífica tradución da «Letanía de Galicia» de Uxío Novoneyra. Porén, a propia fasquía do acto amosa o escaso peso da nosa edición e da nosa literatura a nivel internacional. Precisamos un grande acordo intersectorial sobre cal debe ser o posicionamento estratéxico da lingua, literatura e edicións galegas no mundo. Sen contar con este guieiro estratéxico, moi dificilmente poderemos continuar con algunha garantía de éxito o camiño de internacionalización iniciado polos editores de álbums infantis. Sigo crendo nas posibilidades que podería ofrecer a creación dunha Oficina da Lingua e Literatura Galega como entidade (pública privada) que xestionase e actualizase os recursos electrónicos dispoñibles e promovese a participación nas feiras do libro, misións comerciais ou congresos especializados de editores, autores, tradutores e axentes literarios galegos. Unha idea que non debería desbotarse para non perder outra lexislatura.

Aproveitamos a tarde para manter un encontro cos responsables da Oficina Danesa de Literatura (un modelo a emular, como o da oficina irlandesa, a xaponesa ou a taiguanesa) e de paso coñecer algunhas das novidades do pavillón 6. Camiño do encontro comprobamos a expectación que continúa creando no público alemán Gunter Grass, na conversa que mantiña no sofá azul da cadea 2DF. Outra mostra do interese dos medios de comunicación, sobre todo das emisoras de radio e televisión, por esta feira, vivida como un acontecemento gozoso polo público alemán, Unha envexa!

A importancia que os editores escandinavos conceden á visibilización dos seus autores e autoras continúa sendo un elemento diferenciador desta edición marcada polo seu afán de literariedade, non exento de interese comercial, eis o éxito de Siteg larsson ou dos fenómenos da novela criminal nórdica. Un camiño que os editores galegos poderiamos emular con facilidade.

Chamou tamén a miña atención a exposición fotográfica Book Faces 2009 que recolle fotografías con editores de todo o mundo que elixiron unha palabra para representar a situación actual. Moi interesante para detectar tendencias sobre cos camiños disrutivos da edición internacional.

Rematamos a xornada (xa moi derreadiños) cun encontro no espazo expositivo de Brasil, cada edición máis potente e visitado, amosando que aí é onde pode residir o noso maior potencial futuro. Óscar Yáñez, editor galego de Gourmand, deixounos información sobre os premios a publicacións gastronómicas e o anuncio da celebración do Paris Cookbook Faire do 3 ao 6 de marzo de 2011. Velaí outro vieiro para explorar, o das feiras especializadas.

Frankfurt 2010/1

A presenza na Feira do Libro de Frankfurt sinala para min o comezo do outono. Tamén será así na edición deste ano dedicada a Arxentina e protagonizada pola presenza do IPAD no imaxinario de moitos editores e nalgúns, poucos, dos espazos do famoso pavillon 4.2 dedicado á edición dixital (especialmente) educativa que agardo poder visitar hoxe co maior vagar posible.

A pesar das olleiras da crise (que xa ninguén oculta), Frankfurt non perde o seu pulo e a súa referencia como grande Babel da edición. Os editores pesimistas cren que esta edición hai menos xente, os optimistas non notamos moitas diferencias con respecto a edicións anteriores. A verdade é que vexo aos meus compañeiros e compañeiras galegos bulir polos corredores da Feira con axendas cada vez máis apretadas. Kalandraka ten xa stand de seu, como Nova Galicia (mesmo no pavillón 8, o de lingua inglesa, o corazón da Feira), o que sen dúbida supón a consolidación do seu traballo exportador. Outrosí acontécelle a OQO, unha editora que traballa dende a excelencia (este ano obtivo dous dos tres premios aos libros mellor editados do Ministerio de Cultura), Rinoceronte, Bahía, Toxosoutos, Ideas Propias, Cumio, El patito editorial ou Galaxia que traballan no estand que compartimos os editores galegos coa Consellaría de Cultura.

Entre os contactos profesionais que tiven onte chamoume a atención o fenómeno de David Monteagudo, o autor galego (naceu en Viveiro) que ven obtendo un grande éxito coa súa primeira novela, Fin (El Acantilado 2009), e do que Erika Calklizo me presentou a segunda, Marcos Montes, que lerei co maior interese. Aledoume conversar con Chus Bello, a tradutora galega de Reckless e unha das maiores especialistas na obra de Cornelia Funke. Reckless xa é a obra máis vendida nestes momentos en Alemaña. Agardamos que entre nós vaia collendo o pulo que merece, antes de que Cornelia viaxe a España o vindeiro mes de decembro. Tamén foi moi interesante e prometedora a entrevista con José Luís Gutiérrez, o responsable da axencia Gu-Ru, moi interesada en dar a coñecer autores galegos nos países do leste de Europa. Fran Alonso, Fernández Paz e Fina Casalderrey, polo momento, serán os primeiros autores deste proxecto.

A cuestión da participación galega na FIL de Guadalajara en 2012 ou 2013 queda aberta. Tras Castelá e León (“berce do español”, anúnciase na publicidade da FIL), comunidade convidada en 2010, o vindeiro ano protagonista será Alemaña. Galicia deberá reflexionar sobre a presentación definitiva da súa candidatura, xa que participar cun nivel decoroso require un investimento que pode chegar aos dous millóns de euros (case o dobre do que se inviste nun ano en que chegue o libro galego ás nosas bibliotecas).

O día de hoxe quedará marcado polo anuncio do Nobel de Literatura 2010. Polos corredores soan os nomes de Murakami (edítao Galaxia), McCarthy ou Ernesto Sábato. Jaureguizar ten publicado estes días quinielas máis longas e aquilatadas. Con todo, sabemos que oa académicos suecos adoitan ofrecer sorpresas. Non hai dúbida que en canto se coñeza, nalgún dos lugares da Feira correrá o viño do Rhin.