Artigos

Acharemos un día máis brillante

Foi este 2016 un ano difícil, no que choramos aos nosos admirados Agustín e Fermín, dous mestres na vida e na causa galega. Xaora, non perdemos os bos costumes e celebramos o serán de San Silvestre cun tema de Oasis. Escollín este ano un clásico dos de Manchester, «Some Might Say», o primeiro sinxelo de (What’s the Story) Morning Glory, o seu segundo elepé (1995). Unha canción escrita por Noel Gallagher, propia dos que como Agus e Fermín, e tantas outras amizadess, acreditamos no optimismo da vontade para guiar as nosas vidas:

Algúns deben dicir, que acharemos un día máis brillante.
Algúns deben dicir, que acharemos un día máis brillante.

Algúns deben dicir
Algúns deben dicir

Some might say
Some might say

Os meus votos para que todos e todas achemos un 2017 máis brillante e esperanzoso.

Saúde, amor e boas lecturas galegas!

Onte 1774: Fermín Bouza, un dos poucos imprescindibles

Fermin_BouzasNon é doado encaixar o pasamento de Fermín Bouza, o grande mestre galeguista da esperanza. Como chiou onte Manuel Rivas «Fermín era luminoso e valente, un punto de luz cruzaba o escuro», así se presentaba cando chegaba de Madrid cos azos e o entusiasmo que aquí sempre tanta falta facía para poñer en marcha os proxectos de país. Admirabamos a Fermín como poeta e narrador galego, cunha obra aínda en boa medida inédita, que sempre me anunciaba. Seguiámolo pola súa agudeza como analista político e social capaz de convertir o seu blog, «O voto con botas» nunha lumieira entre tanta confusión conformista, vital en batallas colectivas como as da dignificación do idioma. E, sobre todo, queriámolo pola súa xenerosidade desbordada coa que nos agarimaba en cada encontro. Xosé Manuel Pereiro lamentaba onte, con todo a razón, que Fermín Bouza foi un mestre que Galicia nunca soubo aproveitar. Unha perda grande e dolorosa dun dos poucos imprescindibles. Beizón, Fermín!

Recomendo moi vivamente o obituario que lle escribiu Manuel Rivas.

Onte 968: Grosse Coalition

vigo-capital

Tras o acordo orzamentario de Caballero e Figueroa en Vigo, hai indicios de que o PSOE e o PP poden repetilo no concello de Lugo. Sería outro froito do modelo da Gran Coalición, acuñado por Merkel en Alemaña, na que o partido socialdemócrata abaixa os brazos diante do conservadorismo liberal, que ameaza con expandirse en España como a mellor saída defensiva dos partidos sistémicos no entorno da crise de devaluación interna e de empobrecemento xeralizado.Tras as eleccións europeas, cuxo resultado é probable non vai modificar moito o escenario, aventuro que se continuará ensaiando o modelo en diversas ámbitos dos poderes públicos. Ten moita razón Fermín Bouza cando afirma que este modelo da Grosse Coalition é unha pésima idea, unha irregularidade histórica, un sintoma inequívoco da incapacidade do PSOE para abandonar o terreo enlamado na corrupción política e económica. Mágoa da falta de coraxe dos membros da súa dirección!

Onte 59: Perigo iniminente

Esta interpretación do mestre Fermín Bouza resúltame moi convicente para explicar a confusión politica na que vivimos. Uns niveis insoportables de paro, provocados por unha estrutura produtiva e da propiedade envellecida; unha desafección política, motivada polo noxo que produce a corrupción instalada de forma estrutural nos partidos principais e un avance instrumental moi notable na comunicación cidadá, sobre todo entre a mocidade, que sofre en carne propia as dúas circunstancias anteriores, explican respostas como as do 15-M. Razóns que creo axudan a entender, ademais, o resultado do 20-N, onde a dereita campará as súas anchas, co perigo inminente que iso suporá para o mantemento dos servizos básicos de sanidade, educación e cultura. Como moi ben sinalaba Jaureguizar Rajoy non terá problema ningún para desenganchar os vagóns de cola.

Camilo e Fermín, pedróns 2010

Achegámonos a Padrón esta mañán para asistir ao acto de entrega dos premios anuais da Fundación Pedrón de Ouro. Abriron o acto as palabras agarimeiras e firmes de Xosé Ramón Fandiño que saudou aos homenaxeados, Camilo Nogueira (Pedrón de Ouro) e Fermín Bouza (Pedrón de Honra), e aos numerosos asistentes que ocupabamos os xardíns da Casa da Matanza en día ben soleado.

Parlamentou logo Justo Beramendi que comezou salientando que tanto Nogueira como Bouza eran galeguistas de segunda xeración. Relatou o periplo biográfico de Camilo, dende a súa orixe en Lavadores até a súa actividade como eurodeputado, deténdose no papel que ao seu xuízo tivo na modernización do nacionalismo galego e no valor dalgunha das súas múltiples iniciativas parlamentarias, como foi a iniciativa da Lei de Normalización Lingüística (que subliñou non lle correspondeu a Piñeiro) e a repatriación dos restos de Castelao. Beramendi ocupouse despois de chufar a Fermín de quen destacou tres aspectos: o seu extraordinario labor docente e investigador na Universidade Complutense, a calidade da súa obra literaria, poética e narrativa, en galego, e o seu compromiso en defensa da lingua dende o seu blog «El voto con botas». Tras a entrega das medallas, falaron os premiados.

Sorpendeunos a emoción coa que comezaron as palabras de Camilo, que, tras agradecer o premio, analizou as razóns da marxinación política de Galicia, para logo dedicar especial atención ao problema da normalización da lingua, sinalando que consideraba era estritamente político e non dependía, como se nos quere facer crer, da transmisión xeracional. «Ao galego cómprelle unha institución ou un estado coa defenda» enfatizou, para despois propoñer unha converxencia entre as dúas normativas do galego, como un camiño necesario para achegarnos á lusofonía. Camilo foi pechou o seu discurso expresando que «os méritos que puiden ter ao longo da miña vida débollos a miña familia: aos meus pais, Teresa e Camilo, a miña muller, Paz, as miñas fillas, Alba e Natalia e aos meus netos». «Fico dispoñible, queda moita tarefa por facer» foron as súas derradeiras palabras.

Fermín Bouza iniciou o seu discurso advertindo que formaba parte dunha «xeración galega fumigada, emigrante, dispersa polo mundo, moi politizada, razón pola que sigo dando a vara». Tras agradecer o premio e lembrar ao seu pai Fermín Bouza e a súa nai Emilia Álvarez, detívose no momento tremendo que vive a lingua, «que sofre unha caída de vertixe da que non somos conscientes», sinalando que esta batalla dirímese, tamén, en Madrid, onde se moven unhas forzas poderosas contra o actual modelo de estado. Rematou Fermín facendo unha chamamento a proseguir este combate cívico a prol do galego, que é a razón de ser do seu blog, lembrando con inevitable saudades o berro da súa xeración: «Venceremos NÓS».

Pechou os parlamentos Manuel Caamaño, o presidente da Fundación Pedrón de Ouro, que reiterou a gabanza a Camilo e Fermín pola súa traxectoria no labor de facer país e fixo unha defensa afervoada da lingua nun momento crítico para o seu futuro.

Nos xardíns da Casa da Matanza atopábanse máis de dous centos de persoas. Académicos como o presidente Ferrín, o secretario Axeitos, o vicesecretario Fernández Rei e membros da corporación como Xosé Neira Vilas, Margarita Ledo, Antón Santamarina, Vítor Freixanes, Xesús Ferro Ruibal, Andrés Torres Queiruga e o recentemente elixido Henrique Monteagudo. Numerosos escritores como Xosé Manuel Beiras, Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Helena Villar Janeiro, Antón Baamonde, Xesús Rábade Paredes, Xavier Castro. Profesores como Xosé Henrique Costas, Antón Costa Rico, Antón Figueroa, Lourenzo Fernández Prieto, Xosé María Dobarro, Xosé María Lema Suárez, Henrique Harguindey, Maruxa Barrio, Lois Ferradás, Madó Domínguez, Luís Álvarez Pousa, Xulián Maure, Valentín Arias, Manuel Méndez, Moncha Fuentes… Economistas como Enrique Sáez Ponte e Xan López Facal. Blogueiros e xornalistas como Manuel M. Barreiro, Gonzalo Vázquez Pozo, Concha Pino, Marcos S. Pérez e. Políticos como Martiño Noriega, alcalde de Teo, e Xosé Deira, alcalde de Boiro. Ademais dos membros da Fundación Pedrón de Ouro como David Otero ou Rodríguez Abella; premiados en edicións anteriores como Xosé Lois García, Mini e Mero ou as familias dos homenaxeados e moitos amigos e amigas dos que son incapaz de recoller todos os seus nomes (as miñas desculpas para eles). Moita xente e moito agarimo para un acto magnífico en defensa do país, ao que non acudiu ningún membro do Goberno Galego nin foi cuberto polos medios de comunicación públicos, a pesar de tratarse da cuadraxésima sexta edición destes galardóns.

Mañá publicaremos nestas Brétemas un artigo de homenaxe a Camilo Nogueira que aparecerá nas páxinas de Faro de Vigo.

Recomendo esta recentísima anotación de Manuel Rivas sobre Camilo e Fermín.

A realidade explicada a nenos e nenas

Esta anotación de Lándoas é absolutamente recomendable. Unha análise potente sobre o novo escenario político tras as elección do primeiro de marzo. Outrosí sucede coas análises demoscópicas de Fermín Bouza, dende o seu Voto con botas, e da completísima e modélica de Calidonia. Parabéns para estes tres amigos blogueiros que amosan a madurez e o rigor acadada polo blogomillo galego. Dáme o corpo que os blogs e a comunidade galega de Facebook –dous espazos de independencia informativa e de opinión participada– van ser decisivos nesta difícil lexislatura que se abre.