Artigos

Onte 1114: Premios da Crítica Galicia 2014

P1020268

Non defraudaron os Premios da Crítica Galicia deste ano dos que coñecimos onte o seu ditame e nos que por vez primeira en trinta e sete edicións asistiu o presidente da Xunta de Galicia. É innegable que quedei fachendoso polos dous premios recibidos por libros publicados por Xerais, a gran novela de Xosé María Lema, que xa quedara en varias oportunidades co mel nos beizos, e a Estilística da lingua galega de Freixeiro Mato. Como tamén foron excelentes noticias o recoñecemento a traxectoria de Berrogüetto, coincidindo co seu adeus dos escenarios, como de Costa da Morte, a película de Lois Patiño que internacionaliza o Novo cinema galego. Como merecen todos os parabéns Antón Pulido, o noso grande pintor contemporáneo, e o labor de Yolanda Castaño no ciclo Poetas D(in)versos do Agora coruñés e Ponte-Poética en Pontevedra. Foi a novidade desta edición a nova modalidade de Cultura Gastronómica que recoñeceu a creación do Marrón glacé por parte do Grupo Cuevas, capaz de transformar a humilde castaña nunha excelente delicatessen internacional. Os chamamentos á recuperación do consenso arredor do idioma, coincidindo co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, que fixeron dende a tribuna Lema e Freixeiro, como as apelacións á excelencia de Castaño, Pulido, Patiño e Anxo Pintos foron tamén moi oportunas. Outra excelente edición dun esforzo en mancomún do que participamos.

610: «Estilística da lingua galega» de Freixeiro Mato

Presentamos no serán de onte, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, a Estilística da lingua galega do profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato. Recibiunos con grande elegancia e agarimo o presidente da asociación Xosé Manuel Sánchez Rei, para quen «ninguén era máis apropiado que Freixeiro para ofrecer unha Estilística da lingua galega».

Tras a intervención do editor, fíxoo a profesora Mercedes Queixas. Comezou o seu parlamento a secretaría da AELG salientando que «esta é unha obra que quedará para historia literaria galega como un fito dos nosos tempos». Tras repasar o perfil académico de Freixeiro, no que se desenvolven os eixos da lingua e da literatura, afirmou que «nesta obra ambos os dous interseccionan, conflúen». Comentou despois Queixas a súa estrañeza de que o profesor Freixeiro, con semellante currículum, «non fose membro da institución con sede na rúa Tabernas, que debería acoller perfís da calidade dos de Freixeiro».

Xa entrando en materia dos contidos do libro, Queixas sinalou que fora elaborada a partir do levantamento de obras literarias de 186 autores e autoras, dende os cancioneiros medievais até 2011, «unha mostraxe que inclúe os diversos xéneros literarios, a literatura culta e a popular, ademais de textos de diferentes épocas, dende os medievais até os máis actuais». «Suma de moitos estilos diferentes, é unha estilística polifónica. A focaxe fundamental do libro está na lingua como máxima potencialidade expresiva. Para iso, Freixeiro bebe de todas as fontes e reconstrúe unha estrutura cíclica e pechada». Queixas gabou a profundidade e rigor da obra, o seu esforzo de organización, «buscando a dosificación do discurso, a súa claridade e proximidade». Salientou ademais o interesante marco contextualizador, presentado na primeira parte, «que converte a obra nun libro de libros de estilística, unha fonte documental global de referencia». Continuou Mercedes valorando a importancia de que «esta Estilística da lingua galega estivese imbricada nunha sociedade determinada cunha lingua nunha situación determinada. Freixeiro ofrece unha estilística nun proceso de conflito lingüístico, sendo moi consciente que a situación sociolíngüística condiciona a creación e recepción do texto, como a fixación do propio código da escrita, que mesmo no é allea a existencia dun conflito ortográfico».

No treito final da súa presentación, Queixas ocupouse de valorar o que representa esta Estilística. «En primeiro lugar, é unha obra pioneira, inexistente polo seu carácter enciclopédico, unha obra sen precedentes que gañará valor co tempo». «En segundo, constitúe unha aposta clara pola lingua como cordón umbilical da literatura. O estilo como marca e como capacidade para que a lingua se reinvente nos textos literarios. Se o dominio da fonética demostra o control da lingua oral, no dominio do estilo está o da lingua literaria, o estilo é unha marca de identidade». «En terceiro lugar, esta obra é unha posta en valor da lingua que demostra a potencialidade que ten a lingua literaria, recoñecéndose o esforzo inxente de escritores e escritoras que continúan debullando todos os recursos e forza expresiva que ten a lingua. Freixeiro recoñece o esforzo dos escritores e escitoras galegos para convertir a lingua escrita en produto artístico». Rematou Mercedes Queixas o seu discurso facendo un simil de bergantiñán a bergantiñán. «Se Pondal dixo que me “déstesme unha lingua de ferro e devolvinvos unha lingua de ouro”, Freixeiro diría “déstesme unha lingua de ouro devolvinos unha lingua chea de estilo”».

Comezou a súa intervención Freixeiro dicindo que «a presentación deste libro era unha ocasión especial. Primeiro por tratarse dun longo proxecto, que pon o ramo ao meu ciclo de estudos da lingua interna, nos que sempre quedaba adiado o proxecto de facer a estilística. Segundo, polo feito de que aparición do libro é un motivo de contento despois dun ano horribilis». Proseguiu o autor sinalando que «este é un libro polifónico, de autoría múltipla, un texto no que están convocados moitas voces de escritores e escritoras galegos. É tamén unha homenaxe ás persoas que crearon a lingua literaria galega, tanto as citadas como as que non aparecen nestas páxinas». Tras agradecer as palabras de Mercedes Queixas e sinalar as limitacións do formato editorial escollido, «no que tratei de incluír os exemplos e referencias coa maior brevidade e concisión posibles», Freixeiro debullou a xénese da obra: «Foi unha das primeiras ideas que tiven cando pasei do ensino secundario á Universidade, foi unha das primeira sideas que meu deu Manuel Ferreiro». Citou despois aos estudos, parcialmente estilísticos, sobre a lingua literaria de Noriega Varela, Rafale Dieste, Crecente Vega, Manuel García Barro, os diminutivos na obra de Rosalía de Castro e sobre a obra de Manuel María, «precedentes e preparación desta obra».

Contextualizou Freixeiro a súa Estilística con outras obras sobre este tema que existen en todas as linguas. «Facela foi un reto para a dignificación da lingua galega». «Até o que eu sei, de todas as estilísticas xerais de linguas romances non hai ningunha con este completude, de todos os aspectos da lingua. Moi poucas enfrontan a estilística do texto, que constitúe a maior das novidades desta ELG». Sinalou depsois o seu interese para «pór en valor os textos literarios contemporáneos (séculos XIX e XX), os que máis debemos reivindicar e poñer en valor. A lingua literaria galega contemporánea é a máis necesitada de recoñecemento». «Pretendín contribuír ao prestixio da lingua galega, sabendo que lle ven dado en boa medida pola posta en valor da lingua literaria».

Abordou despois Freixeiro as dificultades de elaboración da súa Estilística: «En primeiro lugar, saber que é “Estilística” e que se entende por “estilo”, un termo con diversas definicións e sinónimos; desvío da norma, escolla, pegada, connotación, características individuais e colectivas, ornato, afectividade…». «Para min estilo é todo aquilo que na lingua ten vontade de expresividade. Razón pola que a Estilística debe centrar a súa atención na linguaxe afectiva ou expresiva». «Procurar os recursos expresivos que ten a lingua galega, dos que podemos botar man cando falamos e cando escribimos. Pór en evidencia eses recursos é do que trata a miña obra». Sinalou con outras das dificultades a «inexistencia de modelos, o que me obrigou a madurar moito a estrutura da obra».

Rematou o seu discurso o profesor Freixeiro Mato salientando que esta Estilística da Lingua Galega constituía para el un fin de ciclo no seu traballo orientado «a un mellor coñecemento e dignificación da lingua galega para un uso máis correcto da lingua e para acadar un modelo de lingua de calidade». «Coa lingua temos dous retos por diante. O primeiro gañar galegofalantes, perante a deixación de funcións das autoridades que deben velar pola lingua. O segundo, mellorar a práctica lingüística, tanto na escrita como na oralidade, mellorando o seu uso e preservando a súa autenticidade. Ambos os dous son igualmente precisos».