Listado de la etiqueta: editorial_galaxia

Onte 935: Irmandade do Libro 2014

Irmandade_do_libro_Rianxo_05-04-2014

No magnífico auditorio de Rianxo entregáronse onte os premios Irmandade do Libro 2014 da Federación de Libreiros de Galicia. Ouvirmos, Galaxia, Rosa Aneiros, Chus Pato, a libraría Ramón Cabanillas de Cambados, a biblioteca de Redondela e a do CEIP do Rosal foron as gañadoras dun serán onde apenas se fixeron referencias á situación precaria da libraría e do libro en Galicia. Por ventura as palabras de Pilar Rodríguez Álvarez, a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, lembraron que existen dificultades para o libro de texto, motivadas pola competencia dos contidos dixitais, así como a necesidade de formación do sector libreiro para afrontar as mudanzas do novo paradigma. Non obstante, nas conversas durante o viño, respirábase entre moitos libreiros o alento do medo sobre a incerteza da vindeira campaña de texto, da que todos sabemos depende a sobrevivencia da libraría de proximidade. Confeso que saín de Rianxo moito máis preocupado do que cheguei.

Escaparate 5/2004: Librería Cronopios (Santiago)

Libraria_Cronopios_Santiago

Escaparate da Librería Cronopios de Santiago (Alfredo Brañas 24) arranxado con motivo da presentación de Maternosofía de Inma López Silva publicado por Galaxia.

Fotografía tirada do Facebook de Cronopios, 1 de abril de 2014.

Onte 493: Don Paco editor

Traballando no artigo sobre a primeira etapa viguesa de don Paco del Riego, cuestións de espazo obrigáronme a deixar fóra as referencias ao seu traballo en Galaxia. Deixaba fóra así a glosa de don Paco editor, un traballador nato, anónimo, constante, imprescindible nun proxecto no que participaban tamén Ramón Piñeiro, Xohán Ledo ou Xaime Isla Couto, entre outros promotores. No parágrafo, recollo boa parte da información e valoracións dun texto moi clarificador de Méndez Ferrín, «O Del Riego dos anos 50», publicado no libro de homenaxe a Francisco Fernández del Riego, editado en 2002 pola Fundación Premios da Crítica Galicia.

Durante a súa segunda década viguesa Del Riego desenvolveu un labor monumental como editor, propio do que Ferrín definíu como “obreiro stakhanovista que labouraba arreo nas sombras e movidos polos principios”. Don Paco foi a alma de aceiro daquela primeira etapa de Galaxia, onde pulaba de Cunqueiro para que volvese publicar, onde pasaba os orixinais a máquina (como faría con “Merlín e familia”), onde corrixía probas e textos, onde argallaba unha ortografía galega funcional (seguindo as Normas do Seminario de Estudos Galegos), onde traballaba con Xohán Ledo nas primeiras portadas, onde dirixía a fabricación dos libros, onde coordinaba as obras colectivas, como as das homenaxes a Otero e Cuevillas, ou aqueles catro tomos da primeira colección Grial, onde mesmo facía os paquetes dos libros ou o reparto de exemplares polas librarías viguesas de confianza. Don Paco funcionaba como xerente, probablemente sen recibir ese nome, alma e motor dunha empresa que ía fixando o proceso de recuperación da edición galega contemporánea. Traballo en Galaxia que Del Riego simultaneaba co da edición das revistas «Industrias Pesqueras» e «Industrias Conserveras» de Valentín Paz Andrade.