Artigos

Onte 1203: Astromántica Cartoneira

astromanticaInteresoume moito a nova que lin onte en La Voz de Galicia sobre o proxecto editorial de Astromántica Cartoneira, promovido pola profesora Carmen Luna da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A edición de 75 exemplares d’ As grandes alamedas, onde se recollen as derradeiras palabras que o presidente Salvador Allende pronunciou na radio o 11 de setembro de 1973, é o primeiro título deste proxecto de edición no que se empregan como soporte materias impresos reciclados, personalizando cada un dos ejemplares. Iniciada na Arxentina en 2001 por Eloísa Cartonera coa intención de darlle unha utilización cultural ao cartón, a edición cartoneira é un movemento que pretende tamén o fomento da lectura por medio da edición de libros baratos, a recuperación do concepto de edición artesá completando todo o proceso, dende a creación textual até a encadernación, e o acceso ao libro en igualdade de toda a cidadanía. En definitiva, vincular reciclaxe, arte e lectura.Parabéns ás editoras de Astromántica Cartoneira.