Artigos

Onte 1454: Triste Día Europeo das Linguas en Galicia

1024px-Image-Languages-Europe

Coincidiu a celebración onte do Día Europeo das linguas coa notificación recibida na Real Academia Galega na que o Tribunal Constitucional comunica que inadmite o seu recurso de amparo sobre o recurso de casación relativo á sentenza do Tribuna Superior de Xustiza de Galicia sobre o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario. Un texto de apenas un par de liñas que  sen expresar motivación xurídica ningunha liquida o recurso da Academia e deixa sen dereitos lingüísticos aos picariños galegofalantes escolarizados en castelán.

Unha decisión do Constitucional, na que non é moi difícil identificar intencionalidade política, que como sinalou o secretario da RAG deixa en papel mollado a Carta Europea das Linguas Rexionais e MInoritarias, que obriga ao estado español a garantir unha oferta educativa suficiente en cada unha das linguas cooficiais nos niveis educativos non universitarios. Non hai dúbida de que a Academia Galega debe continuar a súa batalla xurídica e recorrer ás instancias xudiciais europeas o Decreto para o plurilingüismo sexa por vulnerar o texto da Carta Europea como por excluír o uso do galego en materias científicas como as Matemáticas ou a Física e Química, como por fomentar os prexuízos sobre o noso idioma.

Neste contexto magooume que nunhas declaracións radiofónicas recentes de Alberto Nuñez Feijoo a Jiménez Losantos, primeiro responsable político do Decreto 79/2010, recoñecese sen arroibarse que a Xunta considera vinculante a polémica consulta ás familias, a pesar de que fose anulada por unha sentenza do TSXG. Para o presidente da Xunta «se a maioría dos pais queren que os seus nenos empecen a ler e a escribir en castelán, empezan a escribir e a ler en castelán a totalidade da aula». U-los dereitos, entón, dos picariños galegofalantes recoñecidos pola Carta Europea das Linguas? U-lo cumprimento do establecido sobre a consulta ás familias na sentenza do TSXG sobre o Decreto para o plurilingüismo? Xaora, con este criterio da Administración educativa galega, do que fachendea Feijoo, estáse erradicando o galego destas aulas de Educación Infantil e do primeiro curso de Primaria, mais tamén o seu seu emprego como lingua de instalación coloquial destes picariños.

Triste celebración do Día Europeo das Linguas en Galicia, cando o retroceso do uso do galego no sistema educativo está sendo promovido polo goberno do propio país. Triste e indignante.

Onte 1099: No día europeo das linguas

Dende 2001 celébrase cada 26 de setembro o Día Europeo das Linguas. Promovida polo Consello de Europa, esta xornada pretende alertar á cidadanía europea de todas as idades da importancia da aprendizaxe das linguas ao longo de toda a vida e de promover a riqueza e diversidade lingüística en Europa, que debe ser preservada e valorada. A efeméride concíbese, pois, como unha oportunidade de fomento do poliglotismo e respecto pola diferencia lingüística e cultural, sobre todo, nos centros educativos aos que se convida a organizar actividades con este motivo. A súa celebración en Galicia sempre estivo moi vinculada ao proceso de normalización da lingua galega e ao cumprimento do establecido na Carta Europea das Linguas Rexionais, aprobada en 1992 e asinada polo reino de España, texto esencial, non o esquezamos, que obriga ao conxunto das administracións do estado. Nesta edición, ademais, coincide co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, o documento no que se recolleu o consenso social máis amplo e recente sobre a normalización da lingua de todos. Nun entorno de auténtica emerxencia para o futuro do galego, cunha situación baixo mínimos no sistema educativo, sobre todo nas etapas temperás, neste Día Europeo das Linguas é oportuno reclamar un plan integral de recuperación do galego acordado e apoiado por unha ampla maioría social e política. Pagaría a pena intentalo.