Listado de la etiqueta: crarisca

Onte 1973: Homenaxe a María Victoria Moreno no Club Faro de Vigo

Ben interesante foi a mesa redonda de onte no Club Faro de Vigo sobre María Victoria Moreno na que acompañamos a Xavier Senín e Isabel Soto, autores da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro (Xerais, 2018). Un serán literario no que todos os tres reivindicamos o recoñecemento do que non gozou en vida, a pesar de contar con moitos amigos, para esta cidadá e escritora galega que o foi por decisión consciente, reflexiva e persistente.

Xavier Senín fixo o retrato humano de María Victoria, debuxou súa traxectoria formativa dende o ensino primario en Segovia e Sepúlveda, pasando polo bacharelato no colexio da Sección Feminina en Barcelona, até os estudos de Filosofía Letras na Universidade de Madrid, onde Rafael Lapesa e Dámaso Alonso foron profesores marcantes para ela. Detívose Senín na estancia de María Victoria e a súa irmá Sara en Valdoviño en 1947, cando acompañaron á súa tía Conchita e o seu home, primeira experiencia galega que para elas foi «un territorio de liberdade». Salientou Xavier os primeiros días da súa chegada a Pontevedra en 1963 e o que supuxeron os dous anos como profesora en Lugo, onde coñeceu a Xesus Alonso Montero, tras aprobar as oposicións como profesora agregada de Lingua e Literatura Española, onde tivo como alumnos a Xesús Rábade Paredes e Darío Xohán Cabana, entre outros. Referiuse, tamén, ao seu compromiso como profesora de lingua galega, tanto na década de 1970 como no inicio do período autonómico, así como á experiencia da libraría Xuntanza, que fundou con outros nove socios en 1973, e a cronoloxía da súa obra literaria, fundamentlamente pero no só, infantil e xuvenil que foi publicando dende aquel mesmo ano.

Isabel Soto comezou lembrando que María Victoria Moreno era apenas a terceira das mulleres homenaxeada en 55 edicións do 17 de maio, o que é algo importante, mais tamén moi significativo. Seguiu Soto debullando o que para ela foron os seus dous compromisos como autora: «só escribo en galego, só escribo para nenos». Compromisos asumidos como escritora autófona e monolingüe que «comprendeu o carácter diglósico da situación sociolingüistica desta terra». «Como amante das linguas e coñecedora delas, aprendeu galego dende cero e fíxoo con naturalidade consultando dicionarios, que moito lle gustaban, e realizando lecturas literarias dos nosos clásicos. Axiña deu cursos de galego, preparou unha antoloxía de poetas novos e chegou a facer varios manuais de historia da literatura para o ensino medio».

Xaora, tras salientar este compromiso de María Victoria coa lingua galega, a cerna da intervención de Isabel Soto foi reflexionar sobre a súa obra literaria infantil e xuvenil na que estableceu dúas etapas. Unha primeira, na que desenvolveu unha obra infantil, formada polos títulos publicados na década dos setenta: «Crarisca e o luceiro« (1972), conto premiado no concurso de narracións infantís convocado pola agrupación cultural O Facho; Mar adiante (1973), a aventura dunha escola nun barco, e «O cataventos», premio do Facho en 1975, un conto de animais que admite a lectura dun conflito desencaeante de cambios, que sería publicado catro anos máis tarde no volume Contos pra nenos (Galaxia, 1979), xunto a textos de Paco Martín, Xoán Babarro e Eliseo Alonso, libro que será o primeiro en lingua galega que formará parte da Lista de Honra do IBBY. Primeiro ciclo que pecha coa publicación d’ A festa no faiado (1983).

A seguir, Isabel Soto sinalou que  en 1986 María Victoria Moreno abriu a segunda etapa da súa obra con Leonardo e os fontaneiros, a primeira das súas obras dirixidas a adolescentes, á que seguiría Anagnórise (1989), que a convertiu nunha das autoras máis lidas polo público mozo, «novela que constitúe un achegamento maxistral aos medos da mocidade, introducindo o tema das drogas, que desafía ao lectorado de calquera idade», e que remataría con Guedellas de seda e liño (1999). Rematou Soto recomendando a lectura de Diario da luz e a sombra (Xerais 2004), onde está todo o seu estilo, «resultando conmovedor para expresar o seu optimismo sensato».

Onte 1972: «Mar adiante», fermosa edición facsímile do Consello da Cultura Galega

O meu amigo, o editor Xosé García Crego, ensinoume a valorar as edicións facsímlies como un xeito de homenaxear á creación e á edición a un tempo. Ao coidado de Crego, director de Produción de Xerais durante máis de tres décadas, saíron algunhas das mellores edicións facsimilares de libros galegos da historia, respectuosas co formato, coa composición e cos materiais das orixinais, como as que preparou de Galicia de Manuel Murguía, hoxe unha alfaia en Amazon, ou de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, na que conservou a reprodución das imaxes de Picasso e Miro, que fixemos en Xerais con motivo do corenta aniversario da publicación do poemario en Salnés.

Nesta tradición moderna de edicións facsímiles insírese a que case todos os anos ofrece o Consello da Cultura Galega con motivo do 17 de maio. Desta volta coa recuperación da de Mar adiante. Historia de nenos pra nenos, o primeiro libro de María Victoria Moreno, publicado por Ediciós do Castro en 1973. Un facsímile ben xeitoso do que se fixo unha tirada numerada de 500 exemplares no que se reproduce a escala lixeiramente reducida a impresa na editorial Celta de Lugo con portada de Carmen Arias «Minina» e ilustracións da autora. Recuperación que se enriquece con tres textos magníficos: un prólogo de Ramón Villares, o presidente do Consello; un oportuno limiar de Xesús Alonso Montero, que moito axuda a entender os anos lugueses de María Victoria Moreno, esenciais na súa revelación como escritora e cidadá galega; ademais dunha carta fermosa que Sara Alonso Pimentel escribe corenta e cinco anos despois á autora.

Edición de Mar adiante, o libro esencial para entender a traxectoria de MVM como escritora galega e fundadora da nosa literatura infantil e xuvenil, que se completa cun segundo facsímile, o do mecanoscrito de «Crarisca», tamén con debuxos da autora, dedicado a Sara Alonso Pimentel, incluído como capítulo sete na noveliña, recoñecido ademais co segundo premio de contos para nenos convocado pola agrupación «O Facho» da Coruña en 1972, o que constitúe outro engado máis desta valiosa edición. Parabéns ao Consello da Cultura Galega por unha iniciativa que agaradamos teña continuidade no futuro.