Listado de la etiqueta: conserva

Vigo, cidade do peixe

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo, ao fío de Conxemar, a tradición pesqueira viguesa:

Dos documentos que Xoán Carlos Abad Gallego ofrece no seu libro A volta a Vigo en 80 lecturas. Unha aproximación á historia da bisbarra viguesa a través dos seus textos (Instituto de Estudios Vigueses 2013), un dos meus preferidos é o que recolle os estatutos e ordenanzas da pesca da sardiña na ría de Vigo, asinados o 29 de xaneiro de 1573 polos representantes dos portos de Vigo, Redondela e Cangas. Texto pioneiro da regulación da actividade pesqueira que, entre outras cousas, acordaba suspender a pesca dende o venres á tardiña até a medianoite do domingo; que os cercos pesquen dende o 8 de agosto até o día de San Silvestre; que os xeitos o fagan dende o 1 de maio até a saída do cerco; que dende o 1 de xaneiro até o 1 de maio non se vendería sardiña, ou que as redes sardiñeiras consten de cincuenta e cinco mallas. Como chama hoxe a atención que tales ordenanzas obrigasen por igual aos pescadores do reino e aos de Portugal, proba de que acudían libremente a faenar na nosa ría.

Documento rescatado por Xosé María Álvarez nas páxinas d´A cidade e os días (Xerais 2008) no que se establecían, ademais sancións para os patróns que non as respectasen que ían dende a perda de aparellos e multa de 1.000 marabedís, a primeira vez, até os 30 ducados e prisión para os reincidentes. Texto esclarecedor da importancia da ría na economía viguesa do século XVI, sobre todo da pesca de sardiña, o noso primeiro froito do mar, que fixo necesario regulala coa intención de preservala. Testemuña de que este modelo de pesca responsable na ría foi asumido polos mariñeiros da vila e da bisbarra até finais do século XVIII, momento no que a chegada de sistemas de pesca máis ambiciosos e irresponsables aumentaron as capturas, mais provocaron que fose declinando a produción até deixala esquilmada a finais do século XIX. Situación que, sinala Xoán Carlos Abad, obrigou ben a que os caladoiros en fresco fosen buscados cada vez máis lonxe, o que empeorou as condicións laborais dos mariñeiros e encareceu o produto, ou ben que fosen utilizadas técnicas pesqueiras máis destrutivas como a dinamita.

Actividade pesqueira que tivo o seu antecedente no Vigo romano, onde se instalaron salinas e factorías de salgadura e garum, as primeiras industrias viguesas, dende Alcabre ao Areal. Pesqueiras que se incrementarán coa chegada en 1770 dos primeiros fomentadores catalás ao barrio do Areal, consagrados ao mercado da sardiña, que a comezos do século XIX chegan xa a corentena de firmas, convertendo a súa actividade económica na primeira da nova cidade. Sector con vontade industrial que se desenvolverá coa instalación en 1861 na praia de Arealonga da primeira fábrica de conservas herméticas na ría de Víctor e Francisco Curbera Puig. Conserveiras que en 1900 xa contaban na ría con dezasete fábricas, que en 1904 fundarán a Unión de Fabricantes de Conservas (hoxe ANFACO), nas que traballaban sobre todo mulleres que en 1899 protagonizarán a primeira folga reclamando melloras nas condicións de traballo e en 1931, cando se calcula que chegaban a catro mil as obreiras, paralizarán o sector máis importante da economía viguesa reclamando un seguro de maternidade.

Actividade pesqueira que en 1928 desprazouse por vez primeira ao mar de Irlanda, o que serviu de acicate ao sector da construción naval, que en estaleiros como Viúda de J. Barreras desenvolveu novas embarcacións de casco de aceiro e motores diésel. Como outro fito foi en 1939 a creación de empresas pesqueiras como «Motopesqueros de Altura Reunidos S. A.» (MAR), co obxectivo de agrupar a actividade de 103 buques de pesca de distintos propietarios baixo unha dirección única, mellorando as condicións de venda do bacallau e de compra de subministracións. Como en 1960 tamén o foi a empresa Pescanova, primeira pesqueira que utilizou técnicas de conxelación a bordo, o que lle permitiu faenar en augas arxentinas e surafricanas.

Semellante traxectoria histórica amosa que Vigo sempre tivo vontade de ser capital galega da pesca, con proxección europea e mundial. Xa en 1908 fracasou o intento de organizar en Vigo unha Exposición de Industrias do Mar no monte do Castro. Idea recuperada en 1945 como Feira e Congreso da Pesca, que Valentín Paz Andrade recuperou con éxito en setembro de 1973 baixo o formato da World Fishing Exhibition (Feira Mundial da Pesca), cun congreso pesqueiro simultáneo, que se repetiría en cinco edicións posteriores até 2009. Como rotundo éxito ten, dende 1999, a convocatoria anual nas instalacións do IFEVI de Conxemar (Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados), hoxe referente do seu sector a nivel mundial. Unha feira de grande impacto comercial, tamén un congreso FAO onde se aborda o contexto mundial da pesca, expresión do carácter inequívoco de Vigo como cidade do peixe e porto da pesca sostible.

Onte 2055: «Matria», a ollada desmitificadora de Álvaro Gago


Por fin puiden ver Matria, a curtametraxe premio do xurado en Sundance (2018), premio da Crítica de Galicia 2018 de Cine e Artes Audiovisuais, entre outros 60 galardóns, liberada na rede como agasallo de nadal de Álvaro Gago, o seu director. Unha alfaia narrativa de vinte e un minutos, tan luminosa como austera, onde se fusiona a ficción e os recursos documentais para seguir a vertixe estresante dunha xornada calquera de Ramona, unha traballadora maior da conserva. Un retrato brutal dunha matriarca, escrava dunha cultura familiar machista e dun entorno laboral onde rexe a cultura do abuso, o insulto e a obediencia. Coa cadencia abouxante dos berros noxentos da encargada da fábrica e co ritmo dos desprazamentos en bicicleta da protagonista pola illa, Gago ofrece un film fascinante e pouco compracente, onde apenas hai acougo para un agarimo ou para un sorriso como aceno de rebeldía e esperanza.

A interpretación de Francisca Iglesias Bouzón, a protagonista, é memorable, como dificilmente esquecible é a súa ollada, expresión da dor profunda que sofren estas mulleres humildes, exhaustas polo traballo na fábrica e na casa. Unha ollada poética e necesariamente desmitificadora sobre o matriarcado galego. Parabéns a Álvaro Gago, que leva trazas de converterse no Kiarostami galego,  por esta peza poderosa pola súa simplicidade narrativa e profundidade do retrato humano. Recomendo a súa utilización como recurso didáctico nos centros educativos.