Listado de la etiqueta: concello_de_santiago

Onte 1842: María Reimóndez, premio Xohana Torres de ensaio

Na gran mobilización feminista de onte en Vigo, (a maior dun 8 de marzo que recordo), tiven oportunidade de parabenizar a María Reimóndez polo premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual que viña de recoller en Compostela. Un recoñecemento da concellaría de Igualdade para o seu ensaio “Corpos exorbitantes, Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erin Moure”, inserido na súa liña de investigación sobre feminismo, tradución e postcolonialismo, temas abordados na súa tese de doutoramento pola que recibiu o pasado mes de xaneiro o premio extraordinario de doutoramento da Universidade de Vigo. Incansable escritora, investigadora e activista, Reimóndez vai conformando dende diversos ámbitos unha das obras culturais e políticas máis estruturantes e decisivas da Galicia do noso tempo. Ás portas da publicación de dúas novas novelas, Corredora en Fóra de Xogo e a cuarta da serie “O ciclo dos elementos”, continúa incesante tecendo novos proxectos comprometidos co proxecto feminista e coa superación da discriminación de xénero como base de desenvolvemento perdurable.

Onte 1400: Apego, que o seu nome sexa propio

logo_completo_apegoReparei onte por un chío da Coordinadora de ENDL no magnífico texto das recomendacións do programa Apego para axudar en tan importante decisión como é a de escoller nome dun fillo ou filla. Co agarimo e rigor co que está concibido todo este programa socioeducativo, dirixido ás familias que deciden que o galego teña un lugar nas súas vidas, o texto propón que cada familia valore a posibilidade de poñerlle un nome en galego pola orixinalidade, atractivo e o seu carácter propio, o que contribuiría a súa diferencia dentro da sociedade global. Como nomes en galego hai moitos, «e bonitos e orixinais», o programa fai unha ampla proposta deles, dando conta da súa orixe e significado.

Recomendo compartir no eido educativo os excelentes contidos de Apego, «un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial», que nestes momentos desenvolven os servizos de normalización lingüística de trece concellos (Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo) e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Ben sería que tras a constitución de novas corporacións en concellos e deputacións, se incorporasen novas entidades a este programa de esperanza para a lingua galega.

Onte 1393: Romaría dos libros

romaria_dos_librosEste 25 de xullo, ademais do Festigal, celebrarase na praza de Mazarelos de Compostela a Romaría dos libros, onde participan editores e libreiros composteláns. Entre as actividades previstas, como a solta de libros e as presentacións express, están o concerto didáctico lúdico Sira e o robot. Adventures on Titan de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira e os concertos de Ariel e Xurxo Souto do seus Contos do mar de Irlanda. Excelente iniciativa de visualización do libro e disco galego no día da patria galega que conta co apoio do concello de Santiago.

Onte 1372: Gratitude cos docentes

xubilacions_compostela

Sempre crin que as mudanzas máis profundas comezan con xestos humildes que as anticipan. O feito inédito de que o alcalde e o concelleiro de Educación de Compostela recibisen onte aos docentes que se xubilaron este curso para agradecerlles o seu labor como «correctores de desigualdades sociais» anticipa un mandato de cambio para unha cidade que décadas atrás estivo na vangarda do municipalismo educativo. Recoñecer a xenerosidade dun traballo educativo durante máis de tres décadas debería ser algo habitual para os responsables dos concellos, como representantes das comunidades educativas onde serviron os docentes xubilados. Con este xesto o goberno de Compostela acredita que a educación pública é unha valiosa arma cargada de futuro. Ben sería que outros concellos emulasen un xesto que gabamos con entusiasmo.

Onte 1274: «Apego»

falalle_galegoÉ un gran noticia para o idioma que doce concellos (entre eles Vigo, Ferrol, Santiago, Ourense, Redondela, Narón e Carballo), gobernados por diversos partidos, acordasen poñer en marcha o programa «Apego» coa intención de mellorar a socialización en galego de forma temperá. Un proxecto colaborativo ilusionante, desenvolvido dende os servizos de normalización lingüística de cada concello, coa intención de anosar o sentimento de apego para o galego, mais tamén como sintagma de afecto e simpatía na familia, como alicerce do desenvolvemento social e emocional dos menores de seis anos no seu entorno. Como sucedera hai trinta anos con aquela inesquecible campaña de «Fálalle galego», «Apego» é unha iniciativa chamada tamén a deixar pegada e emoción, a abrir un camiño novo nun momento decisivo para a lingua, para a recuperación de falantes no entorno familiar e para desfacer tantos prexuízos existentes no ámbito do público. Beizóns para as profesionais que a promoveron.

Onte 1001: Sacrificio

Hernandez_Curras

Feijoo decidiu na encrucillada, aínda que chama moito a atención que sacrificase ao seu conselleiro de Infraestruturas para tratar de conservar a Alcaldía de Compostela. Agustín Hernández Fernández, un dos membros do Goberno Galego con fama de mellor valorados, un marathoniano que ocupara de forma simbólica a última posición da lista municipal compostelá, deberá asumir a remuda dun Currás ilexitimado por inhabilitacións, demisións, imputacións, fraudes fiscais e escándalos no equipo formado formado por Gerardo Conde Roa. Unha carambola difícil. Probablemente, tamén, un sacrificio para Agustín Hernández que durante menos dun ano deberá montar un equipo de goberno sen concelleiros ou concelleiras electas capaz de recuncar nas vindeiras eleccións. Todo un espectáculo teatral cuxo argumento principal semella cada vez máis esperpéntico, case unha homenaxe o xénero daquel Valle que pasou os seus derradeiros días (moi fríos) en Compostela. Xaora, non acabo de entender as razóns polas que Feijoo, quen gosta presentarse nos foros televisivos como implacable inimigo da corrupción, decidiu apodrecer a situación en Raxoi, prolongando até onte a agonía de Ángel Currás, evitando a disolución da actual corporación compostelá e novas eleccións. Non hai dúbida que só unha convocatoria electoral, só a voz da cidadanía expresada nas urnas, pode devolver a lexitimidade aos xestores do concello de Santiago. Diante de semellante esperpento, a esquerda conta con todas as posibilidades para recuperar o vindeiro ano a Alcaldía. Agardemos que desta volta non queden os seus votantes na cama nin o seitarismo malogre esta oportunidade.

Onte 994: Encrucillada en Compostela

fotonoticia_20140304205835_800

Semella que onte foi máis doado que abdicase El-Rei ca demitisen os sete concelleiros do Partido Popular de Compostela inhabilitados xudicialmente durante nove anos para exercer cargo público. A súa condena por prevaricación abre unha encrucillada para o actual alcalde popular e para o propio Feijoo, como presidente do partido, xa que deberán decidir decontado o que cómpre facer no pazo de Raxoi, se o grupo municipal popular nomea edís electos (ao abeiro da lei de cidades), o que tería dubidosa lexitimidade institucional, ou se a Xunta de Galicia intervén o concello, unha posibilidade que tras as recentes declaraciós de Feijoo sobre a corrupción non sería desbotable. Como tampouco semella un disparate a «demisión» do propio alcalde Ángel Currás, tamén imputado. Difícil era acreditar que a herdanza política de Conde Roa dese tanto de si: fraude fiscal, demisións, enchufes, prevaricacións e imputacións no caso Pokemon. En Raxoi tamén se vive unha fin de etapa.

Onte 854: Le un libro e viaxa

Aledoume que onte a xornalista Marta Rodríguez reparase cun chío sobre a campaña «Le un libro e viaxa» organizada pola Asociación Galega de Editores e o concello de Santiago. Oito textos literarios breves para ler en apenas un par de minutos. Unha iniciativa sinxela e directa de corresponsabilidade que os editores galegos acometemos coa intención de contribuír á visibilidade da lectura e do libro galego nos espazos públicos. O deseño da acción, enmarcada na campaña Ser Libris, correu a cargo de Illa Bufarda Produtora Creativa. Nestes días xestionamos levala na vindeira primavera, coincidindo co Día do Libro e o das Letras Galegas, ao transporte urbano e metropolitano doutras cidades galegas. «Le un libro e viaxa».