Artigos

Onte 2124: «Cobiza», a novela de ciencia ficción de Reimóndez

Dende a súa primeira novela, O caderno de bitácora (Positivas, 2004), María Reimóndez non volvera utilizar os recursos narrativos ofrecidos polo xénero da ciencia ficción para deitar unha ollada de grande angular sobre o presente. Faino agora na novela Cobiza (Xerais, 2021), Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual de xénero 2020, coa intención de abordar o proceso de construción do sexo e do xénero, as identidades e orientacións sexuais no marco das pandemias provocadas polo colapso ambiental do planeta e o seu quecemento global. Temas abordados nunha complexa e logradísima trama de ciencia ficción feminista e ecoloxista que se desenvolve tras a Gran Desconexión (GD), catástrofe planetaria debida a un fallo técnico provocado pola sobrecarga  eléctrica que as persoas pobres provocaron na rede de conexión dixital disposta para o avance tecnolóxico; en definitiva, bens e servizos da tecnoloxía dixital, da ciencia e da intelixencia concibidos só para aquelas persoas que puidesen pagalos.

Cobiza relata a peripecia da travesía oceánica de Dandara, Tassi e Seh-Dong, seres doutra caste, creados dende a materia vexetal das resinas, concibidos para vivir centos de anos sen dor nin doenzas ningunhas, cuxa existencia ficara oculta para o mundo, como concibira Luz a súa creadora, coa intención de que a humanidade volvese a súa esencia máis  primixenia. Escrita no período de pandemia, aborda algunha das cuestións esenciais do tempo presente como o valor da ciencia e a tecnoloxía, a escravitude sexual, a explotación dos ventres de alugueiro, a natalidade obrigada nos países empobrecidos… Un formidable negocio para unha corporación internacional, a poderosa Life Corps, capaz de proporcionar a solución (a vacina) para cada pandemia, mais que non ten outra orientación que a proporcionada pola cobiza, un monstro de rostro cambiante orientado a obter o máximo beneficio. Unha reflexión que na novela amplíase sobre o carácter da reprodución, a incomunicación e as posibilidades de colaboración, adquirindo unha dimensión moral xa que a cooperación e o coidado son dous requisitos básicos para a vida dos seres humanos.

Cuestión central na trama da novela, como é adoito neste xénero da ficción científica, é a descrición da organización dunha sociedade dividida entre os Recunchos e as Capitais (onde se fala a lingua única e só se preservou a onomástica das linguas propias), na que todo esta baixo o control do Sistema de Vixiancia Mundial (SVM) e onde cada persoa, seres humanos, seres híbridos e seres metálicos (os androides que traballan como «técnicos») están controladas e non poden saír dos límites permitidos para cada unha delas. Como tamén son fulcrais a abordaxe das cuestións ambientais, nun planeta onde os oceános foron ocupados polos plásticos, os animais salvaxes practicamente desapareceron e a alimentación é homoxénea e compacta, presentada por pastillas.

Con todo, a cerna de Cobiza está na esculca de María Reimóndez sobre o propio concepto do humano, sen divisións binarias e clasificacións establecidas pola anatomía. Que valor ten ter pene ou vaxina?  Que significa ser muller? Podemos ser o que desexemos? É posible desenvolver seres completos sen os vicios dos humanos? Onde queda o papel dos afectos?  Que alcance vai ter a Intelixencia Artificial (AI)? Reflexións sobre identidade e orientación sexuais, como sobre o futuro do planeta doente, na que autora despois de douascentas páxinas sen tregua, propón sementar a esperanza dun mundo novo.

Novela de ciencia ficción importantísima para a literatura galega, polo seu diálogo con clásicos contemporáneos, como O conto da criada de Margaret Atwood (2019 Irmás Cartoné), mais tamén decisiva no catálogo cada vez máis diversificado e amplo dunha autora esencial da literatura galega actual. Outra proeza literaria de Reimóndez que aventuro como un dos libros de excelencia deste novo ano. Recomendo non perdelo.

Onte 2043: «Conta nove estrelas» de Andrea Maceiras

Entre a máis que excelente colleita da colección Merlín no que vai de ano, destaca Conta nove estrelas de Andrea Maceiras, a novela infantil que mereceu o Premio Lazarillo 2018.  Tras dúas grandes novelas xuvenís, Europa Express (2015) e O que sei do silencio (2018), Maceiras amosa nesta obra de ficción científica a súa versatilidade e habilidade para abordar todo tipo de temas e subxéneros, o que a confirma como unha das grandes narradoras da súa xeración. Despois dunha experiencia de lectura engaiolante e aditiva, aventuro que esta novela de imaxinación desbordada sobre a aceptación da diferenza e a conquista dos valores da tolerancia, entre outros temas da formación do criterio moral, ambientada nunha sociedade intergaláctica, hipercomunicada, hipertecnolóxica e hiperregulada, está chamada a ser unha das obras máis representativas da literatura infantil do noso tempo.

Quepi, a heroína protagonista, é diferente á calquera dos habitantes do afastado planeta Dot da luminosa Galaxia OMA, o universo onde vive co seu irmán Udai e o seu avó Acasi. Quepi é única e singular, xa que ten o cabelo e os ollos da cor turquesa das rusgalias; posúe, ademais, a capacidade de comunicarse coa natureza até confundirse totalmente con ela. Afouta e atrevida é capaz de agochar un bobó, un animal prohibido cuxa saliva corrosiva destrúe todo o que toca, desafiando o cumprimento das Tres Normas Inquebrantables impostas polo seu avó: ser invisible, permanecer en silencio e agardar a que caia o tenue Sol de Sibi.

Nun espazo de ficción coidado con todo detalle, como corresponde ao xénero, Maceiras constrúe unha aventura preciosa, que non dá tregua ao lectorado, protagonizada por dous irmáns na procura dun futuro mellor,  identificado coa posibilidade de observar no firmamento A Estrela Dormente. Unha viaxe intergaláctica, a velocidades supersónicas, que os obrigará a superar probas, afrontar perigos e arriscar as súas propias vidas. En definitiva, a aventura como viaxe iniciática de aprendizaxe e superación.

Escrita con grande vontade de estilo, a prosa flúe coma a auga limpa –como lle gustaba dicir ao mestre Agustín Fernández Paz– Andrea ofrece unha das súas novelas máis logradas e atractivas. É unha beizón atoparse cunha escritora en lingua galega en plena madurez estilística e creativa capaz de atreverse con proxecto tan complexo como é  crear un universo alegórico cheo de matices onde abordar as cuestións esenciais da condición humana. Novela de formación e de aventuras contribúe tanto á educación literaria como ao debate sobre valores fulcrais sobre os que artellar unha convivencia actual e futura. Alédome moito da publicación da súa tradución ao castelán, o que sei ampliará considerablemente o lectorado dunha das nosas autoras infanto-xuvenis máis destacadas. Parabéns, moitos, Andrea!

Parabéns, tamén, para Paula Mayor, autora das ilustracións, que lle imprimen ao texto un carácter poeticamente futurista. Excelente traballo!

Onte 1846: Presentación de “4_xinetes” en Vigo

Nin sequera a eliminatoria europea do Celta disuadiu onte aos seguidores de Anxo Fariña que acudimos á presentación de 4_xinetes a súa máis recente novela, publicada simultaneamente en galego por Xerais e en castelán por Anaya Infantil y Juvenil. Foi a editora de Xerais Anaír Rodríguez quen glosou unha obra que cualificou de “fantástica e para todas as idades”. Comezou Anaír lembrando o currículum de Anxo Fariña, “escritor e ilustrador das súas propias historias e series”. “Hai dez anos publicou o primeiro libro da serie os Megatoxos, catro rapaces na procura de cura para a súa mutación, a piques Xerais de publicar a súa sexta entrega. Máis tarde obtivo o Premio Merlín de literatura infantil por A chave da Atlántida, onde continuaba mesturando mitoloxía e aventura. Máis recentemente aborda obras nos límites imprecisos da narración de persoas adultas, o que internacionalmente se coñece como xénero de Young Fiction, historias que ofrecen diversos niveis de lectura en función da idade e madurez dos lectores e lectoras. Aí encadranse Horizonte de sucesos, unha historia perturbadora que fai reflexionar sobre os riscos de menores internados, e 4_xinetes, a novela que hoxe presentamos.”

XG00270701Anaír Rodríguez recomentou 4_xinetes a todos os afeccionados á ciencia ficción e ás distopías con tintes sociais. “Catro protagonistas, dous rapaces e dúas rapazas de diversos puntos do planeta, catro xinetes do apocalipse que non se coñecen e que se comparten o feito de ser usuarios da rede social Mysoul e de atoparse no zigurat de M-Babilon, enfróntase a difíciles dilemas. A descrición moi coidada dos ambientes permite descubrir as diversas pezas da historia e dos poderes que se agochan detrás dos catro xinetes. Mais sobre todo os grandes dilemas morais aos que deben enfrontarse: o valor da propia vida, os límites da liberdade persoal, a lexitimidade do uso da violencia ou a morte como final e principio da vida, entre outros”. “Estamos diante, tamén, dunha novela espello, xa que nesa realidade futurista atopamos moitas características da sociedade actual, tecnolóxica, globalizada e gobernada por poderes intanxibles, persoas moi conectadas que expresan o seu desacougo”.