Onte 1976: Presentación de «Falemos de caricatura» na Coruña
Acompañamos onte a Siro e a Félix Caballero na presentación do seu libro Falemos de caricatura no Espacio Lector Nobel da Coruña. Un acto que constituíu, tamén, unha humilde homenxe a Siro, como pai da caricatura xornalística galega, ao tempo que unha reivindicación do humorismo gráfico galego como unha das expresións máis xenuñinas das artes visuais.
Despois de expresar a súa ledicia por participar nun libro con Siro, «o que constitúe un privilexio«, Félix Caballero lamentou que aínda existía pouca investigación sobre o humorismo gráfico galego. Lembrou cando coñeceu a Siro e como fora o presentador en Compostela do seu primeiro libro, Pienso, luego embisto. Pra rematar considerou que Falemos de caricatura é un libro tanto teórico como práctico, sendo «un acerto o seu carácter conversa, que permite unha lectura amena ao tempo que ofrece a posibilidade de desvelar de forma natural algún segredo da técnica da caricatura».
Na súa intervención Siro lembrou que publicara o seu primeiro libro en 1971 recollendo viñetas que publicara en Ferrol diario. «Aquel meu primeiro pecado orixinal foi un desastre de edición. Como sucedeu tamén co segundo que publiquei en 1975. Decidín, dende entón, que non publicaría un libro até que non estivese completamente satisfeito. E así o fixen en 1980 cando Galaxia me editou Pecados capitais., o que podo considerar o meu primeiro libro. Dende entón quedei satisfeito con todos os libros que publiquei. Con todo, desde hai tempo quero publicar só libros sobre temas que non se teñan abordado no noso ámbito. Así o fixen nos libros que preparei sobre o humor no Quixote e sobre a relación de Castelao coa arte europea, que me acaba de publicar Garañón, a nova editorial de Ferrol. E así xurdiu este libro sobre a arte da caricatura que foi a actividade que me deu de comer ao longo da miña vida».
Siro lembrou como se incorporara á redacción de La Voz de Galicia en 1983, despois de traballar na oficina técnica de Bazán como deliñante. «Quería facer humor gráfico, pero os directores fixéronme caricaturista político. Juan Ramón Díaz pediume que fixese a caricatura política do día. E así, ao longo de vinte e un anos fixen máis de nove mil». «Desque me xubilei tiña unha débeda coa caricatura. E propúxenme facer un tratado da caricatura que non existía como tal, nin pola profundidade nin polo rigor do libro que presentamos».
Siro comentou despois a caricatura da portada do libro, a que Cebreiro preparou de Castelao, «unha xenialidade dunha elegancia insuperable, que podería figurar en calquera antoloxía da caricatura no mundo enteiro», «unha caricatura que une na mesma imaxe ao mellor caricaturista que deu Galicia, Cebreiro, e ao creador do humor gráfico galego, Castelao». Rematou lembrando a figura de Xosé María Cao Luaces, «o patricarca da caricatura en Arxentina a principios do século XX, que era de Cervo, marchou aos vinte e cinco anos para Bos Aires onde chegou a director da revista Caras e caretas; unha publicación que sabemos chegaba a Rianxo e que sen dúbida coñecía Castelao». Como lembrou taén a figura de Juan Carlos Alonso, «un rapaz que fuxiu como polizón dende Ferrol, entrou como recadeiro na redacción de Caras e caretas e que se puxo a debuxar alí con dezaoito anos para chegar a ser o mellor debuxante do seu tempo. Este ferrolán foi o inventor do photosop con lapis, acuarelas e pastel. Alonso é o mellor caricaturista que coñezo».