Artigos

Onte 1064: Día da biblioteca en twitter

biblioteca_twitter

Seguín onte o Día da #biblioteca en twitter. Unha xornada na que os profesionais das bibliotecas insistiron no reto de defender o acceso á biblioteca pública como dereito da cidadanía fronte aos recortes brutais nas súas dotacións e persoal, así como fronte os efectos que sobre as bibliotecas municipais suporá o canón bibliotecario vixente dende hai apenas uns días. Retos aos que eu engadiría os de artellar un modelo de préstamo de libro dixital (un debate moi complexo, que se está dando a nivel internacional, aínda non resolto), como un sistema máis eficaz que permita adiantar sensiblemente a chegada de todo tipo de novidades editoriais en galego (tamén as de poesía, teatro e ensaio, que adoitan quedar fóra do actual sistema). No proceso actual de hibridación e crise de todo o sector do libro, a biblioteca pública debería transformarse en porto seguro, facilitadora dun modelo de lectura interxeracional e multisoporte, espazo de dinamización da cultural local, instrumento compensador de desigualdades e activadora de novos emprendementos. Nunca insistiremos abondo na necesidade de apostar polas bibliotecas e as políticas públicas de lectura.

Bibliotecas sen libros

No artigo da semana en Faro de Vigo critico que o Goberno suprimise dos Orzamentos Xerais do Estado de 2013 a partida destinada a adquisición de libros e fondos bibliotecarios.

José Ignacio Wert deixará ás Comunidades Autónomas sen cartos para a adquisición e distribución de libros e outros fondos documentais para a mellora das bibliotecas públicas durante o ano 2013. Entre os chamamentos a españolear a educación catalá e os anuncios publicitarios de dotar de mochilas dixitais aos escolares protagonizados polo ministro de Educación e Cultura, a noticia da precarización brutal das bibliotecas públicas pasou case desapercibida para os medios e, por suposto, non mereceu espazo ningún nas televisións públicas tan proclives en período electoral a facerse eco dos escándalos no mundo da cultura.

Wert remata dunha plumada co histórico programa do seu ministerio de apoio ás adquisicións bibliográficas da rede de bibliotecas públicas que co Goberno Zapatero chegou a supoñer 30 millóns de euros dos Orzamentos Xerais do Estado. Un investimento que as CC.AA. conveniaban co Ministerio de Cultura co compromiso de achegar unha cantidade idéntica dos seus fondos para o programa. Este modelo de colaboración permitiu que a Xunta de Galicia destinase o pasado ano 1.272.600 euros (636.000 euros dos seus orzamentos) para a adquisición de novidades editoriais para a rede das súas seis bibliotecas nodais, así como na compra de libros en galego para o seu reparto na Rede de Bibliotecas de Galicia, un total de 240 bibliotecas, coa finalidade de dotalas de coleccións actualizadas e potenciar a lectura na nosa lingua.

Desde a súa chegada ao ministerio, a Wert semellantes cantidades investidas en libros e lectura deberon parecerlle un desbalde do que se podía prescindir sen custe político ningún. Fíxoo cando na primavera suprimíu este programa, deixando ao pairo os compromisos adquiridos polas CC.AA. Volveuno facer a comezos deste curso escolar cando impuxo unha redución do 76 % das axudas para a adquisición de libros de texto, outro recorte brutal que afectou a máis de medio millón de familias. Medidas que para este ministro de moita labia nin sequera merecen ser explicadas nin xustificadas xa que forman parte da política de redución do déficit público presentada como indiscutible e inevitable polo goberno do que forma parte. “Se non hai cartos para medicamentos, tratamentos hospitalarios ou atención a persoas dependentes (por poñer casos carenciais que comezamos a sofrir), quen pode reclamalos para a compra de libros?” Eis outra das tantas falacias perniciosas deste tempo de rescate e miseria moral no que dende o Ministerio de Cultura se emite a mensaxe explícita á sociedade de que os libros son bens prescindibles, mesmo para as bibliotecas públicas e para os centros escolares, as dúas institucións especializadas en lectura. Sen apenas custe dialéctico, o moi liberal Wert traspasa así a liña vermella que xustifica deixar á intemperie á rede bibliotecaria pública, o esquelete cultural da nosa sociedade.

Esta rede lectora pública supera hoxe con moito o número de socios dos clubes de fútbol profesional e o seu número de usuarios de todas as idades é maior co dos espectadores que acuden decote aos estadios. Valla como exemplo que na Coruña durante o ano 2011 o número de socios das bibliotecas públicas foi de 86.525 persoas, triplicando de lonxe aos do Deportivo, sendo o número de persoas usuarias de máis de 900.000. Cifras que amosan o impacto social da biblioteca pública, un lugar de convivencia e encontro interxeracional como de acceso especializado á información e aos contidos culturais nos diversos soportes, tanto os impresos como os dixitais.

As bibliotecas son a primeira institución cultural de cada unha das comunidades locais, entidades culturais sen ánimo lucro, portos seguros onde sabemos, como sinala Javier Celaya, que “os nosos datos persoais relacionados co consumo de produtos culturais non serán utilizados para fins comerciais nin como pretexto para aceeder de forma gratuíta a determinados contidos culturais”. As bibliotecas públicas, como salienta a recente Lei de Bibliotecas de Galicia, aprobada o 5 de xullo pasado, constitúen servizos culturais e informativos de máxima relevancia para unha sociedade avanzada, xa que permiten o acceso de todos á cultura, a participación da cidadanía na vida cultural, ademais da conservación e promoción do patrimonio bibliográfico.

As bibliotecas públicas son institucións esenciais para a convivencia e para a educación permanente, tendo un papel fulcral no proceso actual de alfabetización informacional e de acceso á sociedade dixital. Unha realidade que o ministro Wert ten a obriga de coñecer e a responsabilidade de asumir con todas as consecuencias. Que durante todo o vindeiro ano 2013 o Goberno non poña cartos para que a rede de bibliotecas públicas españolas compre fondos é un auténtico escándalo.