Artigos

Campo do Fragoso CCXX

IMPOTENCIA

O Celta de Felipe Miñambres deu onte moi escasos sinais de melloría da súa grave doenza deportiva. Tras a mudanza no banco de Miguel Cardoso por Fran Escribá, o Celta presentouse aparentemente máis compacto e ordenado, pero tamén incapaz de estar á altura competitiva do Real Betis Balompié que en Balaídos recuperou a autoestima e tantos azos perdidos tras as súa recente e dolorosa eliminación da Europa League e a derrota da semifinal de copa. Cunha nova derrota (5 puntos de 36 posibles nos tres últimos meses) o Celta de Miñambres afonda na peor crise deportiva da década deixando a bancada celeste sumida na desolación e cada vez con menos esperanzas de remontada. Ou como resumiu onte de forma rotunda o noso admirado Alejandro Costas Vila, fundador da Peña Celtista Centolos Celestes, no seu perfil de Twitter: «partido plano, día gris, futuro negro».

Tras os experimentos con Antonio Mohamed e Miguel Cardoso, dous técnicos simpáticos e moi faladeiros, que compartían a súa inxenuidade co seu descoñecemento da liga española e do carácter case centenario do Celta de Vigo, e sobre todo tras os rídiculos co Levante e co Eibar, a Miñambres, imaxinamos que contando co apoio do director xeral Antonio Chaves, non lle quedou outra que contratar a Fran Escribá para pilotar o dificil proxecto de salvación deste equipo desorientado e impotente. Unha contratación recibida polo celtismo con esperanzas por tratarse dun técnico estudoso e bo coñecedor da categoría, sendo para moitos a que semellaba a primeira decisión sensata dos responsables do clube dende a lamentable marcha do cadro técnico de Eduardo Berizzo.

Porén, tras a clara derrota co Betis de Quique Setién, os alentos e esperanzas nosas moito amainaron, xa que as mudanzas introducidas polo técnico valenciano foron apenas de matiz, colocando dúas liñas de catro e catro para defender, que se transformaban nun rombo cando o Celta atacaba no campo bético, conseguindo así xuntar as liñas nun equipo aparentemente máis ordenado e contido. Un esquema no que Escribá apenas introducía mudanzas con respecto aos ensaios dos seus predecesores, tanto na composición do cadro inicial, no que o máis novidoso foi a incorporación do ex-bético Boudebouz como media punta, detrás de Maxi, como da propia convocatoria na que continuaron quedando fóra o «castigado» Radoja, a carísima promesa turca Emre Mor e Olaza e «o fantasma de River». Un esquema que durante a primeira parte serviu  para que un equipo moi prudente contemporizase co bético, aínda que fose incapaz de xerar algunha xogada combinada finalizada cun xute ou unha cabezada entre os tres paos. Con todo, nos minutos finais da primeira parte pode reseñarse algunha xogada atacante celeste, se por tal entendemos un remate moi alto de Brais, un xute de Maxi e outro de Boudebouz. E aí quedou o balance ofensivo celeste de noventa minutos.

Tras a reanudación, os de Setién que aburriron coa súa posesión improdutiva toda a primeira sesión, foron a polo partido. E para iso abondoulles que os seus centrocampistas, Canales, Lo Celso e Carvalho, ampliasen o campo polas bandas, procurando a profundidade do seus estremos. Escrivá xuntou máis as dúas liñas e confiou que os patadóns de Rubén sobre Maxi Gómez, que se batiu afoutamente con Bartra, axudasen a desafogar as combinacións béticas dentro da área celeste. Xaora, o partido resolveríase cando apenas faltaban dez minutos, tras unha arrincada de Cristian Tello en posición dubidosa que na banda destrozou coa súa velocidade a Hugo Mallo. O internacional catalán xutou e atopou as mans de Rubén, cuxo rexeite aproveitaría Jesé para marcar. Tras dous minutos de espera, o VAR concedeu gol e as esperanzas celestes fóronse a pique.

Coa táboa de marcas en desavantaxe e dez minutos por diante, o Celta amosouse sen nervio nin capacidade de reacción ningunha, nin sequera pola heroica, unha mostra de impotencia que probablemente sexa o indicio máis precoupante do sucedido na matinal do Fragoso. E cómpre recoñecer, ademais, que Escrivá nin vai dispoñer de tempo para probaturas tácticas nin tampouco acudir a Aspas como táboa de salvación in extremis como sucedeu noutras tempadas. Aínda que non é momento de facer balance deste Celta ideado por Felipe Miñambres, é moi difícil entender as razóns polas que se desguazou nun par de tempadas o proxecto deportivo de toda unha década. Agardemos non ter que lamentalo nun futuro que hoxe enxergamos moi escuro.

Campo do Fragoso CLXXVIII

europa-tiroCELTA XENEROSO

Os empates recentes co Deportivo e co Betis en Balaídos demostran que acadar o quinto posto non vai ser un camiño de rosas para o Celta de Berizzo. A exhibición celeste de xenerosidade e voracidade atacante en ambos os dous partidos, nalgúns momentos transformada en precipitación e ansiedade diante da portaría rival, noutros en desorde e inferioridade defensiva na propia, non abondou para gañar a dous equipos que tamén precisaban puntuar. Cómpre recoñecer que en ambas as dúas noitiñas o Celta careceu das doses de equilibrio e acougo nos momentos decisivos coas que acadou a clara vitoria do Molinón.

Diante do Betis aos de Berizzo abondáronlles cinco minutos para abrir todo o seu catálogo de xogo ofensivo. Foi o tempo que tardou John Guidetti en enviar unha taconazo de moitos quilates ao pao, tras unha parede anterior dentro da área de Nolito e Planas que centrou tras percorrer toda a banda. O Celta arriscaba presionando con intensidade e moitos efectivos na liña de dous terzos, situando moi adiantados aos dous laterais, o que facilitaba as recuperacións no territorio bético. Así chegaron outras dúas ocasións para o noso internacional sueco, en centros de Beauvue e Planas, que chegaba con moita facilidade á liña de fondo.

Xaora, a partir do cuarto de hora inicial, o Betis espertou devagariño, aproveitando instantes de confusión do centro do campo galego, onde frouxeaba Wass (lesionado no nocello dende o inicio) e o poeta Orellana non collera aínda o seu punto de caneo. Así chegou o gol bético, tras unha internada na área do antipático (e perigoso) Rubén Castro, a quen os celestes non souberon defender coa contundencia que un xogador das súas características require. Montoya aproveitou un rexeite frouxo de Cabral e dende a liña de fondo da área pequena enviou o pase da morte para que N’Diaye marcase. Unha xogada moi mal defendida que case derrubou aos nosos. O Celta sen o control da bóla sufriu durante os vinte minutos que restaron até a reanudación. O veterano Joaquín puido liquidar o partido nunha xogada individual na que enviou o balón ao pao longo, imitando a acción preferida de Nolito. Con todo, o Celta tamén tivo a súa oportunidade de ouro nunha galopada de Beauvue, antes de caer gravemente lesionado, que centrou en carreira para que Nolito cabezase dende o punto de penalti. Mágoa que Orellana a porta baleira non aproveitase o rexeite no chan do afortunado gardarredes andaluz.

Coa entrada na lameira de Aspas e Marcelo Díaz, que substituíron a Wass e Beauvue lesionados, o Celta desenvolveu unha heroica estratexia de asedio, asumindo os riscos de deixar espazos baleiros polas bandas, sobre todo na cobertura dos numerosos saques de recanto. Foron corenta e cinco minutos emocionantes onde o gol axexou ambas as dúas portarías. Os béticos tiveron grandes ocasións. Case no inicio, Rubén Castro puido sentenciar o marcador nunha longa carreira en solitario finalizada cunha vaselina que quedou longa só uns centímetros. Pouco despois, o noso porteiro evitou in extremis un precioso gol olímpico dun Joaquín inspiradísimo. Como Cabral defendeu na mesma liña de gol un remate de Rubén Castro, cando o porteiro céltico xa estaba superado. Outro tanto sucedeu na outra área, onde baixo a batuta de Marcelo Díaz as chegadas celestes eran continuas. Coa mellor xogada de Nolito chegou o gol anulado (inxustamente) a Guidetti, o que aumentou a frustración da bancada cunha arbitraxe ruín que facilitou as continuas interrupcións do xogo provocadas polos visitantes. A entrada nos minutos finais de Tucu Hernández achegou decontado a dose de claridade que até entón faltara nos celestes. O seu gol magnífico, froito dun soberbio pexegazo ao pao corpo, tras un servizo maxistral de Jonny, fixo xustiza ao esforzo xeneroso dos nosos.

Campo do Fragoso XCVI

O CELTA NON CEDE

Unha hora e cuarto de xogo case marabilloso non lle abondou ao Celta para dobregar ao Betis, o actual líder. Os de Paco Herrera realizaron un gran partido, impoñendo un ritmo moi intenso de ataque e unha disciplina nas axudas defensivas que lles proporcionou unha clara superioridade en todos os terreos e un elevado número de ocasións. Nese período contamos até catro deses goles feitos, cinco bos remates celestes e outra media ducia de bólas entre os tres paos, que puideron provocar un enorme furado na meta de Goitia. Porén de todos eles, só subiu ao marcador o tanto de Álex López, un xutazo moi preciso, dende a banda dereita, tras un servizo cara atrás que recibiu de Hugo Mallo, quen antes roubara e subira o coiro até a liña de fondo. Unha combinación excelente, pasada a media hora de encontro, entre dous dos nosos canteiráns con maior proxección; unha xogada fermosa de dous xogadores que perderon a inocencia e calquera tipo de medo. A volta ao cadro inicial de De Lucas volveu ser decisiva. A verticalidade de vertixe que introduce o dianteiro de L´Hospitalet é incrible. Aínda non trascorreran dous minutos e xa estragara no segundo decisivo un tiraliñas interior debuxado por Trashorras, acción que agradecía a bancada cos seus primeiros apupos. Tres minutos despois, foi Murillo que non soubo pechar de cabeza o centro do catalán. Nestes minutos iniciais navegaba seguro o Celta sobre a lameira famento de gol, grazas, sobre todo, ao labor dese valadar chamado Bustos, un xogador incansable e inmenso que recuperaba unha e outra vez o coiro devolvéndollo con premura a Trashorras e Álex para que os nosos artistas comezasen unha nova acometida. Porén, semellante intensidade foi paralizada de súbito pola “síndrome do colexiado afouto” do estremeño Ceballos Silva, quen non sinalou dous penaltis consecutivos, deses coma unha casa, que se produciron na área bética. A pesar das erradas decisións arbitrais e das provocacións de Iriney, un vello coñecido de noso, o Celta non perdeu o control diante dun rival que confiaba todo o seu escaso xogo ofensivo no talento dun Emaná que chegou a subir as pelotas dende a altura da súa propia área. Tras unha primeira parte tan completa, na reanudación o Celta non perdeu ao mando. David Rodríguez puido marcar en senllos remates moi ben dirixidos. Con todo a mellor ocasión de liquidar ao partido estivo no xutazo que Trashorras enviou ao pao, tras o desborde dun Dani Abalo que acaba de substituír a De Lucas. Corría o minuto 71 e o sistema de fútbol solidario do Celta, baseado nunha complexa estrutura de axudas, comezaba daquela a esborrallarse. O equipo noso desordenouse e perdeu consistencia. Por vez primeira, a tendencia do partido mudaba. O gol bético víase vir. E, magoadamente, non tardou en chegar: Rubén Castro plantouse na área pequena tras unha combinación con Salva, na única ocasión na que os nosos centrais non estiveron ao seu máximo nivel de concentración. Unha mágoa. A pesar do insuficiente e inxusto que poida parecer este cuarto empate consecutivo, despois deste formidable partido co Betis, o Celta non cede e presenta a súa firme candidatura ao ascenso automático. Polo calidade do xogo desenvolvido nesta primeira cuarta parte da tempada é un obxectivo que está ao alcance da súa man.

Campo do Fragoso XCII

GOL DE ADESTRAMENTO

Tras senllas catástrofes das semanas anteriores contra os colistas, O Celta malogrou unha boa primeira parte para sentenciar ao Betis, un equipo con moitas pretensións que procuraba en Balaídos os tres puntos para entrar nos postos de ascenso. A pesar de que os verdibrancos tiveron toda a iniciativa nos cinco primeiros minutos de xogo, procurando atoparlle as costas á defensa nosa, unha descoñecida intensidade da presión durante case toda a primeira metade permitiu que os celestes se adiantasen no marcador e tivesen oportunidades abondas para avergonzar ao arrichado Víctor Fernández, o adestrador daquel Eurocelta, seguramente o mellor da nosa historia, hoxe responsable do banco bético. Esa nova actitude presionante foi posible polo traballo a brazo aberto de Bustos e López Garai, ao que non foi alleo, tampouco, a achega de Roberto Lago, que durante este período aburríu ao velocísimo Jonathan Pereira, esa pérola emigrante da canteira do Santa Mariña que, magoadamente, non puidemos incorporar ao cadro celeste na mercado de inverno. O certo é que os nosos presionaban coma lobos, o que facilitaba o roubo dalgunhas pelotas decisivas, como a que no minuto 16 permitíu a Cellerino marcar o seu primeiro gol coma celeste, anulado logo de forma abondo rigorosa, ou varias cabalgadas de Botelho finalizadas con disparos de Roberto Trashorras. Porén, o gol chegou no 26, cunha xogada a balón parado, desas ensaiadas unha e outra vez na Madroa, un auténtico gol de adestramento: saque de recanto dende á dereita, pase cará atrás e durísimo pexegazo diagonal de López Garai, dende o recanto esquerdo da área grande, furando as mans de Goita, o gardarredes bético. Un golazo de pizarra, celebrado de forma entusiasta por todo o cadro de xogadores que correron á banda a abrazar a Eusebio e ao seu segundo. Nese pulo tivo o Celta o partido no peto; mágoa que tres minutos despois o inefable Cellerino non chegase aproveitar unha extraordinaria diagonal de Roberto Lago (que partidazo o do lateral vigués), no 39 o remate de Trashorras quedase un chisco desviado ou a parábola de Iago Aspas, dende máis de trinta metros, quedase longa. Foron moitos goles feitos que por arres ou por xos non subiron ao marcador. E coma adoita suceder, case sempre que tanto se perdoa, axiña chegou un castigo durísimo para os nosos. Faltando apenas tres minutos para o descanso, tras outra xogada que non souberon finalizar Aspas e Trashorras, quedou abandonada unha pelota inocente que a calidade de Emaná transformou nunha cabalgada pola banda na que, tras canear até a catro celestes, centrou para que aparecese, por fin, Jonathan Pereira marcando o seu sétimo gol en apenas catro meses de competición. A segunda parte foi ben diferente. O Celta abaixouse de todo e o Betis sinalou o tempo de xogo, mais tampouco soubo chegar con superioridade. No entanto, de forma puntual o Celta tivo algunha oportunidade, outra vez da man dun pase de ouro do acertadísimo Lago que Cellerino contemplou como pasaba ao seu rente. Os vinte minutos finais foron para esquecer, xa que ambos os dous equipos tiñan medo a perder o puntiño do empate; cos xogadores polo chan cada pouco, con múltiples trocos que nada achegaron, o conformismo aseñorou a lameira.