Listado de la etiqueta: básicos_ciencia

Onte 2103: «Unha mente que voa» de Xurxo Mariño

Un dos avances colectivos da edición en galego recente é o do inicio dun catálogo de ciencia e divulgación científica, unha carencia endémica do sector.  Aos títulos daquelas impresionantes coleccións de Kalandraka (2012) de inventarios ilustrados e animais extraordinarios, edicións pioneiras e preciosas como todas as da editora pontevedresa, engadíronse en 2016 a apertura da colección Básicos Ciencia de Xerais dirixida por Miguel Vázquez Freire e a publicación por parte de Alvarellos do libro de Jorge Mira A que altura está o ceo? Tres editoras privadas en lingua galega abrían un espazo de edición impresa con espírito de alta divulgación científica coincidindo coa discriminación que o decreto de plurilingüismo (2010) establecía coa ensinanza das matemáticas e doutras disciplinas científicas e tecnolóxicas en galego. Un compromiso e sensibilidade co futuro do idioma, ao que tampouco foron alleos os científicos e divulgadores participantes nos diversos proxectos. Esforzos editoriais (heroicos) nun sector hexemonizado pola oferta literaria e á asociada ás disciplinas das ciencias sociais recoñecidos nos propios premios anuais do sector que dende 2018 estableceron unha categoría específica de «Divulgación», na que até agora foron galardonados dous títulos científicos: Terra (Xerais 2017) de Xurxo Mariño e A que cheiran as cores? (Galaxia 2019) de Juan Casto Rivadulla Fernández.

Dentro deste espazo de edición científica encádrase Unha mente que voa (Xerais 2020), libro no que Xurxo Mariño aborda a evolución da linguaxe nos humanos modernos. Unha viaxe de dous millóns de anos sobre a relación entre a autoconsciencia, o pensamento simbólico e a linguaxe, un reto no que se trata de comprender a propia natureza humana, tamén un dos maiores problemas da ciencia actual. Lonxe dos perigos académicos dun manual de lingüística ou dun estudo de paleontoloxía, dúas das disciplinas moi presentes neste cento de páxinas, Mariño aposta por ofrecer un relato sobre a evolución dos homínidos ao fío do desenvolvemento do encéfalo e das súas capacidades simbólicas, o que xera unha mente autoconsciente e precisa da interacción social dunha comunidade.

Particular interese ten para Mariño abordar cando xurdiu a linguaxe, unha destreza exclusiva do ser humano, e como se desenvolve na infancia sen necesidade de estímulos educativos dirixidos para iso, cuestión esencial na neuroeducación actual. Como apaixonante é o relato do proceso de invención das 6.000 linguas da humanidade ao longo de 60.000 anos, como o da relación entre o xeito de pensar e imaxinar o mundo e a lingua que se fala. Espectaculares son as páxinas dedicadas á relación entre o manexo de máis dunha lingua e as capacidades cognitivas, para Mariño, un magnífico elixir para a mente. Así, as actuais técnicas de imaxe que permiten estudar o que ocorre no interior do cerebro dun ser humano que manexa dúas ou máis linguas amosan que ten maior densidade de substancia gris ca unha persoa monolingüe en rexións cerebrais relacionadas coa habilidade verbal, o control articulatorio e fonolóxico. Como existen indicios de que o uso de diversas linguas pode atrasar catro ou cinco anos a aparición de enfermidades neurodexenerativas.

Acerta Xurxo Mariño cando concibe o libro como a narración dunha aventura de misterio na que van aparecendo pegadas, non sempre concluíntes. A súa habilidade narrativa, despregada no fascinante Terra, facilita ao lector seguir o fío dun nobelo do que aínda queda moito fío, como traxecto lle queda a viaxe da Voyager evocada nun emocionante epílogo no que salienta a capacidade do pensamento simbólico como ferramenta sen límites para o ser humano. Unha mente que voa enriquece e amplía o catálogo de divulgación científica na nosa lingua. Un libro indispensable para lingüistas e, en xeral, para todo o profesorado, non debe faltar nas bibliotecas escolares e didácticas. Un libro para o lectorado curioso que asume a dúbida como alicerce do método científico e da aprendizaxe. Parabéns moitos para Xurxo, a quen sempre considerei outra das nosas persoas sabias.

Onte 1845: Xerais Básicos Ciencia

Basicos_Ciencia_14-03-2017

Quedamos moi satisfeitos da roda de prensa na que onte presentamos en Compostela a colección Xerais Básicos Ciencia. Tras dous anos de traballo con Miguel Vázquez Freire, director da colección, publicamos os tres primeiros títulos nos que expresamos a nosa intención de contribuír ao desenvolvmento dun catálogo de divulgación científica en galego, ampliando os límites temáticos do noso espazo editorial e dos seus públicos. Unha colección de ciencia, concibida como sinalou Xurxo Mariño, autor de Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, como unha competencia necesaria para sermos cidadáns, para comprender e actuar criticamente na nosa sociedade. Sabemos que a comunicación científica non é un divertimento, é unha contido comunicacional imprescindible. Como tamén que a ciencia forma parte da cultura e a comunidade científica é un compoñente esencial do noso tecido cultural. Unha colección, como salientou Miguel Vázquez Freire, que pretende refutar o prexuízo tan instalado de que o galego non é unha lingua idónea para transmitir os contidos científicos, superando así a asimetría existente na cultura galega entre a cultura humanística e a científica. Superar ese déficit é unha reto para os responsables da colección e tamén para a propia comunidade científica galega a que convidamos a participar no noso proxecto. Na presentación da colección Daniel Soutullo, autor do primeiro título, Historia do ADN. 40 anos de revolución biotecnolóxica, insistiu na necesidade de contar con libros impresos de divulgación científica, mesmo a pesar da facilidade de acceder a eses contidos en internet, asumindo o reto de expresalos con amenidade sen empobrecer a información. Idea que reiterou Antom Labranha, autor de Universo matemático. Das ideas e das técnicas, que subliñou a influencia das matemáticas na vida cotián, escrita toda ela nesa linguaxe, tanto nas cuestións tanxibles como nas filosóficas.