Artigos

Xela Arias docente

Na Revista Galega de Educación nº 80 publico unha breve semblanza da Xela Arias docente:

Na primeira entrevista que fixo Xela Arias en Faro de Vigo, cando sendo alumna de 5º de EXB acababa de gañar o VIº premio do concurso de contos infantís O Facho, confesoulle á xornalista Julia Hortigüela que ademais de escribir contos en galego dende moi cativa «sempre [tivera] a ilusión de ser mestra de párvulos», engadindo a seguinte aclaración: «gústanme moito os nenos pequenos, ensinarlles a xogar e esas cousas; non letras nin números, que iso xa o aprenderán cando pasen a primeiro». Unha atinada reflexión pedagóxica, sorprendente para unha rapaza de once anos, á que non debeu ser allea que nacese na casa escola da Granxa Barreiros de Ortoá, onde seu pai fora alumno e despois mestre, nin que comezase a súa escolarización no Colexio Fingoi de Lugo, onde fixo dous cursos de Parvulario (1966-1968) e o primeiro da antiga Primaria (1968-69).

Foron a Escola Agrícola da Granxa Barreiros de Sarria  (1948) e o Colexio Fingoi de Lugo (1950) dúas institucións educativas privadas adiantadas ao seu tempo promovidas polo empresario Antonio Fernández López que puxo en mans de profesores comprometidos coa causa galeguista e republicana, a primeira nas de Avelino Pousa Antelo e a segunda de Ricardo Carvalho Calero. A granxa-escola de Barreiros, deseñada polo arquitecto Manuel Gómez Román e concibida metodoloxicamente por don Avelino coa intención de formar mestres de orientación agraria e acuñar un novo modelo de escola rural galega, sería unha das poucas experiencias pedagóxicas singulares acontecidas en Galicia durante o franquismo. O Colexio Fingoi como un centro reformista que ao fío da escasa marxe da Lei de Ensinanza Primaria de 1945 pretendía poñer en marcha un ensino globalizado, experimental e experiencial.

Nesa estimulante atmosfera educativa lucense desenvolvéronse os primeiros cursos escolares de Xela Arias, período no que sabemos (cóntao seu pai Valentín no texto «Xeliña fala galego», publicado no libro das festas do San Xoán de Sarria de 1968) aprendeu precozmente a ler, aos catro anos, e a escribir textos en castelán e galego aos seis. Escolarización que continuou en Vigo na Escola Graduada de Moledo, onde fora destinado o seu pai, centro no que cursaría até o 8º na segunda das xeracións da EXB, período no que se incorporarán ás aulas algunhas ideas de innovación representadas por novos materiais didácticos, como aqueles famosos consultores e as súas correspondentes fichas de aprendizaxe individualizada.

Xela Arias quixo cursar o novo bacharelato no Instituto Mixto do Calvario (hoxe IES Castelao de Vigo), onde fixo os tres cursos de BUP (1976-1979) e renunciou a examinarse de COU (1979-80). Sistema educativo que abandonou durante unha década, período no que traballou como editora en Edicións Xerais de Galicia. En 1990-1991 matriculouse en COU a distancia no INGABAD, o que lle permitiría en setembro de 1991, cando tiña case 30 anos, iniciar os estudos de Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo, onde se licenciaría en 1996. Unha formación universitaria que completaría en marzo de 1997 cando obtén o Certificado de Aptitude Pedagóxica (CAP) que a habilita para dar clases de ensino secundario e en xuño do mesmo ano o de Aptitude no Ciclo Superior de Idioma Galego na EOI de Vigo, todo un paradoxo para quen de forma autodidacta como tradutora, editora de mesa, preparadora de estilo e correctora ortotipográfica adquirira un coñecemento moi especializado da lingua galega.   Sabemos que se matriculou en Galego-portugués na USC, estudos que non completaría. Como coñecemos pola súa compañeira de facultade Ana Iglesias que tampouco quixo presentarse as oposicións de Lingua e literatura galegas, quizais por que sabía que a súa obra figuraba no propio temario.

O desexo da rapaza que quería ser mestra de párvulos concretouse como docente a comezos do curso 1999-2000 cando foi chamada a incorporarse como profesora substituta de Lingua e literatura castelá no IES Terra de Xallas de Santa Comba. Iniciaba así Xela Arias un periplo que completaría ese curso no IES A Paralaia de Moaña, no IES Valle Inclán de Pontevedra, no IES Xelmírez II de Santiago e no IES Valadares de Vigo. Desempeño que no curso seguinte, 2000-2001, realizaría como profesora interina no IES de Chapela, no 2001-2002 no IES A Sangriña da Guarda, no 2002-2003 no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo e comezando o 2003-2004 no IES Montecarrasco de Cangas até que faleceu o 1 de novembro.

Sabemos da súa implicación e rigor no traballo docente en todos estes centros, nun período vital que non foi doado para ela, xa que recibía un duro tratamento como portadora do virus da hepatite C. Como coñecemos a súa implicación como activista nas mobilizacións educativas contra a marea negra do Prestige, como testemuñan os poemas «Never more» (2003) e «Cadáver de Man» (2004) publicados na revista escolar O trasno do IES Álvaro Cunqueiro.

Onte 843: Efemérides literarias 2014

Ramón Nicolás publicou onte no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia un artigo excelente lembrando as efemérides literarias deste 2014 recén iniciado. Ademais do ano Díaz Castro, pareceume oportuno que Nicolás reparase nos cincuentenarios do pasamento de dúas figuras galeguistas a recuperar, a do político e xornalista Ramón Suárez Picallo (o 14 de outubro) e a do arquitecto Manuel Gómez Román (o 11 de novembro), así coma tamén nos centenarios do nacemento de Avelino Pousa Antelo (o 14 de maio) e Ramón de Valenzuela ( o 3 de outubro), o autor de Non agardarei por ninguén. Efemérides moi a ter en conta na planificación do noso traballo editorial e na súa utilización didáctica.

[Avelino Pousa Antelo, agosto de 2010]

A voz de Castelao era simpatiquísima, tiña unha maneira de falar que transcendía humanismo, simpatía, transcendía cariño cara todo o que significase Galicia, a terra galega e a nosa cultura.

Onte 347: Mestre don Avelino

A figura de Avelino Pousa Antelo convoca simpatía unánime en sectores sociais ben diferentes da sociedade galega porque simboliza o galeguismo pacífico até o lirismo, ao que convocaba Castelao na súa Alba de Gloria.  O pasamento do mestre don Avelino, un carballo case centenario sempre ao servizo da causa de Galicia, supón que politicamente se apagou o derradeiro facho da xeración do Partido Galeguista, as Irmandades da Fala e a Xeración Nós; fendeuse de vez o elo que unía ao nacionalismo contemporáneo co proceso de construción nacional iniciado naquel tempo republicán de soños e entusiasmo. Don Avelino non fixo outra cousa ao longo de case oito décadas que contribuír a alicerzar o soño dunha Galicia dona de seu, orgullosa da súa lingua e da súa cultura (que defendeu até o seu derradeiro salaio), confiada nas súas propias posibilidades e na determinación dos seus cidadáns. Traballou por este soño coas únicas armas posibles para un patriota galego coma el, a confianza cega nas posibilidades da educación pública e da acción política por medio da palabra. Mestre adiantado da renovación pedagóxica da escola rural (socio de honra de Nova Escola Galega), promotor da Escola Granxa de Barreiros, impulsor do cooperativismo agrario, cando se xubilou dedicou as tres derradeiras décadas da súa vida a defender a dignidade da nación de forma insubornable percorrendo os seus camiños e vieiros até onde a súa presenza venerable era requirida e participando como home de acordos en institucións claves do galeguismo nacionalista como as Fundacións Castelao, Bóveda ou a do Pedrón de Ouro. Don Avelino foi un modelo ético dunha peza, espello de honestidade, rectitude, fraternidade, solidariedade, amizade, valores polos que a súa persoa concita o maior agarimo e respecto. Adeus para sempre adeus, don Avelino! Sempre bo e xeneroso, irmán!

Esta anotación foi publicada en Faro de Vigo.