Listado de la etiqueta: asociación_cultural_pertenza

Onte 1919: O Vindel en Vigo

O feito de que onte o Pergamiño Vindel fose amosado no Museo do Mar de Alcabre durante apenas dous minutos e baixo unha luz moi tenue constitúe un fito histórico. Grazas á teimosía dos membros de Pertenza, unha asociación cultural galeguista viguesa, e da dispoñibilidade e sensibilidade da Universidade de Vigo poderemos contar durante seis meses cunha peza senlleira do noso patrimonio que constitúe unha das iconas da lingua galega e da identidade do propio país como tal. Un fito, mais tamén un modelo de cooperación do que convén tirar partido, moito máis nunha cidade como Vigo, sometida a un triste (como inducido) devalo cultural. O regreso do Vindel demostra que a iniciativa do asociacionismo cultural é capaz de mobilizar do seu conformismo ás institucións culturais públicas. Para tomar boa nota.

Despois do Vindel

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á chegada do Pergamiño Vindel a Vigo:

A data de hoxe, 26 de setembro de 2017, na que procedente da Pierpont Morgan Library de Nova York chega a Vigo o “Pergamiño Vindel” quedará fixada na cronoloxía histórica desta cidade fundada hai séculos polo poeta Martín Códax. A nosa primeira alfaia bibliográfica, onde quedaron recollidas, dende finais do século XIII, as sete cantigas de amigo do trobeiro vigués, coa notación musical de seis delas, será exhibida no Museo do Mar de Alcabre durante os vindeiros seis meses no marco da exposición “Berce da nosa cultura”. Unha oportunidade única para que a cidadanía metropolitana coñeza in situ este documento literario excepcional, onde se identifica tanto o ADN da nosa lingua como a propia existencia da nosa cidade no territorio sagrado da ría de Vigo.

Como reflectiu a recente serie de artigos de “Faro de Vigo” non foi doado conseguir este histórico regreso á ría de Vigo do Vindel da man da Universidade de Vigo e da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia. Foi decisiva a xestión da Asociación Cultural Pertenza de Vigo que puxo en marcha en 2010 o proxecto “Monumento as Cantigas de Martín Códax. Cantor do Mar de Vigo” coa intención de celebrar o centenario do descubrimento do pergamiño polo libreiro conquense Pedro Vindel nun forro dun exemplar dunha obra de Cicerón copiada no século XIV. Xaora, foi a visita que fixo en marzo de 2015 á Biblioteca Morgan de Nova York un dos membros de Pertenza, o psiquiatra e vigués distinguido Cipriano Jiménez Casas, a que iniciou o proceso tan felizmente culminado hoxe. Unha iniciativa privada amosaba como era posible o soño de que o pergamiño viaxase a Vigo, mesmo a pesar do desleixo das institucións culturais viguesas e galegas que en 2014 nada fixeron e deixaron pasar sen pena nin gloria o ano do centenario.

Tamén foi decisivo para este regreso o compromiso incondicional asumido pola Universidade de Vigo, tanto polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina como pola súa reitoría, como institución académica independente, asumindo así a primeira das condicións establecidas pola Fundación Morgan, ademais de aceptar despois tanto as condicións esixidas de custodia e conservación da peza, como as referidas ás actividades de promoción da súa exposición, entre elas a celebración dun congreso internacional sobre o pergamiño e a cultura literaria a el asociada. Unha responsabilidade que a institución universitaria viguesa compartiu coa Consellaría de Cultura e Educación, que cedeu as instalacións do Museo do Mar de Galicia e asumiu os gastos da exposición, despois de que o concello de Vigo, a primeira institución á que a Universidade de Vigo fixo a proposta, declinase liderar institucionalmente esta exposición nas instalacións do Marco, aducindo razóns económicas, o que tamén pasará ás páxinas da nosa historia local.

Pola relevancia deste tesouro, única mostra conservada do cancioneiro profano galaico portugués, xunto ao “Cancioneiro Sharrer”, que recolle sete pezas do rei Don Dinís, como polo interese das corenta pezas artísticas que o acompañan, entre pinturas, documentos e esculturas, na súa maioría do século XIII, a exposición do Vindel convertirá a Vigo durante uns meses na capital literaria galega portuguesa. Unha iniciativa cultural internacional que proxectará a Vigo no incipiente mercado do turismo literario, con especial relevancia para o público portugués, tanto o portuense como o lisboeta (favorecido pola conexión directa entre os aeroportos de Peinador e Portela). Mais a exposición debería ser tamén unha posibilidade de popularizar entre a cidadanía metropolitana, sobre todo entre os seus escolares, mesmo por medio dunha figura escultórica, a presenza urbana do poeta Martín Códax como o primeiro publicista da cidade nosa no mundo.

A exposición do Vindel debería axudar a que Vigo, unha cidade aínda con precaria dotación bibliotecaria, cunha feira do libro cativa e moi escaso apoio municipal á creación e difusión literarias, recuperase parte do terreo perdido na promoción das letras e da lectura. Un paradoxo inaceptable nunha cidade creada por un poeta, que por ventura continúa sendo a capital editorial de Galicia e que con intelixencia e vontade municipal podería consolidarse como capital mundial da poesía galego-portuguesa. Despois do Vindel e con este obxectivo, deberían estudarse pór en marcha iniciativas como a convocatoria anual dun premio internacional de poesía galego-portuguesa (bautizado como Martín Códax ou como Ría de Vigo) ou a realización de residencias poéticas internacionais na illa de San Simón. O regreso do Vindel constitúe un exercicio de autoestima e orgullo cidadán, mais non debería desaproveitarse a oportunidade que achega de proxección internacional do Vigo literario.

Onte 1838: O Vindel vai a Vigo

1280px-Martim_Codax_Cantigas_de_Amigo-1024x742

Merece os maiores parabéns o acordo da Universidade de Vigo e da Consellaría de Cultura que permitirá expoñer o Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Alcabre entre outubro de 2017 e marzo de 2018. Péchase así, felizmente, a xestión iniciada pola Asociación Cultural Pertenza de Vigo que solicitou á Pierpont Morgan Library de Nova York a cesión temporal para a súa exposición en Vigo da que é unha das primeiras pezas do patrimonio literario galego e icona da cidade e da ría de Martín Codax. Unha exposición e un programa de actividades literarias, musicais e artísticas que convertirá a Vigo durante uns meses en capital literaria da lusofonía, ademais de importante atracción do turismo cultural portugués. Mágoa que o o concello de Vigo renunciase a participar nun fito histórico para Galicia e para a propia cidade. Apenas outra doa perdida máis no triste devalo cultural dunha cidade deitada nos brazos do conformismo cesarista. Beizón para os responsables da Universidade de Vigo e da Consellaría de Cultura pola súa xenerosa colaboración interinstitucional, unha cultura de acordos que tanto precisamos en Vigo.