Artigos

Onte 1783: “O inspector e mais eu” de Ignacio Vidal Portabales

Armando_Requeixo-Ignacio_Vidal_23-11-2016

Presentamos onte na Libraría Couceiro de Compostela O inspector e mais eu, a segunda novela de Ignacio Vidal Portabales. O crítico Armando Requeixo glosou unha obra que comezou cualificando de “estupenda novela dun autor que dende a publicación de Dióxenes en Dolorida descubrimos como unha poderosa voz para a nosa narrativa”, para engadir despois que “é moi de agradecer que chegue unha voz en plena madurez, aforrándonos as estreas titubeantes; é moi agradable que a literatura galega gañe efectivos da época máis madurecida”. “Como é moi agradecido e hixiénico para a literatura galega que non estea tan filoloxizada, contando con novos autores que chegan doutros ámbitos profesionais, como é o caso de Ignacio Vidal Portabales, especialista en Dereito Mercantil”.

XG00255901Requeixo confesou que cando comezara a lectura de O inspector e mais eu decatárase de que era unha novela detectivesca, “mais non só iso. xa que ofrece unha profundidade de campo maior”. “Esta é unh anovela que ancora no sentimento do íntimo, de interioridades. É unha novela cunha dobre hélice, onde se retroalimenta o individual, representado nos personaxes de Sandra, Chus e o inspector Roque Barallobre, co colectivo, grazas á metonimia, que desvela que estes personaxes somos todos nós”. “O inspector e mais eu é unha novela psicosocial, que ofrece unha lectura crítica da intersección do mundo das mulleres e dos homes na sociedade que vivimos”. “Aquí hai un proceso de nivel de abstracción superior, Ignacio ofrece un efecto flou do tempo no que xoga, os nosos días e os nosos coetáneos, mais tamén do espazo que constrúe, Marende, un lugar deliberadamente desdebuxado, un lugar por adición, un lugar Frankenstein”.

Armando salientou “a capacidade aglaiante do autor para meterse na pel dunha muller, realizando na narración un auténtico salto fosbury, todo un reto do que Ignacio saíu con boa nota, xa que non cae nos extremos presentando unha muller con irisacións, coas grandezas e miserias dos seres humanos”. “O que pretende o autor é facer unha inmersión nas miserias do ser humano para cuestionar o que está ou non socialmente ben visto. Cuestionar o que é real e o que é aparencial. O que supón unha crítica á hipocresía social e ao pacto, ao politicamente correcto”. Requeixo gabou, despois, “o rexistro moi ben humorado de toda a novela, que destila o humor en todas as súas expresións: como ironía, retranca, sarcasmo ou parodia”. “Ignacio Vidal Portabales é un dos escritores galegos que mellor escribe o humor na narrativa, conseguindo sempre unha complicidade ben humorada”. “Tamén é esta unha novela sobre o amor, mais non un amor acaramelado”.

Rematou Requeixo sinalando que “a novela é interesante, tamén, pola súa estrutura de cremalleira, semellante a unha hélice de ADN, na que hai un auténtico xogo de buril co punto de vista”: “A novela está moi ben acabada, o cosido é finísimo, grazas a unha dobre costura que impide que haxa erros de Racord, puída até o último detalle”. “Cometeriades un pecado se non vos achegárades a esta novela, moi amena, divertida, cunha calidade de páxina asombrosa, que conta cun fraseo que tira da lectura. Ignacio Vidal Portabales é unha das achegas máis refrescantes da literatura galega dos últimos anos”.

 

Onte 1733: Presentación de «Exhumación» de Marcos Abalde en Fornelos de Montes

Fornelos_07-08-2016

Coincidindo coas festas patronais de San Lourenzo Vello presentamos onte en Fornelos de Montes Exhumación, o libro de Marcos Abalde Covelo, gañador da IVª edición do Premio de poesía Manuel Lueiro Rey. Un acto que constituíu outra lembranza emocionante do autor da Derradeira escolma ferida, no ano do seu centenario, ademais da expresión da máis innovadora poesía galega. Un acto conducido por Carme Carreiro Montero, a auténtica alma mater deste certame e da causa Lueiro en Fornelos, no que participou tamén Emiliano Lage, o alcalde da vila, sempre agarimoso e receptivo coa memoria literaria do seu concello.

XG00260301Na súa intervención, en representación do xurado que outorgou o premio, Armando Requeixo xustificou o ditame unánime por contar Exhumación con tres trabes mestras, a estilística, a arquitectónica e a referida á mensaxe, o seu contido. Estilística na medida en que o poemario de Abalde contribúe a que poesía galega avance no camiño da renovación, por medio da utilización dun ritmo especial, unha adxectivación precisa e a utilización de luzadas teatrais, un traballo escénico con cada un dos textos. Arquitectónica por tratarse de 27 textos, incluído un poema de Adro, e dous grandes bloques de trece poemas cada un, «Non dominar» e «Non deixarse dominar». «Un libro, pois, balanceado, onde cada parte equilibra a outra, unha clara vontade autoral para que o libro teña equilibrio e unha idea reitora». Mensaxe, «na medida que se trata dun libro político e social, procurando a implicación comunal, amosando que a poesía serve para facer un mundo mellor».

A seguir, Requeixo debullou algunhas das temáticas abordadas no libro «que constitúe unha aposta polos desaparecidos, que viven nas marxes, dende aqueles que sufriron ao longo da historia, como os Irmandiños ou os resistentens do Medulio, até  «a problemática actual dos obreiros de Ferrolterra contaminados polo amianto». «Poemas que compoñen un fresco de implicación, que enlazan con outras voces actuais da poesía galega, como as de Daniel Salgado, Mairo Requeira, Xabier Cordal e, sobre todo, de Chus Pato, a quen Abalde homenaxea ao comezo da obra». Rematou o seu discurso Armando Requeixo recomendando a lectura dun libro que definiu como precioso.

No seu discurso, Marcos Abalde Covelo confesou ser discípulo de Lueiro, «unha persoa que puxo ao servizo dos mais oprimidos a súa intelixencia e afectividade». «Preocúpame o tema da dominación, o que é preciso exhumar». «Hoxe o ser humano está danado, o seu vínculo está roto, sexa cos seus irmáns, coa lingua e coa terra. Como podemos reconciliar ese vinculo? Nesa pregunta está a razón deste libro.»

»E moi importante exhumar un pasado sepultado da tradición dos oprimidos, recuperando o seu potencial emancipador. Temos o dereito garantido a saber que aconteceu e o deber de recordar esa longuísima tradición de oprimidos e resistentes nesta inmensa historia de catástrofe, onde, porén, hai espazo para a esperanza.»

«Mais tamén é preciso exhumar un presente sepultado, onde as tres cuartas partes da humanidade está excluída, sexa entre os países do norte e do sur, o que chamamos apartheid global, mais tamén na propia Galicia, onde este apartheid, o da subhumanidade moderna, tamén funciona. 20.000 rapaces son expulsados cada ano a vivir fóra de Galicia. O reino de España e, tras Romanía, o que ten maior número de nenos vivindo na pobreza, un de cada catro. Na miña xeración, a dos traballadores empobrecidos, ese apartheid é moi claro.»

Rematou Marcos Abalde reclamando a recuperación das vellas palabras: proletariado, emancipación, xustiza, empobrecemento. «A exhumación como redención da nosa dignidade sen esquecer que a principal responsabilidade que temos son as xeracións futuras». «Preocúpame moito a cultura da paz, se non hai inclusión, non hai posibilidade nin de paz nin de fraternidade.»

Onte 1562: A colleita de 2015 de Fervenzas Literarias

fervenzas_literarias_2015

Como xa é tradición dende hai nove anos, coñecimos onte o ditame dos premios Fervenzas Literarias aos mellores libros e iniciativas do ano 2015. Os Fervenzas son sempre os primeiros da xeira anual de premios a obra editada, ao tempo que teñen a singularidade de ser outorgados por votación de medio milleiro de internautas, que expresan as súas preferencias arredor de vinte categorías da creación editorial galega actual. Como editor non podo máis que abeizoar a continuidade e rigor desta iniciativa de Fervenzas literarias, como a calidade desta revista literaria dixital, auténtica pioneira no noso humilde sistema.

No que atinxe ao resultado desta colleira 2015, estamos moi satisfeitos pola importante presenza de títulos editados por Xerais nas diversas categorías, nalgúns caso sendo considerados como os «mellores do ano». Así sucedeu con A boca da terra de Manuel Rivas, mellor libro de poesía; Raclette de Santiago Cortegoso, mellor libro de teatro, Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig, mellor libro de ensaio; Europa Express de Andrea Maceiras, mellor libro xuvenil; O papiro do César, mellor libro de LIX traducido (por Isabel Soto e Xavier Senín); O último día de Terranova, mellor capa de adultos e Lendo lendas, digo versos, mellor capa de LIX.

Como tamén moito nos aprace que Xerais sexa considerada outra edición máis como mellor editorial do ano,  Culturgal como «o mellor acontecido de 2015» e Brétemas, a pesar de non ser un blog estritamente literario, continúe sendo valorado. Merecen, ademais, os nosos parabéns Ledicia Costas como «autora do ano», Xosé Cobas como «ilustrador do ano» (ademais de autor das ilustracións das dúas mellores capas) e Armando Requeixo como crítico literario e responsable do mellor blog. Outro tanto a Antón Riveiro Coello, autor d’ Os elefantes de Sokurov, mellor libro de Narrativa; Maria Solar, autora d’ O meu pesadelo favorito, mellor libro infantil; Davila autor d’ O bichero, mellor álbum de banda deseñada, Laureano Araújo Cardalda, tradutor d´ A morte en Venecia de Thomas Mann, mellor libro traducido para o público adulto; Couceiro como mellor libraría e Praza como mellor medio de comunicación.

Abonda con repasar as obras e iniciativas recoñecidas como finalistas en cada unha das categorías para recoñecer a diversidade da oferta do sector editorial galego, a pesar de que non amanaisen os ventos da crise nin a inacción das políticas públicas de lectura. O 14 de maio, data na que se celebrará no Teatro Principal de Compostela A Gala das Letra, organizada conxuntamente pola AELG, AGE e Federación de Librarías de Galicia, coñeceremos un novo ditame sobre o publicado en galego o pasado ano. Xaora, as nosas beizóns aos responsables de Fervenzas e a todos os autores e autoras, ilustradores e ilustradores, tradutores e tradutoras e editoras recoñecidas.

Onte 973: Duelo de Penélopes

diaz_castro_12-05-2014

Felicísimo foi o acto de onte no Club Faro de Vigo no que homenaxeamos a Xosé María Díaz Castro. Todas as intervencións foron moi brillantes e amosaron a relevancia do autor de Nimbos. Armando Requeixo, o biógrafo e estudoso do escritor de Guitiriz, presentouno como figura poliédrica, poeta durante sesenta anos e tradutor destacadísimo. Luís González Tosar, amigo e editor do poeta durante a derradeira década da súa vida, realizou o retrato humano. Contou con moita finura como Xosé María namorou por carta de María Teresa, a súa madriña de guerra, que sería a súa dona. Relatou a súa amizade con Charles Lessner, o afillado de Karl Marx, que sería en Vilagarcía, cando traballaba no colexio León XIII, o seu profesor de inglés e alemán. E lembrou Tosar con saudade e emoción aqueles días felices compartidos, nos que o poeta colaborou coa revista Dorna.

Pechou as intervencións Xosé Luís Méndez Ferrín abordando a relación de Díaz Castro con Vigo, «a capital editorial e cultural de Galicia do século XX e do comezo do XXI». Lembrou o papel esencial do poeta berciano Ramón González Alegre, director da revista Alba de Vigo, quen non seu libro Poesía gallega contemporánea, publicado en 1953 por Hugín, deu a primeira noticia do poeta Xosé María Díaz Castro. «Daquela ingnorábase en Vigo que Díaz Castro publicara en 1946 o opúsculo Nascida dun soño na imprenta e librería Celta de Vilagarcía». Continuou Ferrín recordando o decisivo que fora a publicación en 1956 da Escolma da poesía galega. IV Os contemporáneos, preparada por Paco del Riego, onde se recolleron textos de poetas inéditos como Díaz Castro. «Alí aparece o núcleo duro dos poemas diazcastrianos, dende a pérola negra, «Penélope», mais tamen outra «Penélope» a de Álvaro Cunqueiro. Unha sostense a carón da outra, a iso é o que chamamos “duelo de Penélopes”». «Daquela había sede de Díaz Castro. Un clamor para que publicase un libro en galego, cando en Galaxia había repulsión para a publicación de poesía. Así naceu a serie Sanlés, onde non aparece o carimbo de Galaxia, dirixida por Del Riego e Celso Emilio». Citou Ferrín as críticas entusiastas que recibira Nimbos, a pesar que Carballo Calero cualificara a Díaz Castro apenas como «poeta legible». Rematou Ferrín afirmando que «teñen razón aqueles que consideran que o canon da poesía galega do século XX está formando por Xosé María Díaz Castro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro e Celso Emilio Ferreiro».

Texto da presentación (pdf).

Onte 914: «Penúltimas tendencias»

XG00217101Foi onte o crítico Armando Requeixo quen se ocupou de Penúltimas tendencias, o libro de poemas no que Carlos Negro continúa e profundiza o vieiro aberto por Makinaria de revisión da cultura adolescente actual. Como sinala Requeixo, se en Makinaria abordaba o mundo masculino da velocidade e os seus vehículos, en Penúltimas tendencias aborda a tiranía que sobre as rapazas creou a cultura do fashion & cool & chic & sexy. Dous títulos esenciais no catálogo da nosa colección Fóra de Xogo que contribúen a achegar ao lectorado en formación á poesía (non só a narración), mais que tamén achegan criterios para desmontar prexuízos e alicerzar valores alternativos. Mais se o texto do crítico non abondase, onte lin un comentario dunha lectora de 15 anos, Mariña Gándara, reproducido coma imaxe nun chío de Gracia Sanctorum. Pareceume un texto extraordinario e moi emocionante. Transcribo o derradeiro parágrafo:

Bi4OGSNCUAAj2BgPenúltimas tendencias é a voz de moitas de nós, que estamos fartas de ser etiquetadas con falsos factores que imprimen outros libros, as series, a publicidade. É o son revolucionario que rompe as cadeas da monotonía (…)

Penso que e o libro que debería definirnos na actualidade. A verdadeira cara da muller, o verdeiro grito de guerra; unha guerra entre nós e toda a sociedade que, ao longo de tantos anos, só é capaz de recoñecer á xente de forma superficial.

Un comentario de lectura abraiante pola súa madurez para un libro necesario tanto na formación do criterio do lector literario coma na desmontaxe dos prexuízos sexistas. Recomendo vivamente Penúltimas tendencias.

Onte 552: Prestige anual

Nun día no que as noticias non parecen convidar ao optimismo, as declaracións de Mario Regueira na longa e interesantísima conversa con Armando Requeixo non poden pasar desapercibidas. Regueira acerta de cheo cando di que “o primeiro que lle falta ás nosas letras é un poder político que mire por elas con verdadeiro interese e implicación”. Concordo tamén con el cando afirma que “a nivel cultural vivimos un Prestige anual que non se nota porque segue a haber un voluntarismo que cobre unha parte importante dos seus efectos”. Como tampouco lle falta razón ao autor d’ O silencio cando denuncia as actitudes endogámicas e seitarias (“a literatura galega, como moitos outros ámbitos da nosa realidade, non está libre dos seus propios caciquismos”). Quedei, tamén, con outra afirmación que define moi acaidamente a situación actual. “É desconcertante o viva e fluída que se mantén a nosa cultura tras anos de abandono institucional, falta de visibilidade e hostilidade declarada dunha parte da sociedade. Vivimos nunha especie de oasis rodeado do máis atroz deserto, pero o certo é que nese pequeno espazo, e sen caer en idealismos, constituímos algo semellante aos anos dourados da nosa tradición literaria”. Non se pode dicir mellor. Unha entrevista das imprescindibles, que moito recomendo.