O galego abraza
No artigo da semana en Faro de Vigo insisto sobre a necesidade do compromiso de cada cidadán co futuro do idioma. O que suceda co galego depende de nós.
O maior erro do presidente da Xunta de Galicia nos dous últimos anos foi abandonar o consenso forxado ao longo das tres décadas de autonomía arredor do estatus da lingua galega e das políticas para o seu fomento e promoción en todos os eidos da vida social, política e económica. Unha posición á que sabemos non foron alleas nin as presións dos minoritarios grupos contrarios á promoción do galego nin as orientacións dos think tank que promoven unha refundación recentralizada do estado autonómico. Un erro agravado tras a aprobación unilateral por parte do PPdeG, sen apoios sociais e profesionais, do “Decreto de Plurilingüismo”, que por primeira vez na nosa historia reduce a presenza do galego no sistema educativo non universitario e que foi recorrido diante dos tribunais pola Real Academia Galega, un feito incrible en calquera outro país. Unha decisión política que está agrandando unha ferida aberta na sociedade, como puido comprobar o propio presidente no panorama que contemplou na cerimonia de entrega dos Premios da Cultura Galega, aos que non acudiron nin os representantes dos partidos da oposición nin membros da sociedade literaria, apoiando deste xeito a opción do escritor Agustín Fernández Paz que coa maior coherencia e elegancia non puido aceptar un premio co que expresara con anterioridade o seu desacordo.
É innegable que na sociedade galega existen sectores minoritarios que se avergonzan da lingua galega e do pulo acadado pola súa cultura, un patrimonio que a humanidade deixou ao noso coidado. É un feito que estes sectores, que se presentan como defensores do bilingüismo, son moi teimosos no seu labor de provocar o retroceso da presenza do galego en todos os eidos da vida pública, singularmente no sistema educativo non universitario, onde ao abeiro da súa crise actual como mecanismo eficaz de mobilidade social, atopan o mellor caldo de cultivo para o fermento dunhas posicións que inequivocamente defenden un monolingüismo social para o castelán como un elemento diferenciador. É innegable, ademais, que ao uso da lingua galega non son alleos prexuízos tan falsos como estendidos que identifican aos que a utilizamos decote ben como aldeanos ou ben como “galeguistas”, ese colectivo cidadán formado polo profesorado de galego e pola militancia nacionalista. Prexuízos que caen polo seu propio peso cando sabemos que o galego, a pesar do retroceso do seu emprego nos entornos urbanos, singularmente o noso de Vigo, é a única lingua que segue a ser, tras 500 anos de imposición do castelán, a lingua maioritaria na súa comunidade.
No entanto, a pesar destas posicións que causan división arredor do estatus do galego, un dos símbolos maiores da nosa convivencia, para enfrontar o seu difícil futuro é imprescindible, urxente, inevitable que todas as forzas políticas recuperen no Parlamento o camiño da concordia. Non se pode adiar por máis tempo intentar artellar este novo consenso arredor do estatus da lingua, concibida como parte esencial da nosa riqueza, como o patrimonio máis valioso que posuímos, e nunca como un problema ou como unha barreira de división ou de fractura entre os partidos ou entre a cidadanía. Un novo consenso elaborado en condicións de xustiza e equidade, o que inevitablemente levará aparellado, como sucedera en 2004 no consenso anterior arredor do PXNL, a posta en marcha de políticas firmes de acción positiva a prol do galego en todos os eidos da vida social, educativa ou institucional.
O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, escribiu que “o galego é o ADN do que fomos, do que somos e do que queremos ser”. Será a cidadanía coa súa voz e voto a que declarará un futuro para o galego ou a que decidirá a súa lánguida extinción. O que suceda depende de cada un de nós, daqueles que utilizan decote a lingua e daqueloutros que optan por non facelo, daqueles que se apuntan ao partido da esperanza ou daqueloutros que prefiren desentenderse deste patrimonio.
Os que nos apuntamos ao partido da esperanza sabemos que é indispensable aumentar as dimensións do perímetro da apreta do galego, de ampliar o número de persoas que valoran este idioma milenario como a tecnoloxía de comunicación máis eficaz e innovadora que posuímos todos os galegos a esta altura do século XXI. Contamos con moitas posibilidades de utilizar o galego como abrazo: ler en galego, escribir en galego, felicitar as festas en galego, agasallar en galego, escoller a opción galego cando exista a posibilidade de utilizar un servizo nesta lingua, reclamar o uso do galego cando non estea dispoñible esta opción, solicitar ser atendidos en galego cando nos dirixamos ás administracións…, posibilidades todas de exercer pacificamente o dereito a existir da nosa lingua, de valorar o noso. Falemos como galegos!