Artigos

Onte 2125: «Dicionario irreal para un país imposible» de Xavier Seoane

Había tempo que tiña interese por comentar o Dicionario irreal para un país imposible (Xerais 2020) de Xavier Seoane, o libro galego máis orixinal e atractivo dos impresos o pasado ano. Unha obra inserida na cultura dicionarista de Xerais, a editora galega que leva ofrecido o catálogo máis amplio e continuo deste tipo de obras. Un dicionario das silveiras, como o define o seu autor, emparentado con outras obras alfabéticas literarias das que tan orgulloso quedara o equipo de edición noso: dende o Elucidario (Xerais 1999) de Gonzalo Navaza da colección Ferros, dirixida por Cid Cabido, pasando polo Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais 1998) de Cuba, Miranda e Reigosa, obra fulcral na literatura galega de tradición oral revisada e reimpresa nas dúas últimas décadas en varias ocasións, até o Abecedario das mantenzas (Xerais 2012), que o noso admirado doutor Fausto Galdo non chegou a ver publicado.

Só un sabio de espírito renacentista e paciencia xenerosa como Xavier Seoane puido ter asumido completar durante dúas décadas o que hoxe xa é un monumento cultural galego. Contando coa súa condición de lector letraferido e o pouso da súa enorme erudición humanista, Seoane apenas botou man dos milleiros de lecturas da temática e do carácter máis diverso, peneiradas coas ferramentas da retranca e da súa fluidez compositiva, para definir varios centos de nomes comúns e propios, así como algúns títulos e frases feitas. Escolla orientada sempre orientada a acadr un achegamento analítico e poético a ese país imposible que chamamos Galicia.

Con semellantes intencións, para tecer o urdime de cada entrada deste glosario literario utilizou textos informativos, contos, poemas, reflexións, receitas, reseñas de libros e discos, referencias intertextuais, entre outros materiais, tanto propios como alleos. E o resultado que acada Seoane é unha auténtica delicattesen literaria, onde ningunha expresión da cultura galega resulta allea ou superflua. Case catrocentas páxinas apaixonantes onde campan a imaxinación, o humor, o espírito crítico e a reflexión máis desprexuizada e atrevida.

O dicionario de Seoane pode lerse como mellor lle preste ao lectorado, en calquera sentido e de calquera xeito. Con todo, confeso que algunhas entradas resultáronme memorables, coas que non parei de subliñar ou de rir a cachón: acento, Amancio, buguina, carácter, chuvia, emigración, identidade, Mendiño, palleiro, queixo (“epifanía casual elaborada con leite…”), retranca, ríos, saudade (na segunda acepción), xeito… Aínda que mención á parte merecen algunhas alfaias que o lectorado vai atopando como a tradución desas sete páxinas poéticas memorables tituladas “Os galegos, pioneiros audaces do amplo mundo”, compostas ao xeito de Walt Whitman.

Non podo rematar este comentario sen mencionar o extraordinario traballo de ilustración de Ramón Trigo, un dos grandes pintores e ilustradores actuais, que nunha ducia de pezas ofrece unha iconografía do país imposible retratado por Seoane. Un traballo plástico que por si mesmo merece unha exposición e unha difusión de seu. Como tamén é de excelencia o coidado da edición do editor Ramón Domínguez e do cadro da editora, tanto polo deseño de interiores, a escolla tipográfica, o tratamento do texto como dos materiais e acabamentos. Unha edición agarimada pola editora para ofrecer un dicionario de espírito clásico (e polo tanto perdurable), para un libro que entra así nesa reducida categoría das «obras mellor editadas». Libro para as que aman os libros, que non debe faltar en biblioteca ningunha, incluída as escolares. A miña gratitude a Seoane pola inmerecida dedicatoria. Beizón.

Onte 466: “Abecedario das mantenzas”, lembrando a Fausto Galdo

Na sede da Real Academia Galega celebramos a presentación do Abecedario das mantenzas. O acto constituíu unha intensa e emocionante homenaxe a Fausto Galdo, o seu autor, falecido o pasado mes de novembro cando a edición do libro estaba comezando a ser encadernada. Médico reumatólogo queridísimo, Galdo pertenceu a esa xeración de médicos humanistas coruñeses, irrepetible, que consideran o ser humano na súa integridade. Así foi lembrado na presentación por Cristino Álvarez, que encadrou esta enciclopedia gastronómica na estirpe das obras clásicas publicadas por Alexandre Dumas, Ángel Muro ou nos diversos dicionarios gastronómicos de Larousse.

Xosé Ramón Barreiro Fernández lembrou con emoción a Fausto salientado que “a pesar de non chegar a tempo para a presentación, estaba presente no acto”. Valorou, despois, “esta enciclopedia gastronómica galega como o auténtico testamento intelectual de Galdo. Aquí aparece todo o que ten que ver coa mantenza, toda a súa sabedoría. Faino de forma asequible, integrando con enorme xenerosidade os nomes de todos os que en Galicia escribiron sobre temas gastronómicos”. O profesor Barreiro insistíu na importancia do libro: “Isto é cultura galega. Non só por estar escrita en lingua galega. A cultura no seu fondo é a forma que a comunidade galega tivo de dar resposta as súas necesidades en forma de beleza. A forma que ten un pobo de comer é cultura. Con este gran libro Fausto Galdo fixo patria”.

Pechou as intervencións Faxildo Galdo, un dos fillos de Fausto, autor da ilustración de cuberta, realizando unha fermosa e moi emocionante biografía gastronómica do seu pai. Faxildo definíu o Abecedario das mantenzas como un “libro de gastrosofía”, lembrando ao seu pai como un “grande discutidor e escoitante”, no que o interese pola cultura das mantenzas, a pesar de que cociñaba pouco, foi un continuo na súa vida. Unha presentación inesquecible, na que o salón da RAG quedou pequeno.

El Ideal Gallego publica unha ampla crónica do acto e os xornais La opinión da Coruña e Faro de Vigo publican hoxe na súa última páxina unha ampla reportaxe sobre o libro.

Onte 425: Fausto Galdo

O doutor Fausto Galdo morreu unhas horas antes de que rematase a encadernación do seu Abecedario das mantenzas, o extraordinario e fermoso libro no que compilou con elevadas doses de humor e erudición boa parte do seu amplísimo coñecemento da cultura gastronómica de noso. Por ventura, a pasada semana aínda tivo a satisfacción de ter nas súas mans o miolo impreso da obra, o que nós chamamos “capillas”, recén saído do prelo. Hai poucos días preparabamos para finais deste mes de novembro a presentación do libro na Coruña e nas súas terras nativas de Viveiro, as dúas cidades que tanto amou. Xeneroso, entusiasta, agarimeiro, simpático, cultísimo, galeguista de raíz, sempre didáctico, Fausto Galdo pertenceu a esa xeración coruñesa de médicos humanistas que tanto admiramos. Onte foi grande o noso pesar polo seu pasamento. Con todos os abrazos para a súa compañeira Fernanda e para todos os seus.”Voso e da terra” foi a súa despedida preferida.

Retrato de Xurxo Lobato.