Listado de la etiqueta: a_lingua_das_bolboretas

O teito é de pedra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás novidades recentes do Vigo literario:

Había tempo que non me entusiasmaba tanto cunha novela viguesa brillante e estremecedora como O teito é de pedra (Xerais 2025) do meu admirado Álex Alonso. Peza literaria coidada e memorable na que o narrador natural de san Miguel de Oia recupera a memoria dos acontecementos violentos acaecidos durante os días do golpe de Estado de 1936 na súa parroquia, como na limítrofe de Coruxo e mesmo outras de Vigo e do Val Miñor e da illa de san Simón, onde foron encarcerados tamén outros veciños. Un exercicio literario de moito calado no que Álex toma como referencia a investigación de Bernardo Vázquez Acuña, Memoria dunha parroquia republicana. San Miguel de Oia, Vigo na década dos trinta (Instituto de Estudios Vigueses 2015) coa intención de relatar vidas de familias campesiñas e mariñeiras desta parroquia, así como os conflitos suscitados polas expectativas de igualdade abertas durante o período republicano. Coma fixera en Granito (Xerais 2020), na que reconstruíu literariamente o crime de Nigrán de 1994, Alonso emprega con mestría os procedementos da ficción, coa presencia de personaxes reais e doutros creados a partir dos testemuños recollidos por Vázquez Acuña, ofrecendo un texto de lectura tan engaiolante como perturbadora.

O teito é de pedra é unha ficción de título ferreirán (e capa de Fran Herbello) impresionantes, no que o autor reconstrúe anacos da vida dos nosos avós para devolvelos cunha prosa cristalina como memoria recuperada. Unha novela sobre o medo, que mantiña a disciplina férrea dos vencedores que alongaron a súa persecución e crueldade cos escapados até 1948. Un relato tamén sobre a dignidade das familias represaliadas, recuperada no solpor da obra na frase de Concepción Ferreiro: «En min ninguén manda. Eu son dona da miña persoa». Obra coral de voces diversas pon o acento na reconstrución da vida cotián da parroquia de san Miguel como da propia cidade no verán de 1936. Páxinas nas que identificamos a homenaxe ao rexistro emotivo de Agosto do 36 (Xerais 1991) de Xosé Fernández Ferreiro e d’ A lingua das bolboretas (Galaxia 1994). Unha novela viguesa á altura doutras memorables como Amor de tango (Xerais 1992) de María Xosé Queizán, Cabalos e lobos (Xerais 2015) de Fran Lorenzo ou Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (Xerais 2016) de Ledicia Costas, que fan todas elas memoria e cidadanía lectora.

Outra importante novidade recente para o Vigo literario é a novela de María Oruña El albatros negro (Plaza y Janés 2025), con oportuna edición galega de Cumio, a primeira que a escritora viguesa dedicada a súa cidade. Ficción localizada no Vigo corsario do XVIII e no Vigo actual xira arredor da procura dun dos tesouros máis enigmáticos dos afundidos na ría, que pretendía rescatar unha historiadora naval maior falecida en estrañas circunstancias, o que será investigado polo subinspector Rivas e a inspectora de patrimonio Nagore Freire. Relato ben alicerzado na historia, documentado nos traballos do arqueólogo Ramón Patiño, membro do Instituto de Estudios Vigueses, foi saudado pola escritora Ledicia Costas nestas páxinas de Faro de Vigo como «novela poliédrica que nun labor titánico de escrita ten dentro o xénero de aventuras, o policial e o histórico», para seguir salientando o agasallo que esta ficción de vontade internacional desta raíña do misterio, aparecida cunha tirada longa de milleiros de exemplares, supón para a cidade de Vigo e para a divulgación da súa historia.

Espazo do Vigo literario ao que nestes últimos meses contribuíron a alargar outras valiosas narracións en lingua galega: Blues da Florida (Medulia 2024) de José G. Barral, que novela con emoción e fidelidade os meses anteriores á supresión dos tranvías diante dos nosos ollos, transporte pioneiro do Vigo metropolitano; e Son coma glaciares os barcos de aceiro (Galaxia 2025) de Cynthia Menéndez lembrando a última folga do estaleiro Hijos de J. Barreras e homenaxeando ao Vigo obreiro. Como tamén achegan diversidade ao mapa literario vigués tres novelas recentes en lingua castelá: Las cosas que nos pasan (Plaza y Janés 2025) de Guada Guerra, Todo es verdad por que nadie miente (Plasson e Bartleboom 2025) de Estela Gómez e  Hasta siempre (Maeva 2025) de Amara Castro Cid.

Ás portas da Feira do libro de Vigo, que se celebrará do 1 ao 7 de xullo na Alameda de Compostela, está ampla e gorentosa colleita de novidades narrativas do Vigo literario para públicos diversos debería contar co protagonismo e visibilidade que merece semellante fenómeno. O Vigo literario e o Vigo noir, a tradición moderna da novela policial viguesa creada por Domingo Villar e o seu inspector Caldas, como as numerosas novidades sobre a historia da cidade, editadas polo Instituto de Estudos Vigueses, non deberían faltar na programación nin nas casetas.

Cuerda e a escola das bolboretas

Souben esta mañán do pasamento do meu admirado José Luís Cuerda, un home cabal e un cineasta sensible e acedamente retranqueiro. Hai pouco mais dun ano dedicáballe un agarimo nestas brétemas a raíz de Tiempo después, o que será a derradeira liña dun catálogo selecto dunha ducia de películas. Coñecino hai quince anos nunha presentación en Ourense, serán no que me entusiasmou a forma como rendeu tributo á educación como transmisora de talante crítico e como criticou o que bautizou como «sociedade do espectáculo e da percusión».

A Cuerda dediqueillo outros dous textos, un artigo publicado o 10 outubro de 1999 en Faro de Vigo, con motivo da estrea d’ A lingua das bolboretas, e outro en novembro de 2006, tamén a raíz da mesma película, con motivo dunha intervención miña na Semana pola recuperación da memoria histórica de Navia.

Recupero agora o texto de 1999 publicado en Faro de Vigo, baixo o título «A escola das bolboretas»,  e expreso a miña admiración por Cuerda, tamén, como a aquel don Gregorio (de Manuel Rivas), mestre das bolboretas:

Emocioneime moito con A lingua das bolboretas, a película de José Luís Cuerda que recrea textos de Qué me queres amor?, o libro co que  Manuel Rivas obtivo o Premio Nacional de Narrativa. Rivas ten razóns de máis para estar satisfeito, xa que a habilidade do guionista permitiu tecer moi sutilmente os seus contos, sen que a penas se noten as costuras destas tres historias que comparten unha mesma atmosfera galega de melancolía realista. A película, filmada toda ela en escenarios de Allariz e Pontevedra, consegue emocionar tanto como os textos de Rivas, xa que tralos ollos de Monchiño –o Pardal de seis anos que foxe do seu niño familiar da man de don Gregorio, o mestre a piques de se xubilar que lle aprende a importancia do silencio e da lectura– vemos un mundo que se desintegra moralmente, por mor da intolerancia e do fanatismo relixioso.

Don Gregorio, interpretado por Fernando Fernán Gómez, representa a figura daqueles mestres que foron as verdadeiras luces da República. Mestres, formados na tradición laica da moderna pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza e nas ideas educativas do socialismo histórico, que pretendían redimir a súa sociedade pola escola. Con este obxectivo os gobernos progresistas da República realizaron un extraordinario esforzo educativo: crearon milleiros de escolas e formaron a novos profesores nas máis modernas técnicas pedagóxicas da Escola Nova europea. Tentaban deste xeito atallar a lacra do analfabetismo, que en Galicia acadaba unha taxa do 35% de toda a poboación adulta.

Na escola das bolboretas non se pegaba, nin o mestre berraba. Non había vara de vimbio para azoutar a aqueles que non sabían. Moi ao contrario, don Gregorio sempre sorría coa súa cara de sapo e empregaba as súas verbas –agarimosas, seductoras e entusiastas– coma poderosas lentes que achegaban aquilo que estaba tan lonxe. Verbas lentes que permitían coñecer o tilonorrinco, un paxaro que vivía en Australia e pintaba de cores o seu niño cunha especie de óleo que fabricaba con pigmentos vexetais. Verbas lentes coas que os rapaces descubrían que as patacas e o millo viñeran de América e coas que viaxaban sobre o mapamundi coa mesma fascinación dunha película. Cando don Gregorio se anoxaba, calaba buscando nese silencio prolongado, desacougante, que os seus alumnos sentisen como eles mesmos eran os que debían buscar a solución ó seu conflicto.

Para don Gregorio a escola tiña que ser obradoiro e xardín, un verdadeiro laboratorio de coñecemento científico e experimental, no que todos agardaban coa mesma ansia a chegada do microscopio que algún día enviarían os responsables do Ministerio de Instrución Pública. Como outros mestres daquel tempo, organizaba paseos escolares, verdadeiras rotas do descubrimento, para que os alumnos puidesen coñecer horizontes novos dende o Monte Sinaí, e ir na procura do Iris, aquela bolboreta que brillaba fermosísima pousada na lama ou no esterco. Saía con eles para facer unha ensinanza máis intuitiva que os fixese interrogarse sobre o que os rodeaba e eles non coñecían. Velaí a razón de ser da lingua das bolboretas, esa trompa enroscada coma un resorte de reloxo, feliz metáfora de Manuel Rivas sobre a paixón por coñecer e por descubrir, de cómo o saber posúe un poder redentor para as persoas.

A película é crónica do fracaso deste modelo escolar, desta utopía pedagóxica destruída pola barbarie da intransixencia que levou, só en Galicia, a que corenta profesores –entre eles os tres socialistas vigueses Apolinar Torres López, Víctor Fraiz Villanueva e o seu fillo Julio Fraiz Castellanos– pagasen coa súa vida polo único feito de ser coma don Gregorio. A lingua das bolboretas é unha homenaxe para eles e para os dous mil profesores republicanos galegos sancionados, represaliados ou trasladados, que forman parte da memoria de tódolos educadores progresistas de hoxe.

Esta é unha película que os mozos e as mozas de hoxe non poden perder. Propoño que os seminarios de lingua galega dos institutos da cidade organicen pases especiais para que tódolos alumnos e alumnas poidan vela. Reflexionarán e conmoveranse, que non é pouca cousa nos tempos que corren.

Onte 811: Avanzar contra o descoñecido

Tras a proxección d’ A lingua das bolboretas, Manuel Rivas conversou durante unha hora con mais de dous centenares de estudantes de secundaria vigueses. Foi unha clase improvisada de literatura que resultou memorable. Contestando as preguntas dos estudantes Rivas percorreu algunhas das súas principais conviccións arredor da creación: «a vida ten vocación de conto»; «contamos cunha caixa secreta, onde se garda experiencia e memoria propia e doutras persoas»; «a maneira de andar da literatura e a de Charlot, un camiñar simultáneo cun pé no amor e outro no desamor, un no día e outro na morte, un debate entre as forzas do eros e do tánatos…»; «somos o que soñamos e o que lembramos». Foi a motivación da escrita, as razóns de ser da literatura, o que centrou máis preguntas dos estudantes vigueses. Rivas lembrou a importancia dos contos tradicionais, «unha forma de entreterse, mais tamén de trasladar información, de adestrar os novos para cousas que poden suceder no futuro, ademais dunha posibilidade de exercer o primeiro dereito da humanidade, o de soñar». Referiuse tamén ao papel da escritura, «unha maneira de aprender eu mesmo, un xeito de avanzar contra o descoñecido, contra a propia estupidez», así como á importancia de que «a linguaxe da literatura non pretenda dominar». Lembrou «Os músicos de Bremen» como exemplo de que os contos tradicionais expresan o medo a sermos abandonados, como tamén do feito de que este conto axuda a entender o que sucede agora no entorno da crise, «os animais xuntos vencen o abandono». Entre grandes aplausos dos estudantes Rivas rematou: «o que diferencia ao ser humano é que é capaz de rebelarse fronte á inxustiza».