Onte 888: Día Verne

Celebramos onte en Vigo o Día Verne lembrando aquel 18 de febreiro de 1868 no que entrou na ría o Nautilus do capitán Nemo. Unha efeméride de ficción que desta volta non foi esquecida pola prensa local, grazas ao esforzo dos vernianos vigueses. Excelente foi o artigo no Faro do mestre Carlos Núñez «Le vieux» equiparando o espírito innovador e modernizador da cidade nosa co acuñado polo novelista bretón. Como atinada foi a proposta de Antonio Giráldez Lomba, secretario do Instituto de Estudos Vigueses, solicitando o irmanamento («jumelage») con Nantes, a primeira cidade verniana, trazando unha autoestrada do mar literaria entre ambas as dúas fisterras atlánticas, unha iniciativa que axudaría a sacarnos da rotina cultural que padecemos en Vigo. Pola nosa banda, celebramos o Día Verne poñendo en marcha a edición d’ A illa misteriosa na colección Xabaril, a primeira das grandes novelas de aventuras que recomenda DoCampo na súa Illa de todas as illas, na que utilizaremos a tradución que Ánxela Gracián prepararou para Bivir. Deste xeito o capitán Nemo volverá á illa de San Simón onde presentaremos o libro coincidindo co ditame dos Premios Xerais o 8 de xuño de 2014.

1 comentario
  1. Chus Barbeira
    Chus Barbeira Dice:

    Magníficas iniciativas. Todas: a celebración do Día Verne, a proposta de irmanamento con Nantes e, como non, a edición d’A illa misteriosa, que lembro con agarimo especial porque foi, xa hai moitos moitos anos, o meu primeiro contacto con Verne, tras do cal viñeron moitas apaixoantes aventuras máis.
    Parabéns e grazas polo voso traballo.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *