Onte 1122: Cifras da edición en galego en 2013
Como sucedeu ao longo da década, o estudo de Comercio Interior del Libro en España 2013 amosa como o volume da edición nas linguas cooficiais concéntrase nos libros de Literatura, Texto e Literatura Infantil e Xuvenil, sendo en catalán o 83,9 % dos títulos, en éuscaro o 97,6 % e en galego o o 85, 7 %. Xaora, no caso dos libros editados en galego polos membros AGE o número dos publicados en 2013 destes tres xéneros «paraescolares» (1.120) representa o 85,7%, mentres que o número de exemplares producidos (1.564.000) o 87,26 % do total, supoñendo a súa facturación (18,40 millóns de €) o 89,8 % do mercado. Cifras todas elas que testemuñan que no entorno da crise non se modificou a forte dependencia do libro editado en galego con respecto ao mercado escolar e paraescolar.
A edición literaria en galego en 2013 (367 títulos, 263 mil ex.e unha tirada media de 717 ex,) representou 28,1 % dos títulos e o 14,6 % dos exemplares, mentres as súas vendas (2,58 millóns de €) supuxeron apenas o 12,6 % das totais do libro en galego. Con respecto ao ano anterior produciuse un lixeiro incremento de títulos do 4,26 %, unha importante redución do 19,32 % do número de exemplares (63.000 menos) e unha baixa da facturación do 2,64 % (apenas 70.000 €). Se fixesemos a comparación con 2011 (399 títulos, 509 mil ex., unha tirada media de 1.573 e unha facturación de 2,84 millóns de €), acentúanse esta tendencia. Xaora, o libro literario en galego nos dous últimos anos mantén a súa diversidade de edición e facturación, a costa de reducir o seu volume de edición e a tirada media arredor do 50 %.
A edición de poesía e teatro en galego, con 51 títulos en 2013 e unha tirada media de 764 exemplares, representou o 3,9 % do total dos títulos, o 2,2 % dos exemplares fabricados e o 0,9 % da facturación (180.000 €). Mentres que a edición de ensaio e estudos literarios en galego, con 101 títulos e unha tirada media de 643 exemplares, supuxo o 7,7 % do total, o 3,6 % dos exemplares e o 1,3 % da facturación.
Deteñámonos no caso da novela, o mercado privilexiado da edición literaria en galego. En 2013 publicáronse en galego, entre novidades e reimpresión, 215 títulos, o 16,5 % do total da edición; fabricáronse 159.000 exemplares, o 8,8 % do volume total de produción, o que supón unha tirada media de 740 exemplares por título; e facturáronse 2,14 millóns de €, que supoñen o 10,5 % do total d eingresos a prezo de capa. Se comparamos estes datos cos do ano anterior, comprobamos que aumentou o número de títulos nun 18 %, baixaron os exemplares fabricados nun 51,22 %, reducíndose a facturación apenas nun 1,38 %. En definitiva, a novela que supón o 58, 58 % dos titulos literarios en galego, mantén a tendencia xeral de redución do volume de fabricación e de tiradas medias como estratexia dos editores para asegurar a diversidade da edición e a súa cifra de facturación. Un fenómeno facilitado polos actuais procedementos de impresión dixital e de baixa tirada que permiten realizar tiradas inferiores aos 400 exemplares a prezos asequibles.
Como xa fixemos en anos anteriores, é interesante comparar estes datos do mercado da novela en galego cos do conxunto deste subsector de ficción en España, que en 2013 editou 9.773 títulos, imprimiu 43 millóns de exemplares e facturou 426,27 millóns de €. Se desagregamos máis estas cifras, comprobamos que a edición de novela en castelán facturou 382,27 millóns de € (o 20 % do seu mercado), en catalán 39,93 millóns de € (o 19,6 % do seu mercado total), sendo en galego apenas os citados 2,14 millóns de €. Noutras cifras, o número de novelas en castelán (8.227) multiplica as galegas por 38, o número de exemplares (40 millóns) por 251 e a súa facturación (382, 27 millóns de €) por 178. Se facemos esta comparativa coa edición en catalán, o número de novelas editadas (1.164) case sextuplica o das galegas, o número de exemplares fabricados (2.940.000) multiplícaas por dezaoito e a facturación (39,93 millóns de €) faino case por dezanove. Ademais, se comparamos o mercado da novela en galego (2,14 millóns de €) co total do mercado libro en Galicia en 2013 (139,646 millóns de €) obtemos que a súa cota real no mercado galego do libro é do 1,53%, o que supón un avance de sete décimas con respecto ao pasado ano, sendo a cota de mercado do libro literario galego no seu conxunto do 1,84 %. Cifras que nos axudan a comprender a cativa dimensión do mercdo literario galego e mesmo do seu xénero máis popular.
A edición infantil e xuvenil en galego con 399 en 2013 e unha tirada media de 1.133 exemplares representou o 30,5 % do total; con 452.000 exemplares o 25, 1% dos fabricados e con 4,31 millóns de € o 21 % da facturación. Con respecto ao ano anterior as porcentaxes medraron en todas as tres variables, apenas un punto no número de títulos publicados (que baixaron en 30); máis de sete no de exemplares, que subiron en cen mil, como na facturación que se incrementou nun 9,94 % (300.000 euros). Cifras que amosan o crecemento e mellora da edición infantil en galego no entorno da crise do sector.
A edición de libro de texto en galego con 354 títulos en 2013 e unha tirada media 2.395 exemplares representou o 27,1 % do total dos editados; 849.000 fabricados, o 47,2 % do total e os seus 11,51 millóns de €, o 56,2 % da facturación. Cifras que amosan o peso elevadísimo deste subsector de edición no conxunto do sector mais que, con respecto ao ano anterior, diminúe en todas as tres variables, nun 20 % no número de títulos, nun 15 % no de exemplares fabricados e nun 11,83 % a súa facturación.
A edición de Ciencias Sociais en galego con 70 títulos en 2013 e unha tirada media de 768 exemplares supuxo o 5,3 % do total, o 3 % dos fabricados e o 1,2 % da facturación. Mentres que a edición de libros Científico técnicos en galego con apenas 4 títulos en 2013 representou o 0,3 % do total, o 0,6 % dos exemplares editados e unha porcentaxe insignificante de facturación. O resto dos tipos da edición en galego (libros prácticos e de divugación, dicionarios e enciclopedias) supuxeron 113 títulos, o 8,7 %; 171.000 exemplares fabricados, o 9,5 % do total, e 1,34 millón de €, o 8,6 % da facturación.
Cando dispoñamos da Panorámica da edición de libros en España 2013, cos datos achegados do ISBN, poderemos detallar os datos referidos a libros traducidos e edición en soportes dixitais, categorías que polo momento non manexa o estudo de comercio interior do libro da FGEE.
Publicado en Galicia confidencial.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir