O estadio
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao estadio de Balaídos:
A foto da sinatura do convenio entre o Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra e Real Club Celta SAD para a construción da nova Grada de Gol asegura, se unha catástrofe non o impide, que a reforma de Balaídos rematará antes do inicio da tempada 2027/28, doce anos despois de que o 25 de xaneiro de 2015 fose colocada a primeira pedra das obras, tras o acordo entre Abel Caballero e Carlos Mouriño, entón presidente da SAD, e Rafael Louzán, daquela presidente da Deputación, para dotar a Vigo dun estadio do século XXI cun aforo para 31.100 persoas. Xa choveu dende entón e os 22 millóns de euros de orzamento inicial se triplicarán co remate das obras, como aos prazos (tamén optimistas) de finalización en 2017 se alongarán unha década. En todo caso, unha gran noticia para a cidade, que contará, a pesar dos atrancos sufridos polo proxecto do arquitecto Pedro de la Puente, cun estadio municipal á altura dos doutras cidades atlánticas. Como é nova para que celebren abonadas e seareiras celtistas que contarán cun estadio ao xeito británico, coas gradas máis achegadas a lameira, o que supón en terra de abelairas un novo «coliseo do Fragoso», vestido coas ondas dunha elegante cuberta celeste.
Beizóns que merece pola importancia do logro o alcalde Abel Caballero, que defendeu contra vento e marea a viabilidade do proxecto e o carácter municipal do estadio. Como parabéns son obrigados a Marián Mouriño, actual presidenta da SAD, que con afouteza e intelixencia trasacordou a estratexia arroutada do seu pai, representada cada partido na vergonzosa butaca baleira no palco, colaborando ela con lealdade en desatrancar o proxecto do concello de Vigo, o que arrastrou aos responsables actuais do Partido Popular de Galicia na provincia a que a Deputación presidida por Luis Pérez continuase facéndose cargo da metade da financiación do proxecto de Gol. Xaora, estamos diante dunha cuestión política relevante, cando no Vigo actual son escasos os acordos entre institucións gobernadas por diversas cores, o que abre unha xanela para desatoar a axenda doutros temas pendentes como o transporte e área metropolitana. Como o debate sobre o estadio foi en Vigo, pouco despois da fundación do Celta, en concreto en setembro de 1924, cando se comezou a buscar unha alternativa á «catedral de Coia», cuestión moi importante na preocupación cidadá.
E convén non esquecer que a historia do estadio celeste foi dende o seu inicio difícil. Nacido da iniciativa, dunha sociedade chamada «Stadium de Balaídos S.A.», presidida por Javier Fontán e constituída en 1926, o seu primeiro logro a acadar fora mercar por arredor de 50.000 pesetas os soares moi húmidos dunha campiña situada a carón do río Lagares, 35.000 metros cadrados, a maior parte da herdanza do Marqués de Alcedo, utilizada en 1911 como aeródromo que acolleu a colaxe e aterraxe do piloto francés Jules Vedrines. A construción do estadio, deseñado polo arquitecto Jenaro de la Fuente para 22.000 persoas, reorganizou o entorno, desviou o río Lagares e supuxo a apertura da avenida de Balaídos que facilitaba o acceso ao campo desde a estrada de Vincios. Inaugurado o 30 de decembro de 1928, co Celta en primeira, en 1941, o concello pretende adquirilo para modernizalo, o que obrigou en 1945 a argallar unha complicada operación, cando a sociedade propietaria vendeullo ao Celta por 825.000 pesetas a cargo dunha hipoteca subscrita por vinte anos coa Caixa de Aforros Municipal de Vigo, o que permitiu que o club cedese durante ese mesmo período o usufruto do estadio ao concello, que a cambio achegaría 70.000 pesetas anuais para subvencionar o préstamo e se faría cargo da reforma das gradas de Río, Marcador e Gol.
Unha vez liquidado o préstamo, Balaídos pasou a ser propiedade municipal e dende entón o concello asumiu as súas diversas reformas. En 1970 instalou a iluminación e en 1971 finalizou a construción de gradas e viseiras de formigón de Tribuna, Marcador e Gol, iniciadas en 1967, obra dirixida polo arquitecto Antón Román Conde. En 1982, inaugurou a nova grada de Río, coincidindo cos tres partidos da Copa Mundial de Fútbol, e en 2004, coa participación do Celta na liga de campións se fixeron obras de acondicionamento. Un estadio que despois de trinta anos quedara incómodo e perigoso e que precisaba refacerse case na súa totalidade. E como sucede co Celta, o estadio de Balaídos é máis que un campo de fútbol, é unha icona que identifica a Vigo no mundo, como tamén é un espazo de sociabilidade e educación emocional onde varias xeracións celestes, dende os picariños e adolescentes até os maiores, herdamos, gozamos, padecemos e compartimos a paixón do celtismo. Un estadio que pasa agora do entrañable «Vello Balaídos» dos 90 ao esperanzador novo «Coliseo cuadrangular do Fragoso» dos novos 20. É o noso estadio.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir