Museo de Vigo
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao plan estratéxico da rede de museos municipais de Vigo:
O Plan Estratéxico da rede de museos municipais de Vigo, formada polo Museo de Castrelos, Verbum, Pinacoteca, Casa Galega de Cultura e Casa das Artes, así como o incremento nun 25 % das partidas orzamentarias de 2025 destinadas a súa posta en marcha, supón un cambio de orientación tan radical como esperanzador da até agora rutineira política de museos do goberno municipal de Abel Caballero. Cinco museos que reorganizan os usos e instalación das súas coleccións no período 2024-2026, atendendo aos criterios de identidade, memoria e contemporaneidade, coa intención de facelas máis atractivas para os diversos públicos como centros formativos, de investigación, divulgación e lecer.
Así, o Museo Quiñones de León do Parque de Castrelos –ás portas da celebración do centenario da súa pertenza ao concello– quedará como museo monográfico centrado no valor do seu edificio e dos seus xardíns. O Verbum, creado en Samil con fondos europeos en 2003 como Casa de Palabras e proxectado como centro interactivo arredor da comunicación, tras anos de abandono e fracaso do deseño expositivo, converterase en museo da cidade, dedicado á historia de Vigo, con especial atención á organizar as coleccións arqueolóxicas, até agora depositadas en Castrelos. A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, aberta en 2011, tras reconverter na rúa Ferraría o Pazo de Arias Taboada, acollerá a colección Colmeiro e exposicións pictóricas temporais. A Casa das Artes, inaugurada en 1990 no edificio do Banco de España, manterá a súa función de espazo municipal principal de exposicións temporais e sede de coleccións municipais como o Arquivo Pacheco, o legado do pintor Luis Torras e a Fundación Laxeiro. Mentres a Casa Galega da Cultura na praza da Princesa continuará como espazo expositivo temporal, auditorio e sede da Biblioteca Penzol e da Biblioteca e do Museo Fernández del Riego. Rede á que se deberían incorporar as musealizacións do monte do Castro (Poboado castrexo e Muralla) e da vila romana de Mirambell no Vao.
Nova estratexia para a importante rede de museos municipais, que constitúe arredor da metade da oferta dos museos vigueses de carácter público e privado, cos que debería artellar fórmulas de colaboración e complementariedade. En primeiro lugar, co Museo Marco de Príncipe e o Museo Etnográfico Liste da Pastora, onde o concello de Vigo é o principal mecenas. Máis tamén co Museo do Mar de Galicia de Alcabre, do Centro Arqueolóxico Salinae de Rosalía de Castro, da anunciada sede do CGAC no Casco Vello ou do futuro Teatro Cine Fraga, dependentes todos da Xunta de Galicia. Como tamén coas iniciativas do importante Arquivo do Porto de Vigo ou do observatorio submarino Nautilis, ambas as dúas da Autoridade Portuaria.
Sen esquecer contar cos centros e coleccións privadas existentes en Vigo. Velaí os espazos expositivos da sede de Afundación de Policarpo Sanz, o Museo do Celta en Balaídos, o Museo Anfaco da industria conserveira, instalado no Campus das Lagoas da Universidade de Vigo, a colección de vehículos fabricados na planta do Grupo Stellantis (un auténtico museo do automóbil nas últimas seis décadas), a colección de traballos da ourivaría Hernández, as pezas de louza de Álvarez ou as maquetas dos estaleiros da ría (inicio posible dun museo de artes decorativas).
Panorama dos museos vigueses no que habería que contar coa recuperación do Centro Galego de Fotografía e Cinema do Casco Vello, proxecto incomprensiblemente sacrificado para instalar a sede administrativa da Deputación, onde albergar o impresionante patrimonio audiovisual vigués e galego, poñendo de vez en valor a fototeca viguesa e galega, dende o arquivo Pacheco, a colección Vigovisións, pasando polos fondos dos grandes fotógrafos afeccionados vigueses como Terré, Rainiero Fernández até o regreso de coleccións fotográficas como as do Arquivo Llanos, hoxe no Museo Etnográfico de Ribadavia.
Todos estes museos públicos e coleccións privadas conforman de facto o auténtico Museo de Vigo, ese que hoxe non existe nin na documentación nin aparece no rueiro, mais que como ampla rede de colaboración se presenta para gozo da veciñanza e dos que nos visitan, constituíndo un patrimonio de valor incalculable que coas súas luces propias se estende pola cidade enteira. Secasí non sería disparate ningún que ese Museo de Vigo puidese contar con sede de seu, como Centro de Interpretación do Vigo Metropolitano (CIVM), instalado nunha Panificadora por fin recuperada, como icona do Vigo do século XXI. A creación dos contidos de Historia de Vigo para o novo Verbum, renomeado como Museo da cidade de Vigo, con criterios museográficos actuais, presentado tamén de forma virtual, constitúe unha oportunidade magnífica para iniciar os contidos do futuro CIVM da Panificadora.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir