Merdeiros da Ribeira
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás figuras de escabicheiros e merdeiros da Ribeira doBerbés:
Un dos cadros que máis chamou a atención dos públicos diversos da exposición «Vigo no tempo» foi un óleo do asturiano Juan Martínez Abades que representa a recollida de algas na Ribeira do Berbés en 1892. Cedida polo Museo Carmen Thyssen de Málaga, a peza de 76 cm de largo e 40 de alto está protagonizada polas mulleres que, en primeiro plano, con cadanseu anciño recollen o argazo, posto a secar despois nas rochas para que a chuvia lle quitase o salitre, e por outras mozas e algún home idoso que detrás recollen o refugallo do peixe, patexos ou cunchas de bivalvos. Traballos de escabiche que, aproveitando as mareas de setembro (mes no que debeu pintarse o cadro), proporcionaban galdrucho abondo (cabezas, tripas e aletas dos peixes) que, xunto ao escamallo e o argazo, era recollido de madrugada (para evitar os fedores pestilentes) polos escabicheiros na procura de esterco natural para as súas leiras de Sárdoma, Freixeiro, Lavadores ou doutras parroquias da contorna, que se ocupaban ademais de limpar os pozos negros da cidade.
Unha estampa do Berbés, como as representadas polo pintor madrileño Francisco Pradilla en 1871 e 1873 e o vigués Serafín Avendaño en 1893, que amosa a importancia do traballo das pescantinas e do oficio do labrego escabicheiro, exercido nalgúns casos tamén por mulleres, que conectaba as almas do Vigo do porto e da terra, do salitre da Ribeira (de Bouzas ou de Teis) e do arrecendo aldeán do Fragoso. Un encontro de mariñeiros e campesiños que baixaban a traballar na Ribeira non exento dos conflitos e das tensións daqueles que se necesitan mais non sempre se entenden. Conflito do que no Entroido xurde a figura perturbadora do Merdeiro, a máscara tradicional creada polos mariñeiros do Berbés como escarnio e mofa da vida dos labregos escabicheiros. Merdeiros da Ribeira vestidos dos pés á cabeza co traxe clásico do campo galego, aínda que deformado de xeito burlesco, dende a camisa, calzóns e zapatillas brancas até o chaleco vermello, a faixa da que pendura un farol e un gorro semiesférico na cabeza. Tras o bando do alcalde (1924) no que «se prohiben os disfraces sucios ou contrarios á decencia», a figura popular do Merdeiro chega a Guerra Civil moi criticada e atacada, sendo substituída polas festas, bailes e desfiles das sociedades carnavalescas privadas (como o Gimnasio de Vigo ou La Oliva) coas que viña convivindo xa dende 1876. Xaora, O Merdeiro deixou un pouso semiclandestino na memoria dalgunhas familias, que comezou a ser explícito coa recuperación do Entroido popular a partir dos anos setenta e o protagonismo en Vigo dun emerxente movemento veciñal, creador das primeiras comparsas, como os Tarteiras.
Máscara da Ribeira descrita e debuxada con detalle nun artigo de Xaquín Lorenzo «Xocas» (1982) e comentado despois por Vicente Risco (1994). Estudada dende os anos noventa por Xerardo Santomé, dende a publicación do libriño O Merdeiro: un personaxe do entroido vigués. Apuntamentos para a súa recuperación (2006), ano tamén da primeira saída polo Vigo vello e do primeiro obradoiro desta máscara, viviu dende entón un proceso de recuperación e anovación no que participaron o Centro Social «A Revolta» e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, consolidado felizmente dende 2012 tras a constitución da Asociación Etnográfica «A Merdeira». Unha recuperación de éxito que utilizou como referente o vestiario detallado por Lorenzo e Risco, documentado no retrato de José Costas Abalde de 1910, e unha carauta con nariz de cocho, deseñada polo escultor Pancho Lapeña, cosida a unha cofia de algodón á que se lle incorpora la de ovella. E o que foi máis importante, dándolle unha personalidade caracterizada polo seu bo humor, espontaneidade e capacidade de improvisación.
A saída dos Merdeiros deste 2024 coincide por ventura coa aparición do libro O Merdeiro. Personaxe da Ribeira (A Merdeira 2023) de Hadrián Román Carreiro e Adriana del Rio Miranda, froito de dez anos de investigación, compilación e actualización de materiais sobre a máscara do Entroido vigués. Prologado polo antropólogo Rafael Quintiá, que considera o Entroido como a festa ritual máis significativa da nosa cultura e ao Merdeiro como arquetipo de ser liminal, o libro ten vontade de constituírse en obra de referencia tanto pola sólida fundamentación etnográfica e coidadosa reconstrución histórica do Vigo do derradeiro terzo do século XIX como pola ampla e novidosa documentación gráfica, froito da súa intención divulgativa e afán didáctico. Un libro que moito recomendo e aventuro será de grande utilidade nos centros educativos vigueses, mais aínda cando o desenvolvemento da quinta xornada da «Merdeirada Cativa», concibida como canteira da festa, colle máis pulo este curso. Feliz Entroido cos Merdeiros da Ribeira.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir