Escritora migrante

Sara Guerrero abriu en 2019 o blog literario «Rehabilitar o rural» coa intención de narrar a vida dunha aldea galega de varias ducias de habitantes a través da «ollada estraña» dunha escritora migrante procedente da cidade de México. Proxecto literario de 54 episodios, publicados en galego de forma quincenal nas páxinas dixitais de El Salto, relata a experiencia migrante que durante cinco anos viviron no concello de Mondariz a xornalista e crítica literaria mexicana e mais o seu compañeiro que, catro décadas despois, reabre a abandonada casa familiar. Un relato que vai do namoramento inicial cunha comunidade veciñal xenerosa e coidadora, onde absorberon de forma inmersiva tanto a lingua como a forma de traballar a leira, á outra fase na que se sentiu vixiada e cuestionada, coincidindo coa reclusión da Covid e a incómoda situación de ser migrante irregular. Novelada pola dramaturga mexicana en Eu son o monte (Euseino 2024) como unha experiencia de escisión, cóntase dende a sensación inicial de perda do que ela foi até o trauma posterior que supuxo desvincularse do territorio e da comunidade, representada pola metáfora do monte, á que se incorporou. É, recoñece, a aldea a que provocou a súa crise identitaria, mais tamén a que permitiu conectar coa cultura que a recibe, a pesar de que a comunidade receptora non se interesase por saber que era. Texto narrativo breve, recomendabilísimo, amosa que vivir no rural obriga a atender aos desexos persoais sen descoidar a voz colectiva; como imprescindible é escoitar con empatía ás persoas maiores para que dese encontro xurda o intercambio de coidados e saberes. Sara Guerrero, hoxe traballadora da Fundació Surt de Barcelona, será homenaxeada o 15 de agosto en Mondariz por A Sega, plataforma feminista de crítica literaria, como «Nosa Señora das Letras 2025». Recoñecerase o seu compromiso de escritora migrante coa lingua galega e cos feminismos, unha experiencia interseccional rebelde e incómoda, que non sempre atopou terra acolledora.

Publicado en Nós diario: 13/08/2025

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *