Doutor Antón Beiras
No artigo da semana en Faro de Vigo fago unha homenaxe á figura do oftalmólogo galeguista Antón Beiras García.
Foi moi oportuna a homenaxe da Irmandade da Sanidade Galega e do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Pontevedra en memoria da figura humana e intelectual do doutor Antón Beiras García. Dende o sábado, unha placa no número 22 da rúa Policarpo Sanz, onde tivo no primeiro piso a súa consulta, lembrará a figura deste oftalmólogo galeguista falecido hai corenta e cinco anos. Foi o doutor Antón Beiras un comprometido militante antifranquista nas filas do Partido Comunista, amante do deporte da vela na ría nosa a bordo do seu bote de madeira “Ultreia”, membro do primeiro consello de administración da editorial Galaxia, investigador destacadísimo no eido da Estraboloxía e creador do sinoptóforo de televisión, que bautizou con retranca como “Vigoscopio”. O mesmo Beiras a quen moitos vigueses lembrarán polo feito de ser o compañeiro da pedagoga Antía Cal, a fundadora do Colexio Rosalía de Castro, outra figura extraordinaria e irrepetible.
Pertencente á xeración das Mocidades Galeguistas, viviu Beiras durante a Guerra Civil e os anos de dura Posguerra o drama interior dos galeguistas organizados que nunca renunciaron ás súas conviccións. Instalado en Vigo dende o ano 1950, dúas iconas presidían a súa consulta no primeiro piso do edificio Sanchón (o mesmo onde no terceiro tiña as súas oficinas a revista “Industrias Pesqueras” de Valentín Paz Andrade), unha fotografía do doutor Nóvoa Santos e unha estatuíña de Castelao, que acabara de finar en Buenos Aires. Ambas pezas que amosaban as dúas angueiras que moveron a súa vida, o seu inequívoco afán como investigador médico e o seu compromiso coa lingua e cultura de Galicia. Actividades que Beiras soubo integrar con enorme coherencia no seu comportamento familiar, social e profesional. Emporiso, a familia Beiras-Cal foi, probablemente, a primeira en educar aos seus fillos en galego, como o doutor Beiras foi tamén o primeiro en publicar en galego un texto científico tras o alzamento franquista, un auténtica proeza para aquel ano 1958, no que Ramón Otero Pedrayo impartira a súa primeira clase en galego (dende 1936), no día da súa xubilación como catedrático da Universidade de Santiago.
Abraia hoxe a lucidez argumentativa daquel artigo, “Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos no estrabismo”, publicado en “Referatas”, a revista da Academia Médico Quirúrgica de Vigo. Antón Beiras defendía no seu limiar a lingua galega como “vehículo axeitado para ser instrumento de todos os saberes”, ao tempo que salientaba as achegas dos médicos ao labor da súa promoción, citando a doutores como Pondal, Leiras Pulpeiro, Rodríguez Seoane ou ao propio Castelao. Neste artigo, o doutor Beiras propoñía que os médicos “honrasen a propia fala, escribindo nela as súas observacións e experimentos”, así como tratando de expresarse en galego cos seus pacientes coa intención de “identificarse e chegar ao pobo que pertencen, sen renunciar, ao senso universal da ciencia”. Ambas propostas normalizadoras para a nosa lingua que, transcorridos cincuenta e cinco anos, non perderon vixencia ningunha.
Outra grande proeza do doutor Beiras foi a creación do Vigoscopio, co que culminou a súa investigación do tratamento do estrabismo, a doenza do ollo virollo, mediante o tacto, seguindo as teorías do oftalmólogo polaco doutor Starkiewicz, sen fármacos nin intervención cirúrxica. Unha achega relatada con todo detalle por Alejandro Otero Davila, un dos seus colaboradores máis achegados, en “Antón Beiras. La mirada certera” (2009), un libro esencial para profundizar na figura do oftalmólogo galeguista. Unha tarefa de investigación aplicada que iniciara coa creación doutros aparellos como o quinepleoscopio (1958) e que culminou cos diversos prototipos do sinoptóforo de televisión (Vigoscopio), o primeiro presentado en 1963 no Congreso de Telecomunicacións realizado en Madrid, o segundo no Congreso Internacional de Oftalmoloxía celebrado en París en 1965 e o terceiro e cuarto, o definitivo, nos anos 66 e 67, cando xa estaba instalado na Clínica-Taller do Colexio Hogar de San Roque. Os primeiros traballos desenvolvéronse nas instalacións da ETEA en Teis, daquela na punta do traballos das telecomunicacións, contando co financiamento da Caixa de Aforros de Vigo, que quedou coa patente e coa propiedade dos aparellos. Seguro que non debeu ser doado ao doutor Beiras convencer ao alcalde Portanet e aos responsables da caixa de que “a investigación non é un gasto, senón un investimento de futuro, imprescindible para o progreso da humanidade”, argumentos do investigador humanista que non perderon vixencia. Antón Beiras, o iluminado, como foi despedido agarimeiramente en “Faro de Vigo” por Darío Álvarez Blázquez, merece toda a nosa admiración.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir