Celta fiable en Balaídos
Tres vitorias consecutivas do Celta de Claudio Giráldez en Balaídos xa non pode considerarse de xeito ningún unha serpe de verán que pretende entusiasmar ao celtismo tras o calvario sufrido nos meses de Rafael Benítez. Nin tampouco poden atribuírse a fortuna nin a polémicas decisións arbitrais ou da sala VAR ou sequera a aparente debilidade amosada polos visitantes, Deportivo Alavés, Valencia e onte Real Valladolid. Xaora, semella moito máis razoable consideralas froito do excelente traballo do cadro técnico do adestrador de Cans que desde a súa chegada transformou ao Campo do Fragoso nun auténtico fortín onde o Celta non coñece a derrota, un logro extraordinario que está revolucionando (e rexuvenecendo) ao celtismo que vive unhas xornadas de entusiasmo (e crecemento) das que habería que atopar precedentes só coas de Eduardo Berizzo e, xa moito máis atrás, coas do profesor Fernando Vázquez ou das de fantasía de Víctor Fernández. E o mellor do caso é que o maior éxito, até agora de Giráldez (aclamado pola bancada), non foi outro que facer do Celta en Balaídos un equipo fiable e comprometido coa tarefa do gol (oito en tres partidos), o que non pode agachar que arrastra algunhas doenzas defensivas (non foi capaz de manter a cero a súa meta nin como a domicilio nin como visitante), que loxicamente precisan ser sandadas.
Diante dun Valladolid recén ascendido, Claudio volveu a sorprender co seu once de gala, no que apareceron como novidades Hugo Sotelo e Pablo Durán, consolidando así a porcentaxe de máis do cincuenta por cento de canteiráns nas súas aliñacións, nas que cada semana conta con practicamente todos os efectivos dispoñibles. E o porriñés volveu acertar de cheo cun equipo que nunha primeira metade, sen apenas erros ningúns na saída xogada da pelota, foi moi superior ao de Pucela, tanto nos duelos de medio campo (onde os visitantes amosaron unha brusquidade innecesaria), nas chegadas a portaría como no propio marcador. Custoulle ao Celta vinte e un minutos encarreirar o partido, tras un balón longo de Jailson sobre Hugo Álvarez que, despois de apoiarse nunha parede con Pablo Durán, fixo un cano de fantasía a Luis Perez e a seguir xutou ao pao longo batendo ao porteiro, a quen se lle coou entre as pernas. Outro gol memorable do carrileiro ourensán que, un cuarto de hora despois, dende a banda esquerda asistiría a Iago Aspas que entrando por dentro xutou en carreira sobre o porteiro, rexeitamento que aproveitou de cabeza e a porta baleira Borja Iglesias. Outro gol de magnífica factura que contaba coa participación do ourensán, na súa mellor actuación da presente liga.
Con tan cómodo resultado, que lucía de marabilla no novo luminoso da grada de Marcador, tras o intervalo saíu o Celta apagado de máis, o que souberon identificar os visitantes. Febleza celeste, sobre todo da súa banda dereita, pola que entre os defensores se coou Raúl Moro que acertou a bater a Guaita, que tamén volvía ao once, e puido facer moito máis para evitar un gol que ilusionou aos pucelanos e descompuxo aos celtiñas durante un cuarto de hora, no que perderon o control da pelota. Desequilibrio resolto por Giráldez cos seus trocos, dando entrada a Damián e a Williot, que recuperaron e balón e abriron, sobre todo coa velocidade do sueco, os corredores que o partido demandaba. Tras a anulación polo VAR dun tanto de Javi Rodríguez, foi a primeira xogada na que participou Douvicas a que confirmou o resultado, xa no tempo engadido. O dianteiro grego transformou unha asistencia maxistral de Aspas nun remate letal, coa mesma facilidade impresionante coa que un mago saca un coello da súa chistera.
Diante de semellante espectáculo e da serenidade coa que os de Giráldez xestionaron o marcador axustado, o celtismo expresou a súa gratitude cantando a oliveira a capela, celebración non exenta de contención, tan característica dunha afección máis afeita aos padeceres que as euforias efémeras. A fiabilidade da pizarra de Claudio en Balaídos e a súa afouteza para asumir riscos e corrixir dende o banco, cando veñen mal dadas, é moi esperanzadora de cara a acadar o obxectivo da permanencia cos sufrimentos imprescindibles. Fariña doutra muiñada é que o Celta comece a responder de forma máis eficaz lonxe do Campo do Fragoso, onde até agora conta por derrotas as súas participacións. Velaí o reto inmediato deste Celta tan esperanzador que agardemos tamén comece a puntuar como visitante. Ogallá poida facelo xa na Catedral ou no estadio de Gran Canaria, próximas visitas.
Publicado en Faro de Vigo: 17/09/2024
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir