Onte 197: Vindicación da noveliña
/en Narrativa, Novidades, Onte, Xerais/por bretemas
No serán viaxamos a Ribeira para presentar Orlando pendurado, a novela curta de Goretti Fariña gañadora do Premio Cidade Centenaria. Unha obra de apenas oitenta páxinas que aborda cuestión tan complexa para os seres humanos como é a do fracaso axudándose da piedade proporcionada polo humor e da beleza achegada por unha escrita culta e elegante . Unha homenaxe explícita ao Orlando furioso de Ludovico Ariosto, que amosa as enormes posibilidades literarias deste formato de narrativa breve (menos de 120.000 caracteres). Unha narración para dúas horas de lectura intensa e engaiolante que precisa doses semellantes as utilizadas polos atletas de 400 metros valados: potencia, precisión e resistencia. Certames como este de Ribeira ou o de Soutomaior reivindican para a literatura galega este xénero narrativo, baixo diversas denominacións (novela curta, noveliña, nouvelle, micronovela), que ten achegado importantes obras ao noso catálogo. Retorno a Tagen Ata de Méndez Ferrín, Comedores de patacas de Manuel Rivas, O solpor da cupletista de María Xosé Queizán ou As mellores intencións de Begoña Paz (gañadora da primeira edición do certame de Ribeira) foron froitos moi logrados. Neste tempo de velocidade, vindicamos a noveliña como un xénero que achega un anaco de acougo e reflexión.
Vigo, cidade de novela
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Narrativa, Recurso_didáctico, Vigo, Xerais/por bretemasNo artigo da semana en Faro de Vigo comento as razóns polas que entendo que Vigo é unha cidade de novela, ao tempo que aproveito para relacionar algunhas das miñas novelas viguesas preferidas.
Decote definimos a Vigo como cidade industrial e marítima atlántica, coa intención de salientar o que foron os seus eidos singulares de desenvolvemento e actividade económica ao longo dos seus douscentos anos de historia. Ademais deste seu carácter tradicional de laboriosa abella da ribeira e o actual de cidade tecnolóxica do automóbil, ao que para ser xustos deberiamos engadir a súa orixe aldeana nas vizosas Terras do Fragoso, Vigo foi dende o século XIII un espazo literario. Álvaro Cunqueiro salientou este feito fulcral na nosa identidade local cando escribíu: «Si Vigo fuese una polis griega de los días antiguos, se diría que fue fundada por un poeta, aquel Martín Códax que bailaba ‘no sagrado de Vigo’ y veía a su amiga bañarse en las ondas» (1971). Aquela testemuña dos nosos troveiros da ría foi recollida no século XIX co albor do rexurdimento literario galego, proceso que en Vigo tería outro dos seus fitos senlleiros: a publicación en 1863 de Cantares gallegos, o primeiro poemario de Rosalía de Castro, na imprenta de Compañel da rúa Real. Dende aquela proeza rosaliana, da que o vindeiro ano celebraremos o 150 aniversario, Vigo permaneceu unida ao desenvolvemento da literatura galega, sendo dende hai décadas capital editorial de Galicia.
Como cidade fundada por un verso –«un privilexio do que poucas cidades da vella Europa poden fachendear», subliñaba Cunqueiro nun artigo en Faro de Vigo (1957)–, a ninguén pode estrañar que fosen moitos os poetas que enxalzasen a Vigo e a súa ría, dende Méndez Ferrín, Xohana Torres, Ramiro Fonte e Carlos Oroza até Helena de Carlos ou Anxo Angueira, por citar só a algúns de xeracións recentes. No entanto, tamén convén sinalar que Vigo foi utilizado por numerosos autores e autoras como espazo literario onde se desenvolven as tramas dalgunhas ficcións narrativas memorables. Vigo é unha cidade de novela, como é Ourense presentada por Eduardo Blanco Amor como Auria e, agora, por Diego Ameixeiras como Oregón; como é A Coruña de Manuel Rivas n’ Os libros arden mal ou a Compostela de Méndez Ferrín en No ventre do silencio. Mais Vigo é, ademais, unha cidade de novela polo feito de que aquí naceu a novela popular de vaqueiros. Entre 1941 e 1958 o editor Eugenio Barrientos López publicou na editorial Cíes (con sede na Libraría Tetilla da rúa Elduayen) 1.500 títulos destas novelas de peto das que se chegaron a vender seis millóns de exemplares. Mesmo o famoso Marcial Lafuente Estefanía escribiu durante case unha década centos destas obras nun piso do edificio Pernas de Travesas. Como tamén é singular na relación de Vigo co xénero narrativo o feito de que o seu alcalde actual, Abel Caballero, sexa autor de catro novelas, publicadas en castelán nos anos anteriores ao seu primeiro mandato.
A lista das novelas ambientadas en Vigo iníciase con Vinte mil leguas de viaxe submariña (1870), obra na que Jules Verne dedica o capítulo oitavo da segunda parte á exploración que Nemo fixo da Baía de Vigo, «augas impregnadas de luz eléctrica», onde agardaba recuperar os lingotes que transportaban as embarcacións fundidas na batalla de Rande en 1702. Unha temática a dos galeóns que será moi recorrente noutros títulos como La escuadra de Plata (1935) de Avelino Rodríguez Elías, o que foi cronista oficial da cidade durante os anos da segunda República, e Os galeóns de Rande (1989) do francés Robert Stenuit.
Adiós, María (1971) de Xohana Torres e Antón e os inocentes (1976) de Méndez Ferrín foron durante os meus anos de mocidade os referentes de novelas viguesas. A publicación en 1992 de Amor de tango de María Xosé Queizán supuxo unha vindicación de Vigo como cidade da independencia de toda unha xeración de mulleres e o primeiro éxito de lectores para as novelas viguesas. Referente indiscutible da memoria da cidade do século XX, Amor de tango vinte anos despois da sua publicación reclama contar co primeiro itinerario literario vigués, o que constituiría un xeito de promoción da cidade para os visitantes e de autoestima para a veciñanza. Fran Alonso e Xosé Cid Cabido publicaron despois algúns dos meus títulos vigueses preferidos, Cemiterio de elefantes (1994), Panificadora (1994) e Unha historia que non vou contar (2009). Na última década, a miña lista ampliouse con Ollos de auga (2006), a novela coa que Domingo Villar inicia a serie do inspector Caldas, O señor Lugris e a negra sombra (2007) de Luís Rei Nuñez e Cardume (2007) de Rexina Vega. Relación que se ampliou nestes días coa aparición nas librarías de Os fillos do mar, a trepidante novela coa que debuta Pedro Feijoo, neto do famoso xornalista vigués Manuel de la Fuente. Outra vez a procura do tesouro de Rande constitúe o motor dunha narración engaiolante onde Vigo, esa cidade de novela, brilla de seu.
Celso Emilio Ferreiro, selo de correos
/en Autores, Efemérides, Poesía, Recurso_didáctico, Xerais/por bretemasModelo de selo no ano Celso Emilio Ferreiro.
Onte 188: Os fillos do mar
/en Autores, Narrativa, Novidades, Onte, Premios, Vigo, Xerais/por bretemas
Pasei boa parte da tarde lendo na novela coa que Pedro Feijoo debuta na narrativa galega. Tras o seu magnífico estudo sobre o xornal Galicia de Valentín Paz Andrade e Viva o Fu Remol!, o escritor e músico de Los Feliz e Lamatumbá ofrece unha novela trepidante sobre as pegadas da memoria na cidade de Vigo. Máis de catro centas páxinas dunha historia de intriga, escritas con grande elegancia e unha preciosa ambientación viguesa (nalgúns treitos chegou a emocionarme), nas que a historia dunha familia que procura atopar a súa identidade contribúe a facelo coa comunidade (un chisco desmemoriada) á que pertence. Os fillos do mar, finalista do premio Xerais de novela 2011, reivindica a volta da narración e o entretemento aos andeis das novidades da literatura galega. Un texto ben escrito, unha novela armada con solidez, un tema relevante, unha ambientación e documentación magníficas. Agardo que axude a incrementar o número de lectores e lectoras en galego nestes tempos de crise. Recoméndoa moi vivamente.
Onte 184: Día de premios
/en Eventos, Onte, Premios, Xerais/por bretemas
Gosto dos premios literarios á obra editada xa que, máis alá da recepción da crítica e das cifras de vendas, expresan a opinión do lectorado cualificado que os outorga, ademais de estimular e recoñecer o traballo do equipo editorial e dos autores. Onte foi un día para ese tipo de premios. Pola mañá soubemos das obras finalistas dos Premios AELG 2012 e despois os outorgados pola Asociación Galega de Editores na Noite da Edición 2012. A pesar das dificultades de ano tan difícil como o pasado, ambos os dous premios de escritores e editores amosan que tivemos unha boa colleita, incorporamos ao noso catálogo obras con afán de permanencia. Unha satisfacción que celebro co equipo de profesionais e autores de Xerais.
Onte 182: Toda a Queizán
/en Autores, Efemérides, Narrativa, Onte, Presentacións, Xerais/por bretemas
Montse Dopico, unha das nosas mellores xornalistas culturais, fixo unha magnífica intervención na presentación en Compostela de Meu pai vaite matar. Enfiando a lectura do libro no marco da obra narrativa, ensaística e poética de María Xosé Queizán definiuno como «novela de teses, sendo a principal, a de toda a súa obra: continuar loitando contra o patriarcado. Esta é a novela onde está toda a Queizán.» Dopico salientou que nesta novela abordábanse os temas principais da obra da Queizán: o sexo como dominación, a familia como institución destrutora para algunhas persoas, a violencia en todas as súas formas (o abuso sexual, a violencia no cárcere, a violencia política, a violencia colonial…), a homosexualidade… Con todo, para a presentadora é a reflexión filosófica unha das claves de Meu pai vaite matar, sobre todo no que atinxe a fascinación da Queizán pola ciencia, o seu compromiso pola igualdade e a loita contra a falta de xustiza. Montse Dopico rematou definindo a obra como «unha novela sobre a ciencia e a razón contra a violencia». Unha lectura moi recomendable no Día Internacional das Mulleres.
Onte 177: Tras da Corda
/en Autores, Narrativa, Novidades, Onte, Presentacións, Xerais/por bretemas
Presentamos en Couceiro Tras da Corda, o volume no que Carlos G. Reigosa recolle todos os relatos da súa Comala literaria, o berce de Intramundi no que vivían os Homes de Tras da Corda nas Pucharcas da lembranza. Na editorial concibimos, ademais, esta edición para celebrar o trinta aniversario do narrador de Abeleira, un dos escritores galegos máis populares e queridos polos lectores do noso tempo. Reigosa, sempre luminoso e brillante, confesou sen pudor que lle doeu a relectura destes relatos pola súa crueldade, algo no que non se reparaba hai tres dácadas, cando foron acollidos de forma máis xenerosa ca que se reciben os libros galegos agora por personalidades como Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro («chorei esta noite lendo a vinganza da madriña», lembrou que lle dixera unha mañá tomando café no Dakar, fronte a Correos) ou Antón Santamarina, que na presentación de Lugo os cualificou como «antropolóxicos». Reigosa insistiu nunha idea semellante: «O libro conta de onde vimos. Nestas historias de Tras da Corda, un topónimo que non atoparades no nomenclator, queda reflectida a identidade que se correspondía co rural galego que xa non existe». No caderno apuntei dúas das cifras que logo achegou Reigosa para a reflexión: «Na Pastoriza hoxe somos 3.500 persoas e 23.000 vacas, hai sesenta anos, o tempo dos relatos, eramos 7.500 habitantes». Recomendo Tras da Corda, un dos fitos do catálogo narrativo de Xerais.
Onte 169: Día de Rosalía
/en Autores, Efemérides, Onte, Poesía, Recurso_didáctico, Xerais/por bretemasCelebramos o Día de Rosalía, o 175 aniversario do nacemento da fundadora da nosa literatura nacional. Unha efeméride que non debe pasar desapercibida en ningún centro educativo nin medio de comunicación. A realización de lecturas e actividades rosalianas en espazos públicos e educativos, ademais da reivindicación do apoio das administracións á investigación e difusión da súa obra centrarán a xornada. Con todo, a novidosa proposta da AELG –apoiada pola Asociación Galega de Editores, Federación de Libreiros de Galicia, numerosos concellos e centos de asociacións culturais e cívicas– de animar á cidadanía a que nesta data merque un libro en galego e reciba unha flor constitúe outro fermoso aliciente desta coroa cívica e popular. Da man de Rosalía a lingua e a literatura galega chegarán hoxe a todos os recunchos do país de noso. Rosalía sempre viva.
Onte 162: O conde Waldemar
/en Autores, Memoria, Onte, Radio, Recurso_didáctico, Xerais/por bretemas
Xa imaxinaba que ía interesar moito a biografía de Manuel Rodríguez Saa, o conde de Waldemar, o mago, prestidixitador, ilusionista e telépata de sona internacional nacido en Portomarín. Xosé Díaz e Belén Fernández descubren no seu libro o sorprendente itinerario vital e profesional deste galego de aldea que durante o primeiro terzo do século XX percorreu o planeta enteiro e chegou a vivir uns anos dourados da súa vida en Filipinas, onde casou cunha millonaria. Falecido, hai case trinta anos, Carlos Coira e o Mago Antón aínda tiveron oportunidade de coñecelo e, dende entón, consideralo como o referente indiscutible da actual xeración de magos galegos. O doutor Saa –tamén chamado «rei dos magos» e «mago dos reis»– é outra desas figuras galegas de lenda, unha desas personalidades míticas por descubrir e reivindicar. Un libro do que me sinto moi orgulloso ter editado e recomendo moi vivamente.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
O Profesor13 de Febreiro de 2026 - 8:47 a.m.
O faro cultural de Vigo13 de Febreiro de 2026 - 8:44 a.m.
A represión franquista en Vigo10 de Febreiro de 2026 - 9:17 a.m.
Noite de dioivo8 de Febreiro de 2026 - 11:28 a.m.
Vigo cidade da literatura3 de Febreiro de 2026 - 2:17 p.m.



