Vestio
/en Autores, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemas
Acabamos de recuperar para a colección “Fóra de Xogo” Vestio, a novela que Xosé Miranda publicara por vez primeira en 1995. Un libro que enlaza temática e formalmente, co moi exitoso volume de contos As mans no medo (publicado o pasado ano e xa reeditado) e co, tamén reeditado, volume de narracións do fantástico A biblioteca da iguana. Tres obras dun mesmo ciclo dun dos nosos maiores narradores contemporáneos.
Velaí o texto de contracuberta que preparamos:
“A doutora Eva García, destinada no remoto lugar de Viana das Veigas, atópase cun cadáver sen rostro e coas mans esmagadas. Xunto ao cadáver aparecen unha carta e un diario. Lendo o diario a doutora vai descubrir as claves de estraños comportamentos e estraños acontecementos que non só se refiren as habitantes da vila, senón a ela mesma, ao seu marido e á súa filla desaparecida hai anos. Eva descubre con abraio que o cadáver resulta ser un antropólogo inglés chegado co pretexto de estudar unha antiga seita priscilianista. Vestio condúcenos de sorpresa en abraio polos labirintos máis inextricables da alma humana e das crenzas máis insospeitadas e terribles. Nin das sombras nin dos homes (como con dor e espanto descubre a doutora) pode fiarse o lector. Unha novela de intriga, suspense, pánico e misterio. Unha narración claustrofóbica, labiríntica, aterradora.”
Recomendo encarecidamente a lectura para aqueles gosten das novelas de terror e do fantástico. A solidez narrativa de Miranda (xa corenta e oito títulos no noso catálogo) nunca defrauda.
Letras Galegas 2008
/en 17_de_maio, Novidades, Xerais/por bretemas
Presentamos a nosa oferta editorial do ano de don Xosé María Álvarez Blázquez.
O retrato é do pintor e ilustrador Manuel Uhía.
Estreas narrativas: Salter e Chelo Suárez
/en Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemas
Comezamos o ano con dúas estreas na colección Xerais Narrativa: a novela A venus de cristal da narradora coruñesa Chelo Suárez e o libro de relatos A idade da auga do escritor escocés (afincado en Galicia) James Salter.
A de Chelo, ambientada na Venecia de finais do século XIV constitúe unha proposta de narración moi singular, protagonizada por un vidreiro alquimista que frecuentando todos os bordeis dunha cidade en decadencia procura atopar rapaza que agoche no seu interior unha alma inmortal e bela. Unha narración sensual, de prosa moi elaborada, enchida de personaxes grotescos e fantásticos.
A de James, oito relatos ambientados todos eles en Vigo, unha cidade-barco case chea de gaivotas, na que se exploran os vieiros do imaxinario creativo e fantástico de Cunqueiro ou do pintor Urbano Lugrís. Dous novos autores para a narrativa galega que creo supoñerán toda unha sorpresa. Agardemos a recepción destes textos.
As dúas cubertas, como ven sendo adoito nas últimas entregas, son do fotógrafo Fran Herbello.
O Carnaval en Galicia
/en Ensaio, Festas, Novidades, Xerais/por bretemas
Coincidindo co inicio desta primeira semana do Entroido puxemos nas librarías unha nova edición, totalmente renovada, do Carnaval en Galicia, o libro de Federico Cocho, con magníficas fotografías de Manuel G. Vicente, que percorre as manifestacións e a xeografía do noso entroido tradicional, tanto rural como urbano: os Momos e Mecos, os Felos de Maceda, os míticos Cigarróns, os Troiteiros de Bande, os rechamantes Xenerais do Ulla, os Merdeiros de Vigo, Peliqueiros, Pantallas, Tamborradas de Viana do Bolo, Foleiros de Sande, Marfois, Choqueiros, Zarrampallos, Madamas e Galáns de Cobres… E tamén a rica tradición do carnaval nas vilas e cidades: o Urco e o Ravachol de Pontevedra, os apropósitos coruñeses… Un libro ben xeitoso para estes días de xoldra.
"Reexistencia. A obra de Manuel Rivas"
/en Autores, Ensaio, Xerais/por bretemas
Galicia hoxe dedica unha páxina á aparición de Reexistencia. A obra de Manuel Rivas o libro da profesora da Universidade de Towson Isabel Castro que publicamos dentro da serie “Estudos literarios”. Non debera pasar desapercibida esta contribución académica, a primeira monografía sobre Rivas, que axudará a renovar os nosos estudos literarios sobre autores contemporáneos (o que é un importante paso adiante) e a proxectar internacionalmente o corpus da súa obra.
"Remoldiño vai a feira"
/en Literatura infantil e xuvenil, Teatro, Xerais/por bretemas
Como xa fixeramos o pasado ano, comezamos a nosa campaña de animación á lectura nos centros escolares de educación infantil e primeiro ciclo de primaria da man de Casa Hamlet coa obra de Manuel Lourenzo Remoldiño vai á feira, inspirada no texto de Xoán R. Cuba.
"A neve do tempo"
/en Artes Visuais, Ilustración, Novidades, Poesía, Presentacións, Xerais/por bretemas
Hoxe presentamos en Ourense A neve do tempo, un fermoso libro de arte froito da colaboración entre o escritor Alberto Pascual e o pintor José Antonio Ocaña. Para o crítico Juan Carlos García Alía, ambos os dous autores “forxaron un valioso libro de artista por cuxas páxinas despregan un fermoso espazo dual e equilibrado co que, a propósito do amor, a terra, a vida e a morte, as dúbidas, encamiñan ao lector ao goce analóxico de dúas artes orixinais que, en lugar de contrapoñeerse, se dan a man: os sentidos poemas de Pascual, e as suxestivas pinturas de Ocaña realizadas con lapis de cor, acrílico e impresións dixitais”. “A xa vedraña relación pintura-poesía, que clava as súas raíces na antigüidade, coas noticias reveladas por Simonides de Ceos (V a.C), Aristóteles (IV a.C.) ou Plutarco (II y I a.C.), patentadas na ut pictura poesis de Horacio (I a.C.); a inflexión do Laooconte de Lessing (1776), e a subseguiente ambivalencia sobre os límites interartísticos argumentadas durante séculos posteriores (Gombrich, Winesatt, Mitchell, etc.), renace nesta orixinal composición na que, como albisca Alfonso Palomares, o prologuista, lonxe do típico libro no que se ilustran uns poemas ou se rima a partir dunha iconografía, Ocaña e Pascual concatenan linguaxes autónomas nas que xurde harmonicamente un mesmo sentir nesta creación. Os propios artistas veñen conferir que este traballo, realizado de manera independente por cada un, conflúe ao xeito dunha percepción do visible e o sensible a través dunha vertente xánica –pintura e poesía–, cal virtual ambivalencia, mais cunha soa moeda: albiscar un retrinco de arte no que entre dúas verbas se desangra A neve do tempo.
Os blogs nos libros
/en Blogs, Educación, Libro de texto, Recurso_didáctico, Xerais/por bretemas"A sombra descalza", incluída na Lista de Honra do IBBY 2008
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Premios, Xerais/por bretemas
Hoxe soubemos da inclusión d’ A sombra descalza de An Alfaya na Lista de Honra do IBBY 2008. Unha espléndida noticia para comenzar o ano. Esta obra xa contaba cos seguintes premios: o Lazarillo de literatura xuvenil 2005; o Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2006 e o White Ravens 2007. A novela, ademais, merece o apoio dos lectores, xa vai na cuarta edición. As nosas beizóns para An Alfaya que ben as merece por tan importante recoñecemento.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
O Vigo de Otero Pedrayo6 de Xaneiro de 2026 - 9:54 a.m.
Aguinaldo4 de Xaneiro de 2026 - 3:06 p.m.
Contafíos31 de Decembro de 2025 - 5:53 a.m.
Vigo en tres paisaxes30 de Decembro de 2025 - 7:02 a.m.
Primeiro Conto de Nadal24 de Decembro de 2025 - 6:57 a.m.










