Don Paco, home luz

Don Paco, Francisco Fernández del Riego, recibiu esta tarde unha pequena homenaxe con motivo do seu noventa e sete aniversario. Un grupo de amigos e amigas reuniuse na viguesa praza de Compostela, onde vive, para render tributo a quen durante toda unha vida leva laboreando de forma infatigable por un ideal noble: organizar en Galicia o partido da esperanza. A pesar dos inevitables achaques dunha persoa case centenaria, don Paco mantén aínda a afouteza e a coraxe, un espello de dignidade humana que representa os mellores valores desa formación veterana na que militaron, entre tantos outras, figuras como Castelao, Alexandre Bóveda, Luís Seoane, Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro ou Álvaro Cunqueiro.

Don Paco é un home rede. Posúe a capacidade, tan valiosa en Galicia, de aglutinar vontades, de contaxiar alento para acometer tarefas colectivas, en «equipo», como a el lle presta dicir. Xa o practicaba naquel tempo de entusiasmo republicano, cando sendo secretario xeral das Mocidades Galeguistas mobilizaba aos estudantes composteláns coa súa oratoria sobria e eufónica –como acertadamente ten sinalado esoutro grande orador que é o profesor Xesús Alonso Montero–, a do guieiro dun pensamento federalista e galeuzcano, netamente progresista, como foi sempre o seu compromiso político. Un home rede tecedor de proxectos case imposibles nos tempos da ditadura, dende o primeiro suplemento de letras do xornal compostelano La Noche, que preparaba con Xaime Illa Couto, ata a posta en marcha e funcionamento imparable da editorial Galaxia e da revista Grial. Un home rede que en só catro anos de presidencia memorable foi capaz de poñer en valor a Real Academia Galega, unha institución, ata entón, enferma e anestesiada.

Don Paco é un home lente. Impenitente lector e bibliófilo, intuíu a necesidade de construír un sistema cultural galego moderno e plural, que permitise desvelar a literatura galega e desenvolver unha industria do libro na nosa lingua. Toda unha proeza de destemido! Aí quedou esa súa creación singular da efeméride do 17 de maio e o seu rigoroso traballo como antólogo, ensaísta ou divulgador nos xornais, onde leva publicando milleiros de artigos de estilo inconfundible. Del Riego, o máis importante editor galego contemporáneo, entendeu o traballo do editor como unha conversa permanente coa creación e co seu tempo, ensaiando novos formatos e fórmulas de edición inéditas na nosa lingua, como a modélica colección «Illa Nova», que alicerzou a nova narrativa galega, ou imprimindo unha fasquía rabiosamente moderna para todas as publicacións que promovía dende Galaxia.

Don Paco é un home ponte. Tracexou a súa aventura vital coma enlace entre os seus mestres, os membros de Nós, e as novas xeracións da fin de milenio. Home correo escribiu milleiros de cartas que permitiron manter accesa a mesma chama entre a Galicia interior e a da diáspora. Unha ponte sobre unha mesma canle, sobre uns idénticos ideais: defender o noso idioma e a nosa identidade como célula de universalidade, unha definición acaidísima, acuñada polo Partido Galeguista, e aínda non superada, que asumiu don Paco como programa de vida. Un home espello deste talante aberto de diálogo con todas as culturas, deste compromiso moral cos valores da democracia, da paz e da solidariedade, deste exercicio permanente de autoestima e dignidade que nos permite considerarnos orgullosamente como cidadáns galegos.

Don Paco é un home aceiro. Metódico, organizado, cerebral, non esmoreceu no seu afán diario por continuar termando das responsabilidades que asumiu. Así dirixiu durante case medio século a Biblioteca Penzol, sen cobrar un pataco, converténdoa nun centro de documentación modélico para os novos investigadores da cultura galega e sobre Galicia; aí segue publicando nos xornais, preparando novos libros, acuñando na conversa unha reflexión, tan lúcida como corrosiva, sobre este novo tempo en crise.

Don Paco é un home luz. Encabeza o partido galego da esperanza, o da xente entusiasta e liberal, melancólica e optimista que posúe como eixo do seu programa a loita contra o esquecemento. Unha luz que prende a memoria que nos mantén vivos e dispostos a continuar ese río incesante que nos leva.

Foto: 07-01-2010, R. Grobas, Faro de Vigo.

Abandonados

No artigo da semana abordo a situación das persoas sen teito que deambulan por Vigo, ao tempo que denuncio a inhibición da Alcaldía e da Xunta de Galicia, tras oito meses de debate retórico, para darlle unha solución á ubicación do asilo de emerxencia.

«Setembro do 75»

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/FR4JxQ4WiuA" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/llDtvwRv8gE" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

A Asemblea Repúblicana de Vigo organizou mañá martes, 3 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo a proxección da película Septiembre del 75 do realizador Adolfo Dufor. O filme, que ven de obter o Segundo Premio  na sección «Tiempo de Historia» do Festival de Cine de Valladolid , está dedicado á figura de Xosé Humberto Baena Alonso, vigués e militante do FRAP, asasinado polo franquismo en Hoyo de Manzanares logo dun xuízo sumarisimo que provocou a indignación de Europa enteira. No acto intervirán Flor Baena, irmá de Xosé Humberto, Adolfo Dufour, director e guionista do documental, e Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional en Galicia. Agradecemos difundades esta convocatoria entre as vosas amizades.

Ramiro Fonte, o libro dos amigos

O vindeiro sábado, 17 de outubro, ás 12:00 da mañá, no Auditorio do Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, homenaxearemos a Ramiro Fonte, con motivo do primeiro ano do seu pasamento. No acto presentaranse tres libros, as edicións dos seus  poemarios derradeiros, Reversos e Xardín do pasatempo, e Ramiro Fonte, o libro dos amigos, unha obra colectiva na que rendemos tributo á memoria humana e literaria de Ramiro.

Ás voltas coas dotacións

No artigo da semana volvo sobre dúas cuestións viguesas que me preocupan, a ubicación da Biblioteca Pública do estado e a apertura do Centro de Emerxencia Social no edificio da Gota de Leite. É lamentable que o PXOM, aprobado recentemente, non resolvese as ubicacións de edificios dotacionais sociais e culturais.

Foto: Atlántico.

Se mercas unhas gafas, regalámosche un libro

Este serán, agardando polo vitrasa para volver do chollo, sorprendeume a publicidade da traseira do bus dos Caños: «Se mercas unhas gafas, regalámosche un libro». A bonita iniciativa marqueteira, que tamén de promoción lectora, corresponde a Óptica Studio, unha cadea de ópticas nacida en Cangas hai trinta anos e na que nunca reparara. Esta oferta en termos económicos é modestiña (apenas un desconto dun par de puntos), porén supón unha iniciativa singular a gabar, xa que non é adoito empregar o libro como un reclamo de prestixio para vender outros produtos. Nada sei sobre cales son os libros agasallados por esta pequena cadea de ópticas (mágoa que no seu sitio web tampouco anuncien, polo momento, a promoción) nin nunca pisei ningún dos seus establecementos. A partir de agora conta coa miña simpatía. Os meus parabéns.

Aeroportos de Gallaecia

No artigo da semana reflexiono sobre a crise dos aeroportos galegos e os criterios que se deberían respectar no deseño do novo mapa de rotas das catro terminais que utilizamos os viaxeiros galegos.