Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

Hoxe no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia dedicado ás novidades do sector editorial galego para o 2009 adiantamos o que será unha parte do noso programa para este ano no que celebraremos o trinta aniversario da editorial e superaremos os 3.000 títulos publicados.
É moi de agradecer a xenerosidade de Xornal de Galicia dedicando quince páxinas a informar coa maior amplitude sobre o libro galego. Este suplemento constitúe un auténtico fito. Unha mostra de autoestima coa literatura de noso. Beizóns para os seus responsables.

Suplementos analóxicos

Tanto La Voz de Galicia como Xornal de Galicia, dous medios con liñas editoriais claramente enfrontadas, comparten, porén, o carácter analóxico e pechado para a lectura na rede dos seus suplementos de cultura que publican os sábados. Hoxe non podemos ler na rede nin as magníficas catro páxinas de Ramón Nicolás e Xesús Fraga sobre o libro galego e a súa visibilidade do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia nin outros tantas que «Nós» o suplemento de cultura de Xornal de Galicia dedica ao mundo so blogs en Galicia, con traballos de Manuel Candelas e Arturo Casas. Hoxe xa existen modelos alternativos para evitar estas zonas de sombra para a información cultural na rede, como ofrecer os contidos dos suplementos en formato pdf ao día seguinte ou facelo por un sistema de subscrición en aberto. En todo caso, quero felicitar tanto aos responsables de «Culturas» pola súa defensa do libro galego visible como aos de «Nós» polo tratamento rigoroso do fenómeno blog, máis alá dos tópicos habituais.

Topoloxía

Ten razón Arturo, o discurso da proxección exterior da literatura galega é o mesmo da proxección interior. Como sinalo nun comentario que deixei no seu blog, ambas as dúas, a interior e a exterior, son as dúas facianas dun mesmo corpo que ten vontade de ser visible. Sen entrar en disquisicións sobre o que sucedía nos tempos do perezvarelismo, hoxe o que non parece sensato é investir en custosas viaxes internacionais e (tras case catro anos) non ser capaces de dotar ás nosas bibliotecas das nosas novidades editoriais (como está previsto na Lei do Libro e a Lectura). Sobre esta cuestión poderiamos facer denuncias que escandalizarían. Mais xa estamos cansos de batallar aquí e acolá e de recibir tratos severísimos. Neste eido, por prudencia, tiramos a toalla. No entanto, aproveitando a piedade destas xornadas de Nadal, cos meus comentarios pretendo contribuír a ese esforzo en man común que ten por obxectivo que os nosos libros en galego poidan ser minimamente visibles nas librarías e nos medios de comunicación (fundamentalmente electrónicos) preocupados por eles. Isto é o que chamo exercicio de «autoestima». E tal como están as cousas, este exercicio de proxección interior é imprescindible. Os grandes discursos grandilocuentes sobre o libro galego, deixámolos para os políticos, que para iso andan apurados en concurso electoral.

«Malia ao escaso tirón»

Lendo esta incrible noticia publicada no xornal.com sobre o posicionamento nas librarías das novidades editoriais galegas durante esta campaña de nadal, compréndese mellor que a nosa peor e principal doenza é a da falta de autoestima e confianza na literatura propia.
Velaí un exemplo da profecía cumprida. «As editoriais españolas mandan nas vendas das librarías galegas este Nadal.» O titular promete, mais entrando na redacción do corpo da noticia, xa nos decatamos que asistimos ao coñecido relato da carencia de best sellers en galego. Non os temos, aínda; mais temos unha oferta variada e literariamente coidada. Pois non. Tanto para o redactor da noticia como para un dos libreiros consultados neste Nadal hai «moitas novidades en galego máis ningunha destacada» (que eles identifican coas obras narrativas de Suso de Toro e Manuel Rivas; e recalcan as narrativas, que as xornalísticas se «venden menos,» non se vaia confiar nin o propio Rivas que ousou publicar este ano dúas). E ámbolos dous quedan tan panchos, utilizando sen arroibarse categorías que para eles forman parte das evidencias. Outros dirán que son as categorías do mercado. Pobre ducia de novidades narrativas galegas (que están recibindo un magnífico tratamento por parte dos esforzados críticos) e doutras tantas magníficas traducións (sempre chegan tarde) despachadas de forma tan fulminante e pouco matizada.
Con todo, o máis tremendo da noticia, é o parágrafo final, onde o redactor, por se non quedase claro, ao relacionar os títulos galegos que sobresaen (meus «pobriños», failles un favor ao citalos, mesmo a eses dous «premios nacionais»), volve recordarnos «malia ao escaso tirón». Noxenta, a verdade, esta falta de orgullo polo propio. Inconcebible en calquera outro sector económico.
Con semellante entusiasmo expresado polos libreiros consultados e polos responsables da redacción de Xornal de Galicia (unha noticia impropia deste medio), a Campaña da Consellaría de Cultura e Deporte de promoción da venda do libro e disco galegos quedará reducida ao cativo territorio do voluntarismo militante das minorías galegófonas da minoría de lectores. E a noticia, nada fala, do noso libro infantil. Tampouco imos fachendear de contar cun pobo lector. Outra mostra máis de que o principal problema do libro e da lectura en galego, somos nós e a nosa falta de autoestima.

Conspiración de lectores

Coñecín este fermoso traballo realizado polos clubs de lectura do Colexio Helios que traballa a edición en castelán d’ O único que queda é o amor, o libro de relatos de Agustín Fernández Paz. Un traballo escolar coa rede detrás. Para tomar boa nota.

Os editores aprendemos de Internet

Esta anotación de ediciona sobre as cinco cousas que os editores deberiamos aprender do actual modelo de negocio de internet parécenme moi interesantes:

1. Convertir la lectura en un acto social: aprovechar las herramientas que ofrece la Web 2.0 para conectar a las personas a través de lo que leen, haciendo que la lectura deje de ser un acto individual que nos aísla a los unos de los otros.

2. Sacar las giras promocionales de las librerías: utilizar los “social media” como canal para promocionar los libros y aprovechar su capacidad tanto de trascender las barreras geográficas como de establecer un contacto con los lectores en lugar de limitarse sólo a hacer giras y firmas de libros en librerías.

3. Crear estrellas en lugar de limitarse a explotar las que ya existen: el hecho de que un autor alcance un alto nivel de notoriedad contribuye a que sus libros se vendan más, por lo cual hay que pedirles a los autores que tengan un blog, que asistan a eventos y que participen en mesas de discusión.

4. Digitalizar todo el trabajo: el proceso de producción editorial es más ágil si todas sus fases se ponen en marcha echando mano de herramientas digitales.

5. Facilitar el comercio electrónico: permitirle al visitante de su página Web comprar los libros con un solo clic mediante aplicaciones que faciliten la transacción.

Comparto as cinco estratexias (quizais habería que matizar a redacción dalgunha delas, sobre todo a terceira), especialmente as dúas primeiras, referidas á importancia de transformar a lectura nun acto social (unha das teimas nas que vimos insistindo no blog) e a de utilizar as redes sociais dixitais para dar a coñecer as nosas novidades e o noso traballo. Con toda a humildade, engadiría unha sexta:

6. Incrementar a información editorial dixital: hai experiencias abondas que amosan a eficacia da textualidade electrónica (textos, vídeos, etc.) como soporte da nosa información editorial.

Culturgal 2009

Afortunadamente, a pesar do retraso de varios meses, este ano tamén haberá Culturgal. A organización pasou da AGE á Consellaría de Cultura e Deporte que decidiu montar esta feira galega das industrias culturais no Palexco coruñés na primeira fin de semana de decembro. Agardamos que con este novo modelo de xestión, Culturgal continúe co seu espírito fundacional e chegue a converterse nun referente para todos os sectores da cultura. Atraer á maior cantidade posible de público é o seu reto.