Culturgal 2009

Afortunadamente, a pesar do retraso de varios meses, este ano tamén haberá Culturgal. A organización pasou da AGE á Consellaría de Cultura e Deporte que decidiu montar esta feira galega das industrias culturais no Palexco coruñés na primeira fin de semana de decembro. Agardamos que con este novo modelo de xestión, Culturgal continúe co seu espírito fundacional e chegue a converterse nun referente para todos os sectores da cultura. Atraer á maior cantidade posible de público é o seu reto.

O escritor fronte ao seu espello

A rdl desta semana presenta un interesantísimo monográfico sobre a cuestión do “escritor fronte ao seu espello”. Cando fun consultado telefonicamente, entendín que a pregunta remitía ao da visibilidade do escritor galego na sociedade. Para min a cuestión esencial non é a da valoración que teña o escritor senón as posibilidades coas que conte de visibilidade. É lexítimo que os autores e autoras, e os editores, esteamos insatisfeitos coa visibilidade dos nosos textos na sociedade. Ninguén publica sen esperar ser lido. A falta de visibilidade ten que ver, en primeiro lugar, co prexuízo que aínda existe, a pesar de que se está superando, sobre os propios textos e a edición en lingua galega. Hoxe, afortunadamente, a oferta editorial en galego é cada vez máis diversa e de maior calidade. Mais, non podemos esquecer que o peso da edición en galego no noso mercado é cativa: o libro en galego supón apenas o 15% do libro vendido en Galicia. A escasa visibilidade e recoñecemento que teñen os escritores na nosa sociedade ten que ver con este peso insuficiente no mercado do libro en galego. Outrosí sucede coa visibilidade dos libros nas librarías e nos medios de comunicación, competindo en inferioridade coa avalancha brutal do libro en castelán. Para saír deste funil hai que abordar a cuestión da lectura, e máis especificamente, da lectura en galego dende unha perspectiva política, colocándoa como unha das prioridades estratéxicas da política cultural e lingüística. Promover esta revolución lectora, dende as aulas e as bibliotecas públicas, sen esquecer o papel das librarías e das empresas privadas, é o camiño para visibilizar o libro e os autores galegos na nosa sociedade.

Get London Reading

A actual campaña de promoción da lectura que se está desenvolvendo en Londres utiliza, coma a galega (que comezará a utilizar os valados), os textos literarios e a súa presenza sobre formatos cotiáns como o primeiro reclamo. Gústanme as dúas.

Anuncio da London Book Fair

Este é un promocional moi interesante sobre a London Book Fair. Un documento interesante para entender de que se trata nas Feiras Internacionais do Libro.
Vía Blogtailors.

"Máis libros", o anuncio

O anuncio da campaña é xeitoso visualmente, aínda que me custa entender que non apareza, sequera nalgunha ráfaga, algún dos soportes convencionais de lectura, sexan os impresos ou as pantallas. Con todo, o máis frouxo, pareceume, o tópico de considerar a lectura como unha “actividade apaixonante”, desbotando o concepto de utilidade na construción persoal. Mágoa que estes publicistas (entendo que coruñeses) non atinasen neste anuncio tanto como fixeron noutras ocasións anteriores.

"Máis libros"

Polo pouco que puiden ver ata agora, a campaña Máis libros, incluída no Plan galego de Lectura, ten moi boas trazas. O concepto de lectura utilizado é o que vimos defendendo, situándoa por riba do soporte libro e do espazo onde se realiza. A aposta decidida pola libraría de cultura e pola biblioteca fundamental. O eslogan é moi acertado, vencellado a lectura cos valores da liberdade, subliñando así o seu carácter cívico. O deseño gráfico, baseado no protagonismo dos textos sobre diversos soportes cotiáns (briks de leite, rolos de facturas…) pareceume moi elegante. En definitiva, gustoume moito e levei unha boa alegría. A campaña promete. Porén, chamoume a atención, segundo puiden ver no vídeo da noticia de Vieiros, que na presentación da campaña da Consellaría de Cultura se colocasen sobre a mesa “monstros de libros” publicados por editoriais privadas co logotipo da Xunta de Galicia no lombo. Constitúe unha imaxe equívoca que pode levar a malentendidos e subliminalmente a afondar no prexuízo de sector subvencionado que dende tantos anos persegue aos editores privados galegos.

Book trailer XI: "O carteiro de Bagdad"

Magnífico o book trailer d’ O carteiro de Bagdad, o precioso libro de Marcos S. Calveiro. Parabéns a Edelvives pola iniciativa.

Book trailer X: Premios 2008

The Bookseller ten unha páxina dedicada aos mellores book trailers do ano. É moi interesante o modelo de produción destes book-trailers, froito da colaboración da National Film & Television School coa revista Bookseller, con Play.com (unha distribuidora de produtos culturais por internet) e coa editora Random House Group. É doado comprobar que, mesmo no mercado editorial británico, este tipo de soportes precisan de axuda para a súa realización. No entanto, o libro galego podería emular este modelo, propoñendo unha colaboración entre a CRTVG, as produtoras privadas de cine e televisión, as escolas de Imaxe e as editoras da AGE. Como en tantas outras cuestións da cultura galega, aquí temos outro reto para colaborar todos na visibilidade do libro galego e na promoción social da lectura.

Etiquetas: