O escritor fronte ao seu espello

A rdl desta semana presenta un interesantísimo monográfico sobre a cuestión do “escritor fronte ao seu espello”. Cando fun consultado telefonicamente, entendín que a pregunta remitía ao da visibilidade do escritor galego na sociedade. Para min a cuestión esencial non é a da valoración que teña o escritor senón as posibilidades coas que conte de visibilidade. É lexítimo que os autores e autoras, e os editores, esteamos insatisfeitos coa visibilidade dos nosos textos na sociedade. Ninguén publica sen esperar ser lido. A falta de visibilidade ten que ver, en primeiro lugar, co prexuízo que aínda existe, a pesar de que se está superando, sobre os propios textos e a edición en lingua galega. Hoxe, afortunadamente, a oferta editorial en galego é cada vez máis diversa e de maior calidade. Mais, non podemos esquecer que o peso da edición en galego no noso mercado é cativa: o libro en galego supón apenas o 15% do libro vendido en Galicia. A escasa visibilidade e recoñecemento que teñen os escritores na nosa sociedade ten que ver con este peso insuficiente no mercado do libro en galego. Outrosí sucede coa visibilidade dos libros nas librarías e nos medios de comunicación, competindo en inferioridade coa avalancha brutal do libro en castelán. Para saír deste funil hai que abordar a cuestión da lectura, e máis especificamente, da lectura en galego dende unha perspectiva política, colocándoa como unha das prioridades estratéxicas da política cultural e lingüística. Promover esta revolución lectora, dende as aulas e as bibliotecas públicas, sen esquecer o papel das librarías e das empresas privadas, é o camiño para visibilizar o libro e os autores galegos na nosa sociedade.