#Xerais11

Esta foi a fin de semana dos Premios Xerais. No blog da editorial fixemos xa anotacións abondas sobre un serán que resultou intenso, interesante e festeiro. A grande novidade deste ano foi, sen dúbida, a irrupción de Twitter. No hastag #xerais11 pode seguirse todo o que se dixo e a conversa que se mantén aberta. O agarimo de todos os amigos e amigas que participaron e a inxección de optimismo que nos contaxiaron son, nestes tempos difíciles, moi de agradecer. Beizón para todos e todas!

25 anos de Ir Indo

Esta semana no artigo de Faro de Vigo, ao fío da homenaxe á edición histórica tributada polos membros da AGE na Noite da Edición, gabo o traballo da editorial Ir Indo e do seu editor Bieito Ledo Cabido.

O pasado sábado no transcurso da “Noite da Edición”, celebrada en Lugo, os membros da Asociación Galega de Editores rendemos homenaxe a Ir Indo edicións con motivo do vinte e cinco aniversario da súa fundación. Un recoñecemento merecido para a traxectoria e o catálogo desenvolvido por un dos proxectos editoriais sen os que non se podería entender a modernización da cultura e da edición galega contemporáneas, mais tamén unha mostra de admiración e agarimo cara a traxectoria de Bieito Ledo Cabido, o editor da aldea de Pedroso da parroquia de Abeleda no concello de Xunqueira de Ambía, afincado en Vigo dende hai case corenta anos, que encarnou tan importante travesía editorial.

A editora viguesa, instalada primeiro na rúa Torrecedeira e, máis tarde, na sede actual da avenida da Florida, coa intención de encher os baleiros editoriais existentes na cultura galega, artellou na súa historia un amplo catálogo (hoxe máis de medio milleiro de títulos) que abrangue dende a edición lexicográfica e enciclopédica (unha das actividades principais que a singularizou), pasando pola edición infantil e xuvenil, até a de narrativa, materiais didácticos e obras de referencia sobre o coñecemento do país. No entanto, foron até hoxe os dezaseis volumes da Enciclopedia Galega Universal o maior logro do equipo editorial de Bieito Ledo e Xelasio Suárez Santiso, o seu primeiro colaborador e xerente do proxecto empresarial. A “EGU”, comezada a publicarse en 1999, é unha obra magna, extraordinaria, que constituíu a primeira visión completa do mundo feita en Galicia, en galego e dende a óptica de noso. Un fito senlleiro na edición galega, continuado en 2003 con semellantes criterios co Dicionario Enciclopédico Galego Universal (DEGU), como tamén o foron outras iniciativas da editorial, entre as que non se poden deixar de citar as series de libros fotográficos dedicadas ás cidades e vilas de Galicia ou a colección de biografías “Galegos na Historia” que continúa publicándose.

É difícil atopar un proxecto editorial máis identificado coa personalidade do seu editor, que o de Ir Indo creado por Bieito Ledo. O propio nome escollido para editorial –foi tamén o da libraría que o editor abriu nas galerías de Príncipe cando chegou a Vigo en 1975– expresa a teimosa paciencia de Bieito Ledo de percorrer en irmandade os vieiros todos dun país que se ama e ao que se pretende transformar dende o seu coñecemento máis profundo e detallado. Consciente de que “as ideas son as que xeran riqueza”, Bieito Ledo propón a tarefa colectiva de construír demoradamente o país dos galegos, con intelixencia, autoestima e confianza nas propias posibilidades, sabendo que existirán dificultades que poderán ser superadas con traballo duro e compartido. Neste difícil e ilusionante proxecto temos que saber gañarnos a nosa xente. Esa é a tarefa permanente de facer país. Esa foi a proposta vital que este emprendedor nato –así foi definido polo seu amigo o editor Víctor Freixanes– despregou na fantasía da súa editora, sempre comprometida en manter un diálogo permanente coas mudanzas da sociedade galega á que ofrece os seus servizos.

Mais tamén foi esa mesma ansia de facer país cos libros á que impregnou o seu traballo como xerente da editorial Galaxia durante os anos decisivos da transición, nos que promoveu a importantísima “Biblioteca Básica da Cultura Galega” e no que quedou para sempre inoculado do virus adictivo da edición. Un espírito aberto, inequivocamente cívico e galeguista, que o levou a crear espazos de encontro e amizade cando encabezou a renovación do Círculo Ourensán Vigués, cando creou os “Premios da Crítica Galicia” en 1978 ou cando participou na creación da Fundación Galicia-Empresa, entre outras moitas das súas angueiras polas que foi merecidamente recoñecido como “Vigués distinguido” en 2005 e como “Fillo predilecto de Xunqueira de Ambía” o ano seguinte, dúas condecoracións das que fachendea abertamente.

Por riba de todo, Bieito Ledo é un editor nato que acredita na idea de que son os libros, a lectura, o que máis nos axuda a medrar coma persoas. Foi o primeiro presidente da Asociación Galega de Editores contribuíndo nestoutra agra a sementar ese espírito gremial imprescindible para desenvolver un sector no que até entón existía escasa experiencia empresarial. E como editor do século XXI que é asume sen complexos a mudanza profunda que se está producindo no paradigma da comunicación cultural apostando por ofrecer os produtos enciclopédicos e lexicográficos da súa editorial na rede e promovendo a creación dunha plataforma editorial galega que distribúa ese tipo de contidos. As nosas beizóns para el e para o seu equipo editorial, agardando poder celebrar con eles outras vinte e cinco primaveras máis.

Finalistas dos Premios AELG 2011

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público hoxe os finalistas dos seus premios anuais. Tras unha votación dos seus asociados anunciou os finalistas tanto nas categorías de libros editados como de blogs e xornalismo. A gala de entrega dos premios será o 30 de abril en Santiago. Os membros da AELG serán tamén quen escollan de entre os finalistas os galardoados.

Blog Literario

1. Ferradura en tránsito, de Xosé Manuel Eyré.

2. O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.

3. Trafegando ronseis, de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso.

Ensaio

1. A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro.

2. Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao.

3. O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.

Literatura Infantil e xuvenil ( coa colaboración da Gálix)

1. Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto.

2. O pintor do sombreiro de malvas (Xerais), de Marcos Calveiro.

3. O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro.

4. Suso Espada. “Nota Roja”, de Francisco X. Fernández Naval.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas)

1. Anxo Tarrío.

2. Daniel Salgado.

3. Fran P. Lorenzo.

4. Iago Martínez.

5. Ramón Nicolás.

Narrativa

1. O coitelo en novembro (Xerais) de Marilar Aleixandre.

2. Obediencia, de Antón Lopo.

3. Periferia (Xerais) de Iolanda Zúñiga.

4. Settecento (Xerais) de Marcos Calveiro.

5. Todo é silencio (Xerais) de Manuel Rivas.

6. Xuvia-Neda (Xerais) de Vicente Araguas.

Poesía

1. Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval.

2. Estremas, de Ana Romaní.

3. Retro(visor) (Xerais) de Antía Otero.

Teatro

1. Canibalismo, de Marcos Abalde Covelo.

2. Cínicas, de Teresa Moure.

3. Flores de Dunsiname (Xerais) de Manuel Lourenzo.

Tradución

1. Bilbao-New York-Bilbao (Kirmen Uribe) (Xerais), na versión de Isaac Xubín.

2. Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (Jack Mircala), por Isabel Soto.

3. Randea do alento (Herta Müller) (Xerais), de Marga do Val.

Agustín Fernández Paz candidato ao premio Andersen

Gálix anunciou hoxe o nomeamento do escritor Agustín Fernández Paz como candidato da OEPLI ao Premio Andersen. Este premio, convocado polo IBBY, está considerado como o auténtico nóbel da Literatura infantil e xuvenil, razón pola que esta candidatura constitúe, xa en si mesma, outro importante recoñecemento para o autor de Contos por palabras. O fallo deste premio farase público dentro dun ano, na Feira de Bolonia de 2012, e a entrega de Medallas realizarase durante o 33º Congreso de IBBY, que se celebrará en Londres, o mesmo ano.
Agustín Fernández Paz remata estes días a súa vindeira novela, que Xerais publicará na colección Narrativa antes do verán, ao tempo que corrixe as probas de Fantasmas de luz, libro ilustrado por Miguelanxo Prado que aparecerá no mes de setembro. Os nosos parabéns a Agustín por tan merecida candidatura e por tan intensa actividade.

Fervenzas Literarias, o mellor de 2010

Velaí o palmarés do mellor de 2010 de Fervenzas Literarias, outorgado pola votación de máis de cincocentas persoas na rede. A nosa gratitude polo que lle corresponde a Brétemas como o mellor blog do pasado ano.

Balance 2010/1: «Todos vós sodes capitáns» de Oliver Laxe

Coñecín a Oliver Laxe o pasado ano no xurado do Premio Cinema e Ciencia que promove ese infatigable e xeneroso amigo que é Martin Pawley. Naqueles dous días quedei deslumbrado polo discurso de Oliver, pola súa poética cinematográfica, literaria ou pictórica e, sobre todo, pola súa ansia teimosa en perseguir na conversa a beleza nos territorios das artes. Foron os seus argumentos os que nos levaron a premiar tamén Ljusär, unha película pouco convencional na que o sueco Mikael Kristersson relata só con imaxes, durante máis dunha hora, o que sucede nunha hortiña dunha vivenda das aforas da cidade ao longo do ciclo dun ano.

Tras aquela experiencia tan grata, non me colleu por sorpresa a noticia de que Todos vós sodes capitáns, a súa primeira película longa, fose a gañadora do premio Fipresci, un galardón co que os críticos presentes no Festival de Cannes pretenden cada ano favorecer a visibilidade de novos valores. Nas conversas daqueles días, Oliver contáranos que levaba en Tánxer dende o ano 2006 e que traballaba nun obradoiro de cine con adolescentes. Adiantáranos, tamén, coa súa ironía perspicaz, que acometera o seu primeiro proxecto de longametraxe coa intención de filmar unha oliveira que moito lle impresionara, situada preto dunha das fortalezas defensivas existentes as beiras de Tánxer. Dende entón quedei co formigo no corpo e non tiven oportunidade de ver a película até a gala de Cineuropa, na que Laxe recibiu a primeira e merecida homenaxe na súa terra. E abofé que o film quedou moi por riba das miñas mellores expectativas.

Efectivamente, Todos vós sodes capitáns é unha homenaxe a sobria beleza dunha oliveira que debuxa o seu perfil sobre o horizonte. Unha árbore que serve ao autor para culminar un proceso de indagación dos límites existentes entre a realidade e ficción, fronteira que dinamita ao longo de toda a metraxe asumindo todos os riscos posibles. Baixo a aparencia dunha película documental de tintes autobiográficos sobre a experiencia dun director novo que pretende facer unha película cun grupo de adolescentes acollidos nun centro de menores inadaptados, Laxe reivindica a estirpe do cinema clásico máis sobrio e espido de calquera ornato, mesmo da presenza da música. Empregando os formatos máis primixenios do cine, dende as cámaras manuais á película de 35 mm en branco a negro, utilizando coa maior economía as escasas horas de filmación, Laxe amosa que son as imaxes e as palabras axeitadas a ferramenta indispensable para expresar o poder creador do cinema. A película toda é unha reivindicación dese poder extraordinario do cinema como arte, para o que non cómpren medios técnicos desorbitados nin industrias con pretensión de elefante, senón apenas unhas humildes cámaras nas mans dun grupo de rapaces inexpertos que viven en condicións moi precarias, mais que queren deitar a súa ollada na pantalla. Eis nese carácter artesán da súa indagación –na liña do expresado por Richard Sennet do traballo ben feito– é onde reside unha das claves da obra.

Ademais, nesa tarefa de procura colectiva, Laxe é capaz de amosar toda a intimidade do seu grupo de alumnos de xeito indirecto, case desenfocado, nun exercicio abraiante de sutileza e discreción. Moi lonxe da espectacularidade do documentalismo presuntamente naturalista, á que tan afeitos estamos polos produtos televisivos, a película consegue con enorme eficacia unha abordaxe educativa na que a vivencia do proceso acada cotas de beleza equiparables ás da propia fita, case sublimes no seu derradeiro treito. Poucas veces teño visto na pantalla un traballo tan interesante dende o punto de vista educativo. Aquí non hai paternalismo, nin o dogmatismo tan frecuente nas películas protagonizadas por rapaces con problemas. Aquí o director confía cegamente nos seus protagonistas, aos que enfronta coa construción do seu propio relato (en boa medida, sabemos que en base dun guión máis bosquexado que rotundo) diante da cámara. Asistimos así as súas crises cognitivas e afectivas, as súas desputas polos liderados, aos seus momentos de tristeza e a outros de plenitude na descuberta, momentos todos eles nos que as figuras das persoas adultas sinalan os límites e amosan os horizontes a enxergar. Eis nesa educación concibida como práctica da liberdade onde reside outra das claves da película.

Os moitos premios que ven recibindo avalan, sen dúbida, esta película de beleza inquedante que nos reconcilia co cinema máis transparente, co cinema que supera toda clase de fronteiras, linguas e culturas. Non teño dúbida que o seu éxito é unha das máis importantes noticias literarias deste 2010. Anuncia que o mellor de Oliver Laxe aínda está por chegar. Agardamos que a copia galega se poida proxectar nas salas do país nas vindeiros semanas ou meses. Hoxe, as nosas beizóns para Oliver e, tamén, para Felipe e Óscar, que sei comparten ao seu carón idéntico espírito e entusiasmo.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/b2Epb_C11Bw" width="750" height="448" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/xR1uDAZUuWY" width="750" height="448" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/VUbkUjy-O7A" width="750" height="448" wmode="transparent" /]

An Alfaya, premio novela por entregas de «La Voz de Galicia» 2010

Foi unha satisfacción poder celebrar onte en vivo un novo premio literario de An Alfaya, unha das máis interesantes narradoras galegas do noso tempo. A súa novela Vidas cruzadas resultou gañadora do Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia, esa feliz iniciativa que dende hai unha década recupera o folletín ou folletón como xénero literario en galego. Alédame moito este novo premio para An Alfaya, que hai semanas recibía a noticia da obtención do Premio Arcebispo San Clemente por Areaquente, unha autora que dende a súa discreción e constancia está ofrecendo unha das obras máis sólidas da narrativa actual. Desque en 1997 gañara o Premio Merlín por ¡Sireno! Sireno!, An foi desenvolvendo unha obra narrativa (comezou como autora teatral) moi diversa, tanto no seu enfoque temático (sempre atento a problemática humana), na abordaxe técnica (moi coidada, tanto na prosa coma na forma utilizada) como no público ao que se dirixía, dende os lectores autónomos deica as persoas adultas. As novelas de Alfaya sempre son interesantes, sempre sorprenden, sempre están ben montadas, sempre teñen persoanxes ben construídos, sempre deixan pegadas na nosa memoria de lectores. Alfaya, ademais, desminte con toda a súa obra, ese prexuízo do carácter da LIX como un «xénero menor» demostrando que para as narracións e as autoras de calidade non existen as fronteiras de idade do seu lectorado. As súas tres máis recentes novelas –a multipremiada A sombra descalza (unha das máis interesantes novelas da década), Illa soidade (o premio Fundación Caixa Galicia 2007) e a xa citada Areaquente– demostran a súa progresión imparable cara a unha madurez literaria moi prometedora, na que o mellor de An Alfaya aínda está por chegar. Sen dúbida que este mes de agosto, no que será publicada día a día a novela premiada onte, será o que popularice entre o grande público a unha das nosas grandes narradoras. Recomendo seguir estas Vidas cruzadas dende o primeiro de agosto, teño a certeza de que serán dunha lectura engaiolante. Beizóns, An!

Premios Xerais 2010, galerías de fotos

Abrimos unha conta de flickr e colgamos as galerías de fotos do Premio Xerais 2010 que fixo Manuel G. Vicente.

No blog de Xerais poden consultarse as vídeoentrevistas que realizou Alfredo Ferreiro ás gañadoras, secretarios e membros de xurado, así como a diversos escritores, editores e críticos. Unha cobertura excelente.