Vídeoentrevista nos Premios Xerais 2009
/en Blogaliza, Libro_electrónico, Lingua, Persoal, Política, Vídeos, Xerais/por bretemas[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/W9IqXhT4UIY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]O equipo de Blogaliza ven publicando ao longo da semana unha serie de vídeoentrevistas realizadas tras a cerimonia dos Premios Xerais 2009. Recollo para o arquivo (desculpas pola autopromoción) a que eles me fixeron e enlazo, ademais, a miña intervención no acto que gravou xenerosamente Albixoi. Na vídeoentrevista repásase a traxectoria da editorial e dos premios, o conflito da lingua, a estratexia de transición da editorial cara o libro electrónico, para rematar cunha reflexión política de futuro.
A Deputación de Pontevedra abandona o libro galego
/en Bibliotecas, Edición, Editores, Política, Promoción do libro/por bretemas
Os editores galegos somos profesionais pacientes e discretos. Porén, nalgunha ocasión temos que petar na mesa. Iso foi o que fixemos hoxe cando, despois de cinco meses de intentar evitalo por todos os medios ao noso alcance, dimos a coñecer aos medios de comunicación a negativa do presidente e do deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra de asinar o convenio que dende hai vinte anos permitía que as novidades dos editores da provincia chegasen a algunhas bibliotecas públicas. Tras varios exercicios con recurtes no orzamento (nos tempos iniciais de Xosé Cuíña ascendía a cinco millóns de pesetas, que se duplicaron con Abeledo), esta decisión de Rafael Louzán de abandonar o apoio ao libro galego contrasta cos seus compromisos coa asociación Galicia Bilingüe. A verdade é que esta decisión non nos extraña, xa que hai dous anos, a Deputación de Pontevedra deixou de editar a magnífica colección Tambo de poesía, sen mediar, tampouco, explicación ningunha. Podemos continuar sendo optimistas? A cultura e a lingua galega teñen que ser sempre os eidos sacrificados polo actual PPdeG? Este é o galeguismo “cordial“, “amable”, ” inclusivo” (xa non son capaz de seguir tantos adxectivos pretendidamente acolledores) do partido de Rafael Louzán e Alberto Núñez Feijóo?
Actualización (03-06-2009): a noticia tivo repercusión nalgúns medios, eis os espazos que hoxe lle dedican Galicia hoxe e Xornal de Galicia.
Outro esvarón de Feijóo
/en Educación, Goberno Feijoo, Lingua, Política/por bretemasNo seguimento desa tarefa imparable de demolición da nosa lingua, emprendida polo Goberno de Feijóo, temos que ocuparnos hoxe do anuncio realizado polo presidente sobre o carácter vinculante da consulta que sobre a lingua materna de cada neno pretende organizar “proximamente” nos centros escolares. Chámannos a atención dúas cuestións sobre estas declaracións: primeira, que fosen realizadas en Barcelona, sen dúbida coa intención de acadar maior repercusión na prensa e no contexto da actual campaña das europeas (Génova apreta); e, segundo, o disparate no que incorre Feijóo cando afirma que «quen decide sobre a educación dos nenos son os pais e non o Goberno». Dous séculos de educación pública dilapidados nun plis plas polo noso presidente, que non debe ter moito tempo para deterse a estudar os matices introducidos nos temas educativos e lingüísticos polos seus asesores e membros do seu goberno. Feijóo volveu atrapallarse? Confundiu allos con bugallos? Está moi presionado por Génova ou FAES?
O noso presidente debería coñecer que nas políticas de inmersión lingüística é moi importante contar co apoio das familias (ben o saben, dende hai décadas, as políticas da Generalitat); como non pode obviar (para iso mesmo está algunha sentenza do Tribunal Constitucional) que a competencia do establecemento do currículum (do qué, do cándo e do cómo se ensina no sistema educativo obligatorio) corresponde ás Administracións Educativas, nin a doutrina xurídica do Constitucional que deixa claro que os pais non teñen dereito a elexir a lingua de escolarización.
Os responsables técnicos da Consellaría de Educación deberían decontado aclarar o sentido das erradas palabras de Feijóo. Simplemente por respecto aos corenta mil profesores e profesoras galegos que hoxe se sentiron desautorizados por estas imprudentes declaracións. Un desprezo ao papel do profesorado (e aos seus dereitos) que non é a primeira vez no que incorre Feijóo. Alguén no PPdeG debería ter a afouteza de poñer couto a este delirio e introducir as mínimas doses de racionalidade neste debate educativo e lingüístico.
Señor presidente: as finalidades da educación sinálaas a sociedade por medio dos seus representantes lexitimamente escollidos; o establecemento das ensinanzas mínimas corresponde á Xunta de Galicia, previo informe do Consello Escolar de Galicia; os currículos de cada centro son competencia do claustro do profesorado, un órgano técnico que as recolle nun documento público (o proxecto currícular de centro); a programación que se desenvolve en cada aula é competencia de cada profesor ou profesora… As familias teñen o seu necesario e lexítimo espazo de participación por medio das eleccións do Consello Escolar do Centro e polas súas asociacións de pais e nais. En definitiva, no noso desenvolvemento constitucional e autonómico no eido educativo non aparece por ningures o que vostede defende. Quen o asesora? Onde quere levarnos?
Trasacordo
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Goberno Feijoo, Política, Vigo/por bretemas
No artigo da semana abordo a utilización da institución galega do «trasacordo» por parte do Goberno de Núñez Feijóo durante o seu primeiro mes, con especial atención ao caso da frustrada Delegación da Xunta de Galicia en Vigo.
Roto o consenso sobre o PXNL
/en Goberno Feijoo, Lingua, Política/por bretemas
A que semella imparable deriva do actual Goberno Galego lévao a rachar o consenso acadado en 2004, entre as forzas sociais e as tres forzas parlamentarias, arredor do PXNL. Facendo caso omiso das recomendacións do recente documento da Academia Galega (que reclamaba como un dos principios básicos da súa proposta de acordo social integrador: “a reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística”, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004), o presidente Feijóo e o seu desafiante conselleiro de Educación dan outro paso atrás que nos sitúa outra volta diante do precipio. Os globos sonda lanzados esta semana polo conselleiro, visualizando así (e para que non haxa dúbidas ningunhas) quen manda na política lingüística popular, tanto o referido á posibilidade de segregar ao alumnado por lingua vehicular, a posta en marcha dunha consulta inmediata ás familias, como o desvencellamento do establecido no PXNL, a pesar da súa dubidosa validez xurídica, agoiran que así non vai ser posible restaurar o consenso. Tres medidas moi regresivas, ás que se engade a intención da Dirección Xeral da Función Pública de implantar outra medida regresiva, esta vez na función pública, retirando o exame de galego das oposicións dos funcionarios. Todo despois da manifestación da Mesa e na primeira semana de traballo do novo Secretario Xeral de Política Lingüística.
Que consenso, ou que pacto lingüístico (esa é a denominación empregada polo novo secretario Xeral de Política Lingüística), pretenden propoñer os responsables do Goberno Galego? Canto tempo tardarán en poñer en solfa os contidos da Lei de Normalización de 1983 (que esta semana Gloria Lago solicita con toda claridade que sexa derrogada)? É lexítimo pedir un novo consenso, ao tempo que se van desmontando os que tanto esforzo custou acadar? En apenas unha semana esquecéronse as boas intencións do nomeamento de Anxo Lorenzo?
Fermín Bouza (beizóns por esa serie de anotacións extraordinarias no seu blog) volve atinar cando propón unha estratexia total para a recuperación do consenso idiomático, onde xunto ao necesario traballo político tome protagonismo a militancia cívica, organizada en redes sociais. Un vieiro imprescindible que cómpre artellar decontado.
Un paso adiante, outro atrás
/en 17_de_maio, Goberno Feijoo, Lingua, Política/por bretemas
Tras o regreso esperanzado de Compostela da tarde de onte, hoxe volvemos a realidade e comprobamos que a saída ao conflito da derrogación do decreto de fomento do galego vai ser moi difícil. Tras a moi coidada «Operación Láncara» (na que se fían na mesma secuencia o manifesto da RAG, o nomeamento de Lorenzo e os actos de homenaxe a Piñeiro da RAG e do Goberno Galego), as primeiras declaracións do conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística volven a intraquilizarnos moito. A verdade que nos deixan como estabamos antes do nomeamento de Lorenzo. Cos termos e argumentos que utiliza o conselleiro de Educación é imposible, hoxe por hoxe, recuperar o consenso alicerzado sobre o Plan Xeral de Normalización de 2004. Cantos pasos adiante, cantos atrás?
No entanto, dos importantes acontecementos da fin de semana podemos adiantar tres tendencias para sacarlles punta no debate:
– A importante manifestación (tanto polo número de persoas que convocou, como pola súa pluralidade) amosou que aínda existe un músculo cívico potente no país. Unha nova excelente, que impregna o comezo de lexislatura de forma esperanzadora.
– Non volveremos a reiterar que a lingua é un patrimonio de todos, sen excepción de clase ningunha; razón pola que a ausencia dos socialistas na manifestación de Compostela foi unha torpeza maiúscula. Como, tamén o é, a defensa “nominal” que do decreto de fomento do galego fai Mar Barcón empregando o castelán. Se con este xesto os socialistas pretenden visualizar o seu afastamento dos nacionalistas, amosan unha inxenuidade delirante.
– Porén, a posibilidade dun pacto encuberto entre o PPdeG e PSdeG sobre a reforma do decreto, que deixe fóra aos nacionalistas, é unha hipótese que cada vez semella máis verosímil. Eis está ese novo consenso do que se comeza a falar?
O nomeamento de Anxo Lorenzo
/en Goberno Feijoo, Lingua, Política/por bretemas
Fago miña a lúcida anotación de Fran Alonso. O nomeamento dunha persoa como Lorenzo,leal defensor do idioma de noso, debe ser entendida como o primeiro froito da mobilización da sociedade civil que conseguiu (polo momento) coutar o paso ás presións galegófobas. A decepción expresada por Galicia Bilingüe é unha mostra do acertado deste nomeamento. Polo ben do futuro idioma, agardamos os maiores éxitos de Lorenzo (aquí as súas primeiras declaracións)no seu dificilísimo traballo. O domingo, e a pesar das moi desafortunadas declaracións dos responsables da Mesa, estaremos en Compostela reafirmando o futuro da lingua de todos. Nestes momentos de enorme incerteza é imprescindible continuar con esta resposta cidadá.
Vertebrar Galicia
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Goberno Feijoo, Política/por bretemas
No artigo da semana volvo sobre a necesidade de abordar a organización territorial como requisito para poder modernizar as administracións locais e crear as áreas metropolitanas. Sen solucionar ese debate estratéxico para a construción da nación, témome que nos fartaremos de participar en enleadas localistas. Contaremos con esa estratexia de país?
Comezo do Vigo metropolitano
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Goberno Feijoo, Política, Vigo/por bretemas
No artigo da semana valoro como positiva a noticia da creación da delegación da Xunta de Galicia en Vigo, ao tempo que reitero a necesidade dun acordo nacional arredor da organización do territorio. Rachar por vez primeira na nosa historia contemporánea a estrutura provincial da administración constitúe un feito moi significativo.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
A batalla invisible18 de Marzo de 2026 - 7:45 a.m.
Fernando Franco17 de Marzo de 2026 - 7:36 a.m.
O noso principiño14 de Marzo de 2026 - 6:35 a.m.
Non a guerra, pola paz e a democracia13 de Marzo de 2026 - 5:12 a.m.
Like a prayer9 de Marzo de 2026 - 6:32 a.m.








