Onte 1625: Transición horaria

A mudanza ao horario de verán, que sufrimos onte, reabriu o debate sobre a posibilidade de adopción da «hora galega», que non é outra ca do meridiano de Greenwich (GMT). Unha proposta que hai dez anos foi aprobada na XIIª Asemblea Nacional da BNG e que hai uns meses foi incluída polo PSOE e Ciudadanos no marco do seu acordo programático de goberno. Quen o diría para unha proposta ridiculizada entón por José Blanco. Tras 75 anos de imposición da hora central europea (UTC/GMT+1), en realidade «hora alemá», outra das medidas da ditadura aínda non modificadas, semella sensato asumir a reintegración ao fuso horario xeográfico da península. Unha medida, ademais, avalada polo informe sobre racionalización horaria e polas propostas de conciliación efectiva da vida laboral e familiar. Na cuestión horaria tamén se precisa unha transición efectiva.

Onte 1620: A barbarie de Bruxelas a Idomenei

Screen-Shot-2016-03-11-at-12.18.21-PM

Europa volveu enfrontarse onte cun espello tan húmido que xa non é quen de identificar a súa imaxe como territorio de dereitos e seguridade. Tras a barbarie dos atentados yihadistas de Bruxelas, que reactivan o medo na cerna das propias institucións europeas, non é doado artellar, nin sequera para a esquerda anticapitalista europea, outros discursos que non sexan os do apoio ás vítimas e ás suás familias e o chamamento á coordinación das forzas de seguridade dos estados na súa loita contra o terrorismo de Daesh. Como tampouco pode recoñecerse aquel soño europeo tras o espello de Idomenei, terra de ninguén onde quedaron atrapadas máis de vinte mil persoas. Traxedia humanitaria que onte coñecimos de primeira man pola testemuña do afouto xornalista Delmi Álvarez, que fotografou hai apenas dez días e recolleu nunha reportaxe impresionante que animo a compartir. Tras a indignación provocada polas imaxes de Bruxelas e de Idomenei identifícase o fracaso do proxecto ultraliberal que hai trece anos decidiu no cumio dos Azores a invasión do Iraq, comezando unha guerra que continúa aberta e da que o sucedido onte en Bruxelas e a crise dos máis de catro millóns de transmigrantes sirios, iraquianos e afganos son apenas dúas dolorosas consecuencias.

Onte 1618: «Borgen»

Borgen_Serie_de_TV-356020276-largeSomos dos moitos que caímos nos enredos de Borgen, a serie dinamarquesa de culto que relata os problemas políticos e familiares dunha primeira ministra. Borgen é moi diferente a House of cards, onde aparece esa reviravolta maligna do poder, quizais porque a serie da televisión pública dinamarquesa pretende só desvelar de forma realista as interioridades do seu exercicio, dende as traizóns e amaños da clase política e dos medios de comunicación a ela asociados, até as fraquezas e emocións dos seus protagonistas. Xaora, nos primeiros capítulos, que relatan o proceso de formación dun goberno de coalición, presidido pola líder do partido centrista, que non pertence a ningunha das dúas forzas maioritarias, é doado facer analoxía co que está sucedendo en España. Borgen amosa que a política dinamarquesa non é moi distinta á nosa, xa que ambas comparten a materia prima, que non é outra que o exercicio do poder. De aí a vixencia de Maquiavelo. Recomendo Borgen.

Onte 1614: Que pretendeu Beiras?

beiras1h

O de Beiras onte no Hórreo foi unha teatralización premeditada ou apenas unha actitude irreflexiva, emocional, froito dunha arroutada? Unha pregunta que non semella doado contestar, xa que o veterano portavoz de AGE conseguiu que a súa proposta académica de que a Xunta de Galicia mercase a empresa do Cunqueiro, que non o Hospital, adquirise unha relevancia que sen este barullo non tería nin de lonxe. Como tamén é posible que esteamos diante dunha estudada manobra de distracción que sobreexpón o foco sobre as andrómenas de Beiras e o afasta de forma sutil da difícil crise de AGE e Podemos en Galicia ou do tenue papel que até agora desenvolveu En Marea no Congreso. Con todo, a maior dúbida que teño é se con esta actuación Beiras quixo relanzar a súa candidatura á presidencia da Xunta ou quixo borrarse da lista de candidatos. Non son quen de facer sequera un prognóstico sobre esta candidatura.

Idomenei

No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono sobre a crise humanitaria que milleiros de refuxiados sirios sofren en Idomenei.

idomeneiO campo de refuxiados de Idomenei, na fronteira greco-macedonia, onde máis de 15.000 persoas agardan a apertura da rota dos Balcáns, que lles permita chegar a Alemaña, “é un campo de concentración, transformado na zona cero da humanidade, alí onde Europa asinou a súa acta de defunción”. Así o denunciou Iván Prado, voceiro internacional de Pallasos en Rebeldía, ao seu regreso do campo grego, onde actuou xunto a outros tres compañeiros, levando por unhas horas as súas risas e malabares a nenos e maiores que en condicións infrahumanas sobreviven nunha lameira, baixo un auténtico dioivo, sen comida, sen condicións hixiénicas e sen servizos médicos suficientes. Unha auténtica emerxencia humanitaria, como a que se vive na illa de Lesbos ou no campamento da xungla de Calais, ás portas do Reino Unido, que sofren desconcertados milleiros de refuxiados que fuxiron das guerras de Siria, Iraq, Afganistán ou Eritrea.

Ademais de levarlles a súa ledicia e entusiasmo contaxioso como pontes entre xentes e pobos, “ofrecendo a súa estupidez para que a xente lembre a beleza do fracaso”, os activistas galegos de Pallasos en Rebeldía espíronse diante do valado, que separa Grecia de Macedonia, para “erguer unha bandeira de liberdade e esperanza” e denunciar as políticas migratorias da Unión Europea. Unha protesta viralizada nas redes sociais que coincidiu co acordo dos responsables da Unión Europea con Turquía para expulsar a ese país a todos os estranxeiros, incluídos os refuxiados sirios, que chegan ás costas gregas. Un acordo, que debe ser refrendado no Consello Europeo desta semana, considerado ilegal e inxusto pola inmensa maioría das forzas políticas do Congreso dos Deputados, coa excepción do Partido Popular. Un acordo denunciado tamén por ACNUR, a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados, que entende bota por terra tanto a lexislación internacional e europea sobre os dereitos de asilo e refuxio como os valores da Unión Europea recollidos na súa carta de Dereitos Fundamentais.

Xaora, non esquezamos que no mundo viven hoxe 60 millóns de persoas desprazadas de forma forzosa debido a conflitos armados, á represión política, a desastres naturais ou a violacións masivas dos dereitos humanos. Situacións para as que o dereito internacional, ao longo do século XX, creou as figuras da condición de asilado e refuxiado coa intención de dotar a estas persoas de seguridade e protección. Situación que sofren, sen dúbida, os máis de catro millóns de sirios que abandonaron o seu país desque comezou en 2011 a súa guerra civil, a inmensa maioría deles refuxiados en Líbano, Xordania e Turquía. Mais, apenas dúas de cada dez destas persoas refuxiadas pretende chegar á Unión Europea procurando o seu amparo, angueira na que, segundo estimacións de ACNUR, perderon a vida no Mediterráneo cerca de catro mil persoas cada ano. Un desprazamento sometido ao control das mafias turcas que poden chegar a cobrar até catro mil euros a cada unha das persoas transportadas en embarcacións moi precarias que chegan ás costas das illas europeas do Exeo.

Para frear esta traxedia humanitaria que non cesa os vinte e oito gobernos da Unión Europa non atoparon mellor solución que a de contratar a Turquía como estado vixía e ponte, ao que devolver automaticamente ás persoas chegadas ás costas gregas, sen diferenciar entre refuxiados e inmigrantes irregulares. A cambio deste papel de gardián, todos os estados da UE asumen o compromiso de traer dende Turquía un número de refuxiados sirios equivalente ao de persoas expulsadas dende Grecia, ofrecéndolle como compensación ao goberno de Ankara o aumento dos fondos para atender aos refuxiados e outras vantaxes políticas como eximir aos seus cidadáns de visado para viaxar a Europa e acelerar o seu proceso de integración na Unión. Con este modelo do un por un, rexeitado por Amnistía Internacional e outras organizacións de dereitos humanos, a Unión Europea pecha as súas fronteiras a cal e canto aos solicitantes de asilo e expresa de forma inequívoca unha mensaxe de inamizade, rematando así cunha tradición de acollida que impregnou á Unión dende a creación das súas primeiras institucións.

Son numerosas e moi diversas as voces en Europa que consideran que este pacto do un por un conculca a Convención de Xenebra de 1951, que estableceu o estatus do refuxiado, así como á propia Carta dos Dereitos Fundamentais da UE que no seu artigo 19 estipula que as expulsións colectivas están prohibidas no interior da UE. Sexa como for, a abordaxe desta crise humanitaria será outra oportunidade perdida polos gobernos da Unión para recuperar a dignidade e os valores que forxaron o soño europeo. Mentres, no campo de Idomenei milleiros de refuxiados continúan abandonados, agardando por alguén que lles devolva o sorriso.

Onte 1606: 11.000 diarios

Museo_GaiasLa Voz de Galicia lembraba onte que a Cidade da Cultura gasta cada día 11.000 euros en gastos comúns (1.335 € en limpeza, 4.263 € en electricidade, 1.951 € en mantemento, 1.956 € en seguridade, entre as principais partidas). Catro millóns de euros é a cantidade que a Xunta destina cada ano á apertura do Gaiás. E, ollo!, que non contabilizamos nin o custe das exposicións nin das súas actividades. Se comparamos estes catro millóns de euros cos 300.000 que a Consellaría de Cultura dispuxo como partida da compra de novidades editoriais en galego destinadas ás bibliotecas públicas, correspondentes ao ano 2015 e 2016, podemos comprender a envergadura da catástrofe que supón manter aberto o capricho ideado para maior gloria de Manuel Fraga. Un disparate que hipotecou o desenvolvemento da nosa cultura.

Oito de marzo ou a loita pola igualdade

No 20100302014512-8marzo2 artigo da semana en Faro de Vigo abordo a efeméride do 8 de marzo:

Dende a proclamación en 1910 do 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora, a instancias de Clara Zetkin, que propuxo na reunión da Internacional Socialista de Copenhagen lembrar ás obreiras téxtiles que en 1857 saíron a rúa en Nova York para reclamar melloras nas súas condicións de traballo, esta efeméride serviu de referente na loita pola igualdade impulsada polos movementos feministas. Transcorrido máis dun século, conquistados polos feminismos algúns dereitos das mulleres en moitos países (voto, acceso á educación e ao traballo, sexualidade…), recoñecidos dende 1945 pola ONU na Carta das Nacións Unidas e materializados cincuenta anos despois na Plataforma de Beijing, o 8 de marzo continúa sendo unha data de loita a prol da igualdade real entre homes e mulleres e de avaliación dos retos, estratexias e avances no proceso de empoderamento da muller en todo o planeta.

Neste 2016, a ONU acordou como lema do 8 de marzo, “Por un Planeta 50-50 en 2030”, coa intención de que a consecución da paridade de xénero en todos os ámbitos da vida centrase a estratexia das políticas de igualdade na vindeira década. Unha proposta estratéxica internacional, bautizada como “Demos o paso pola igualdade de xénero”, que pretende pechar a fenda de xénero existente (dunha ou doutra maneira) en todas as sociedades, impulsar o empoderamento das mulleres nos máis altos niveis de toma de decisións, eliminar a disparidade de xénero nos eidos educativos e laborais, fomentar a igualdade na vida cívica e social, así como contribuír a mudar os roles e estereotipos de xénero. Unha estratexia paritaria global que reclama a todos os gobernos que asuman compromisos para abordar as dificultades que impiden as mulleres progresar, ao tempo que se responsabilicen de que as políticas de igualdade sexan, e continúen sendo, unha das súas prioridades.

Unha fenda de xénero e desigualdade presente na sociedade galega baixo a forma máis brutal da violencia machista, ese terrorismo doméstico de aparente baixa intensidade, un auténtico feminicidio xerado nos espazos do privado, cuxo número de asasinatos se incrementou de forma alarmante no noso país durante os dous últimos anos. Mais tamén expresada por outras formas visibles e explícitas do machismo (como as agresións, violacións ou abusos sexuais) e outras que semellan invisibles ou máis sutiles, dende os denominados “micromachismos” (tan en voga entre os adolescentes e o modelo do amor romántico e controlador), até as chantaxes emocionais que levan a anulación da muller, desde a linguaxe e publicidade sexista até a humillación e desvalorización que estes milhomes de tres patacos intentan provocan nas súas compañeiras. Violencias machistas, onde está a orixe de moitos asasinatos e agresións, sobre os que a sociedade debería adoptar tolerancia cero.

Mais esta fenda de xénero continúa sendo tamén unha fenda laboral e salarial. Os datos do estudo sobre o emprego feminino, elaborado polo sindicato de CC.OO. sobre estatísticas oficiais de 2012 a 2015, amosan as claras que a desigualdade, o desemprego e a precariedade caracterizan o traballo das mulleres en Galicia durante ese período. A taxa de actividade das mulleres (48,9%) é inferior ao dos homes (58,2%), fenda de case dez puntos que se mantén en todos os tramos de idade, mesmo entre os 16 e 24 anos, onde a das rapazas é de 29,3% e a dos rapaces é do 31,7%, o que quere dicir que traballan sempre máis homes ca mulleres puidesen facelo. Xaora, as mulleres desempeñan o 76,0% dos empregos a tempo parcial (xeralmente para dedicarse ao coidado de menores ou persoas adultas dependentes), sendo a súa taxa de temporalidade do 28,4%, fronte a do 25,6%, como tamén é superior (en 2015) a taxa de desemprego, 18,6% fronte ao 17,0% dos homes.

Xaora, os datos que máis chaman a atención no estudo son os que expresan a desigualdade nos postos de alta cualificación nas empresas, onde hai un 21,0% de ocupación feminina e un 13,0% masculina, mentres que nos de dirección e xerencia supoñen o 2,4% das ocupadas e o 4,9% dos ocupados. En definitiva, hai máis mulleres cualificadas, pero máis homes directivos. Con todo, onde se manifesta aínda máis claramente esta desigualdade laboral en Galicia é que continúa sen pecharse a fenda salarial no sector privado, xa que o salario das mulleres é o 78,06% do dos homes. En definitiva, existe unha importante fenda laboral e salarial en Galicia que precariza a vida das traballadoras con salarios máis baixos, penaliza as súas posibilidades de promoción laboral e do acceso á maternidade. A consecución da paridade en todos os ámbitos da vida social, laboral e política e a erradicación das violencias machistas constitúen, pois, os eixos da loita pola igualdade que neste oito de marzo convoca a homes e mulleres.

Onte 1605: Cruzada contra a Normalización

A crónica de David Lombao, publicada onte en Praza, amosa as razóns da cruzada que contra as leis que protexen a lingua galega desenvolven os sectores galegófobos. O seu obxectivo non é outro que dinamitar o concepto de normalización lingüística e arruinar as políticas públicas de acción positiva a prol das linguas minorizadas que dende a Reforma Política impregnaron, no caso galego, o Estatuto de Autonomía e as leis que o desenvolveron, arredor das que se foi forxando unha posición orixinal, un amplo consenso político e social.

Tras a sentenza do TSXG cuestionando os principios da Ordenanza do uso do galego no concello de Lugo e a do Tribunal Supremo rexeitando o recurso da RAG sobre o Decreto de Plurilingüismo, o movemento galeguista debe dirixir a súa acción xurídica cara o Tribunal de Estrasburgo na defensa dos dereitos individuais dos galegofalantes. Con todo, a ruptura do consenso arredor das políticas de normalización e o dano causado á lingua galega e ao seu futuro por estes sectores galegófobos, apoiados por dirixentes do Partido Popular e de Ciudadanos, é xa irreversible.

Onte 1600: Campanades a morts

Encollinme cando escoitei na radio que se cumprían corenta anos da matanza de Vitoria, cando ás portas da igrexa de San Francisco a policía abriu fogo automático sobre centos de obreiros cando eran desaloxados dunha asamblea en solidariedade cos folguistas de Forjas Alavesas. Cinco mortos e medio cento de feridos de bala foi un resultado daquel 3 de marzo, que nos conmocionou cando eramos estudantes, como os asasinatos dos laboralistas de Atocha ou os de Montejurra, que tinguiron de sangue a Reforma Política, un período de esperanza, no que semellaba todo aberto, mais tamén brutal, onde perderon a vida de forma violenta máis de 600 persoas. Os asasinados en Vitoria foron homenaxeados por Lluis Llach en Campanades a morts, nunha peza memorable que continúa emocionándonos.

O futuro das deputacións

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre as deputacións provinciais ao fío da proposta da súa supresión.

deputación_pontevedraO pacto de investidura entre o PSOE e Ciudadanos, que entre os cinco puntos da súa proposta de reforma constitucional exprés incluíu a supresión das deputacións provinciais de réxime común e a creación de Consellos Provinciais de Alcaldías, reabriu o debate sobre o futuro das deputacións. Alizerzada na historia, dende o seu recoñecemento na Constitución de 1812 e na división territorial de Javier de Burgos, que creou en 1833 a estrutura centralizada do estado borbónico, dividido en 15 rexións e 49 provincias, esta organización política provincial foi recoñecida na Constitución da República de 1931, manténdose no substancial na vixente de 1978, introducíndose, dende entón, algunhas modificacións nominais e axustes territoriais.

A pesar das profundas mudanzas políticas, económicas e sociais e mesmo das convulsións históricas destes dous séculos, as provincias continuaron sendo as entidades locais básicas da organización territorial, administrativa e política do estado español, funcionando como circunscricións electorais e unidades territoriais nas Comunidades Autónomas. Un modelo provincial gobernado e administrado de forma autónoma por cada unha das deputacións provinciais, entidades que ademais colaboraban cos concellos na prestación dalgúns servizos.

Dende 1983, cando se constituíron como comunidades autónomas as provincias de Madrid, A Rioxa, Murcia e Navarra, existen 38 deputacións provinciais de réxime xeral que contan coas competencias outorgadas pola Lei de Bases de Réxime Local 7/1985: a coordinación e, en determinados casos, a prestación unificada de servizos dos concellos do seu territorio (dende o tratamento de residuos nos concellos de menos de 5.000 habitantes, á prevención e extinción de incendios ou a prestación de servizos de administración electrónica naqueles de menos de 20.000 habitantes); a cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social; a planificación do territorio e a cooperación nas obras e servizos de competencia municipal para o que artellan os seus plans provinciais anuais; así como o fomento e a administración dos intereses particulares da provincia.

Se descendemos ao concreto, comprobamos que no caso da Deputación Provincial de Pontevedra, unha institución que xestiona en 2016 un orzamento de 151 millóns de euros (dos que case dez corresponden a investimentos reais), estas competencias supoñen o desenvolvemento de programas en terreos tan diversos como o emprego, os servizos sociais, os programas de igualdade, as infraestruturas básicas (camiños e estradas), os servizos agrarios (Laboratorio de Mouriscade, Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Centro de Investigación Forestal de Lourizán), o medio ambiente, o turismo (Turismo Rías Baixas, Aeroporto de Peinador), a cultura (Museo de Pontevedra, Imprenta Provincial, Arquivo), a lingua (Servizo de Publicacións), o deporte (Estadio de Balaídos), o patrimonio (Castelo de Soutomaior), a educación (Escola de Canteiros), a infancia (Centro Príncipe Filipe), as novas tecnoloxías entre outras. Institucións e servizos provinciais, cuxa prestación semella necesaria, que no caso de que se producise a supresión das deputacións provinciais serían transferidos (xunto coas súas competencias) nuns casos á Xunta de Galicia e noutros á Área Metropolitana de Vigo, que se configura como o órgano supramunicipal de referencia para 24 concellos.

Estimado por Albert Rivera como un aforro entre os catro e cinco mil millóns de euros, o que é verosímil cos 8.000 millóns de euros que estas entidades manexaron o ano pasado, dos que preto de 500 millóns corresponderon o das deputacións galegas, non é o financeiro o único criterio que xustifica a desaparición das deputacións. Reducido de forma moi significativa o importe da súa débeda, o problema das deputacións de réxime xeral non é nin o custe nin a eficiencia dos servizos que ofrecen aos concellos. O seu é, sobre todo, un problema político relacionado coa superación do modelo clientelista, caciquil e familiar co que foron xestionadas durante décadas, tanto na ditadura como dende a aprobación da Constitución, acuñando un xeito partidista de facer política provincial, fenómeno que por desgraza aínda pervive en Galicia.

As deputacións provinciais, como a propia organización provincial, terían moi difícil encaixe nun novo mapa administrativo e político que rediseñase tanto o obsoleto mapa municipal actual (agrupando concellos) como recoñecese a realidade das áreas metropolitanas, rexións urbanas e comarcas rurais e transferise a estas novas entidades supralocais as competencias e recursos que lles corresponde. O futuro das deputacións esta neste debate sobre a reorganización do territorio.