«Lois Pereiro 2011»

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o que entendo son os retos do vindeiro 17-M: acadar unha nova fronteira para a efeméride, incorporando novos públicos e soportes, e facer de Lois Pereiro un autor popular.

Lois Pereiro 2011

A designación por parte da Academia do poeta de orixe monfortina Lois Pereiro (LP) como escritor homenaxeado no vindeiro día/ano das Letras Galegas (17-M) foi todo un acerto. A pesar da lexítima discrepancia dalgunhas voces (poucas) e do moi desputada que foi a toma de decisión (tras numerosas votacións), a elección deste poeta maldito, punk e postmoderno provocou unha descoñecida onda de entusiasmo no mundo literario galego e xerou decontado unha inagardada expectativa de renovación para o futuro dunha efeméride en evidente retroceso de interese popular que, dende hai anos, arrastra esas terribles doenzas do esmorecemento provocadas pola rotina e pola minorización elitista.

Con esta designación non servirá o dilema habitual tan utilizado nestas efemérides: “que pode facer o 17-M por LP?” ou “que pode facer LP polo 17-M?” Para ben ou mal, en 2011 o futuro quedou vencellado entre autor e efeméride. Ese “talento inmenso e cósmico” de LP, salientado estes días por Fermín Bouza nun artigo memorable, constituirá unha oportunidade excelente para atopar novos públicos, novos soportes, novas expresións e novas iniciativas para celebrar unha efeméride, como a do 17-M, até agora centrada na necesaria e imprescindible ritualización académica e na abordaxe didáctica nos centros educativos da figura homenaxeada. Mais tamén, será unha ocasión única para que, por fin, se lea e popularice a LP, este poeta da furia, que posuía coiraza de aceiro e utilizaba verbas curativas de mel, cuxa presenza, en palabras de Manuel Rivas, “tiña o efecto dunha bomba silenciosa, envolta en flores, lanzada ao patio de butacas da ópera do mundo”. Con esta designación, a institución presidida por Méndez Ferrín enxerga outra derrota (unha necesidade moi reiterada polos sectores culturais máis inquedos), ao tempo que pretende converter ao que foi, até agora, un “poeta de culto” nun “autor popular”. Dous retos ilusionantes, perfectamente acadables, aos que estamos convidados a corresponsabilizarnos da súa procura os editores, o profesorado, as bibliotecas públicas, as asociacións culturais e cívicas e (non o esquezamos) as administracións públicas.

“Andou polas beiras salvaxes da vida”, escribiu o seu leal compañeiro Manuel Rivas, con quen Lois, o seu irmán Xosé Manuel, e o pintor Antón Patiño, forxaran en Madrid, a súa primeira trabe de futuro: o colectivo poético artístico “Loia”, que chegou editar de 1975 a 1978 catro números fotocopiados da revista homónima, na que publicou o seus primeiros poemas, recollidos en “Poemas para unha Loia” (1996), volume póstumo no que se incluíu o seu ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”. Ao longo de só trinta e oito anos, Lois Pereiro percorreu, utilizando unha estética punk, o camiño tráxico que o levou da tristeza violenta da mocidade, –ao abeiro de José Angel Valente, referente fundamental nos seus primeiros pasos– á aniquilación nostálxica que o acompañou dende que en 1981 foi vítima da doenza da colza. Foi a súa unha loita implacable “contra a morte” (ese é, tamén, o título dun longo documental biográfico que sobre el ultiman Iago Martínez e Álex Cancelo), que marcou tanto a súa vida como o seu esforzo creativo, expresado en revistas como “La Naval”, “Trilateral”, “Das Capital” e, sobre todo “Luzes de Galiza”, nas letras das cancións que preparou para Radio Océano ou nos seus dous poemarios, publicados ambos os dous por Francisco Macías: “Poemas 1981/1991” (1992) e “Poesía última de amor e enfermidade. 1992-1995” (1995).

Lois Pereiro quixo que a súa literatura estivese feita cos vimbios da tenrura mais non asumiu moitas cortesías para que os seus poemas de aceiro funcionasen como “un bisturí que diseccionase a vida”, imaxe a que acoden para definilo os seus compañeiros do grupo poético “Do amor e desamor” (Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Rivas, Lino Braxe, Xulio Valcárcel…), ao que se incorporou en 1984, cando chegou á Coruña, cidade na que “xaspeaban as nubes” e onde viviu dende entón.

Volver aos seus textos ou descubrilos é a primeira oportunidade que nos ofrece este vindeiro 17 de maio. Estamos diante dun poeta oceánico, dunha economía expresiva rotunda, capaz de enfeitizar e curar con cada un dos seus poemas: “Que a vida non me sorprenda xamais / desprevenido calado e neutral / e que un segundo antes de renderme / vaia tamén comigo a imaxe do que fun cando era outro”, comezaba o seu poema “Alerta e vixiante”, escrito un ano antes do seu falecemento, o 24 de maio de 1996, o mesmo día no que foi anunciada a famosa sentenza da colza, a doenza que o ferira de morte quince anos antes. Outra ironía da nosa recente historia da infamia. Saudamos con esperanza este Lois Pereiro 2011.

Dende a pasasa semana pode seguirse o twitter de Lois Pereiro, onde aparecen diariamente textos e noticias sobre o autor de orixe monfortina. En Twitter existe, tamén, a marca #pereiro utilizada xa por máis dun cento de referencias.

«Lois Pereiro: Contra a morte» de Iago Martínez e Álex Cancelo


Adiantos do documental Lois Pereiro: Contra Morte que Iago Martínez e Álex Cancelo ultiman sobre a figura que será homenaxeada o 17 de maio de 2011.

Lois Pereiro e a Academia Galega

A designación de Lois Pereiro como escritor homenaxeado no 17 de maio de 2011 volve demostrar o liderado da actual Academia Galega no proceso constante de actualización do pensamento e da creación galeguista. Non podo agachar que moito me emocionei cando onte lin na pantalla de twitter do meu teléfono a nova que adiantaba Iago Martínez (atinadísimo o seu artigo de hoxe). Esta designación de Lois Pereiro, como o ditame sobre o borrador do «Decreto de Plurilingüismo», énchenos de fachenda de pertencer a un país que conta cunha corporación cultural independente con semellante afouteza e intelixencia prospectiva. A Academia Galega convidounos a redescubrir a un dos poetas claves da xeración dos oitenta, que Iago Martínez e Álex Cancelo retrataron en Contra a morte, un documental que este ano resultará clave para coñecer a súa traxectoria vital e artística. A designación de Lois Pereiro desfai toda clase de prexuízos sobre a institución de Tabernas e convida á sociedade civil a corresponsabilizarse sobre o éxito da homenaxe. Agora, somos os editores, os estudosos do feito literario, o profesorado, o tecido do asociacionismo cultural os que temos a obriga de achegar á sociedade unha resposta acorde co espírito de permanente renovación do poeta apupado pola Academia. Nunha xornada de entusiasmo coma a de hoxe, as nosas beizóns todas son para Josito e a súa familia toda, e para Manuel Rivas e os restos dos membros da Academia por tan importante designación, que non vai en menoscabo de ningunha outra das candidaturas participantes nas votacións.

«Makinaria» de Carlos Negro, unha extraordinaria guía de lectura

Recomendamos moi vivamente esta extraordinaria guía de lectura en formato web de Makinaria, o poemario de Carlos Negro publicado en Fóra de Xogo. A guía preséntase como un recurso dixital interactivo e multimedia, dirixido a cada un dos lectores do poemario.

Como sinalan no blog Trafegando ronseis esta proposta foi elaborada en formato LIM e presenta dúas versións diferenciadas segundo o nivel de lectura e o tempo do que se teña para traballar o libro:

–Gozar da paisaxe (versión completa de 40 actividades)

Ir polo atallo (versión reducida de 30 actividades)

Cremos que estamos diante dun recurso didáctico e de animación lectora e poética extraordinario. Expresamos o noso maior agradecemento a Rosa Salgueiro.

Viva Novoneyra!

Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que lle rendemos onte no Club Faro de Vigo ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado. Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.

Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen defininiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel».Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»

Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles  unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»

«O poeta dos soños teimosos»

No artigo da semana de Faro de Vigo fago unha gabanza da figura de Uxío Novoneyra con motivo do acto de homenaxe que terá lugar hoxe no Club Faro de Vigo (Salón de actos do edificio do Concello de Vigo, rúa Areal) e da celebración da Semana das Letras Galegas na súa honra.

«Ramón Cabanillas 50»

No artigo da semana percorro as homenaxes que se lle tributan mañá, 9 de novembro, ao poeta Ramón Cabanillas con motivo do 50 cabodano do seu pasamento.

Celso Emilio Ferreiro, 30 aniversario

No artigo da semana homenaxeo a Celso Emilio Ferreiro con motivo do 30 aniversario do seu pasamento (31 de agosto de 1979).

Xornal de Galicia faise moi oportunamente eco da homenaxe que onte en Celanova a asociación Arraianos tributou ao poeta.