Onte 713: #Prazadoslibros

Pasei o domingo na #Prazadoslibros, o día grande do evento de promoción do libro e da lectura organizado polo concello de Carballo. Durante a mañán por cada libro mercado os lectores e lectoras recibían como agasallo cadanseu molete de pan de Carballo. Unha iniciativa magnífica de colaboración entre as panadarías de Carballo e as sete librarías participantes nunha feira do libro que comparte espazo coa feira de produtos de tempada ofrecidos polos produtores agrícolas da comarca de Bergantiños. Foi unha mañá intensa, na que Manuel Rivas asinou de forma paciente e minuciosa máis de medio cento de libros (a maioría d’ As voces baixas) ao longo de case tres horas. A tarde, foid e letras e música, coa presentación dos libros máis recentes de Xosé Neira Vilas e o concerto de Uxía e a súa «Rosalía pequeniño». Moita xente partincipando nunha iniciativa modélica na que os libros adquiren protagonismo no espazo público. Esta #Prazdoslibros xa é un referente no calendario galego do libro e da lectura, un modelo anovado do que a organización das Feiras do Libro de Galicia (que onte remataron en Monforte o seu periplo anual) deberían tomar boa nota. Os libros son en Carballo o pan da cultura. Beizóns ao concello que preside Evencio Ferreiro (a piques de contar cunha nova e magnífica biblioteca pública) e ao incansable Nel Vidal por tan magnífico traballo nesta #Prazadoslibros.

Onte 712: O paseíño de Ribadumia

Rajoy concedeulle ao Partido Popular de Galicia o protagonismo do paseíño de Ribadumia. Apenas oitocentos metros para ser acompañado no seu esforzo atlético por vinte dos mandos galegos máis escollidos, acompañados polo agarimo das cámaras e moi lonxe da incomodidade dos micrófonos. Un paseíño saudable, un xesto deportivo previo a un cumprido xantar galego (seguro que baixo unha carpa) de polbo e carne ao caldeiro cun cento de dirixentes coidadosamente convidados por Rueda e Louzán. Un limiar, tamen, da mobilización do vindeiro sábado en Soutomaior na que, por fin, o presidente anunciará a saída da crise económica.

Para os responsables do gabinete de comunicación de Rajoy a intención do paseíño de Ribadumia é expresar o acougo do presidente no seu retiro galaico, alleo ás mentiras de Bárcenas e de Pedro Jota e aos ruxerruxes e intrigas madrileñas do partido. Para os responsables do PPG, o paseíño é outra demostración  do peso e da influencia sobre o presidente da organización galega, capaz de arroupar a Mariano nos transos máis difíciles. Mágoa que estas intencionalidades mediáticas se fagan a costa da dignidade dos medios chamados para fotografar o paripé e a percorrer en diferido as pegadas dos zapatos (as zapatillas son para os paseos de seis quilómetros) de Rajoy. Con todo, ao paseíño de Ribadumia pode tirárselle máis miga do que parece.

Teño para min que tras o estraño empeño da presidencia do Goberno por parte de Rajoy vai ser moi difícil para o Partido Popular de Galicia volver upar a un dos seus dirixentes an Madrid. Nas fotos do paseíño percíbese que o fulgor de Feijóo decaeu un chisco. O noso presidente semella triste. Tan activo hai un par de anos nos medios madrileños, nesta lexislatura diminuíu notablemente a súa aura e xa non se presenta con aquelas ínfulas de renovación que acredita a condición de sucesor. Un decaemento ao que non foron alleos nin os efectos das fotos co narcotraficante Marcial Dorado nin a aparición das informacións sobre unha posible conexión galega do caso Bárcenas e de presunto financiamento ilegal do PPG, probablemente filtradas dende as proximidades de Genova.

Como tamén é significativo que na comitiva deportiva non apareza en posicións destacadas (mesmo non sabemos se participou no xantar) o responsable do partido (e da deputación) en Ourense. Un «detalle» que expresa xerarquía, mais que con certeza non se repetirá en Soutomaior. Como tamén é salientable a presenza protagonista de Carlos Negreira (un home que non perde o sorriso), responsable do PP na Coruña, íntimo de Feijóo, como do conselleiro Hernández, asumindo ambos os dous cada día un maior protagonismo nos medios. Dos dirixentes populares vigueses, amortizada Corina Porro, xa só queda Chema Figueroa e Enrique López Veiga, confirmados así como aspirantes a baterse en duelo co alcadismo de Abel Caballero. Así  é de sufridiña a política popular.

Onte 711: Realismo aumentado

Foi César Lorenzo quen na presentación de onte na Feira do Libro de Monforte definiu a novela de Manuel Veiga Os xornalistas utópicos como un modelo de realismo aumentado, «unha reflexión sobre a verdade, tanto nas escenas reais ou noutras ficcionadas; unha reflexión que une literatura, filosofía e a propia realidade; unha reflexión que pon en contacto a experiencia propia coa doutros libros» Comezou así Lorenzo unha magnífica intervención arredor dunha novela que «amosa que a literatura pode ser honesta», «na que o autor arrisca até o límite, amosándose espido, sempre na procura da verdade, ofrecendo unha historia que se le con grande facilidade, na que hai momentos de humor e outros de carraxe.» Puxo Lorenzo o exemplo do paquete de algas deshidratadas, que medra cando ferven na auga, para expresar a cantidade enorme de libros e doutros autores citados ou presentes na lectura destas páxinas, «que se emparentan coas de Christa Wolf, Bolaño, Chirbés, Claudio Magrís, Sciascia, entre outros, unha longa lista para compoñer unha biblioteca de lecturas ben xeitosa.» Tras referirse á memoria dos feitos vividos na redacción do xornal A Nosa Terra, que tivo a fachenda de compartir co autor, así como «as arelas e frustracións dos que nos dedicamos á profesión do xornalismo», rematou Lorenzo cunha atinada reflexión sobre a memoria da Transición, un momento no que se fundaron en Galicia proxectos vertebrais, como os d’ A Nosa Terra ou Edicións Xerais de Galicia, preguntándose se sería posible facelo agora.

Pola súa banda, Manuel Veiga iniciou a súa intervención coa lembranza daquela rúa Cardeal de hai corenta anos, onde se realizaba a presentación. Referencias que lle serviron para definir o escritor como «aquela persoa que se deixa impresionar por pequenos detalles, que con vontade e oficio e capaz de comentalos e compartilos.» Despois propuxo unha reflexión sobre a lectura e a novela. «A lectura non é un rollo pesado nin algo para presumir de culto. A novela é algo simple, o relato da vida dos demais, dunha forma máis seleccionada, escollida e mellor escrita que o facemos todos os días. A todos gosta coñecer outras vidas doutros tempos e doutros lugares e mundos. Iso é o que ofrecemos nas novelas.» Ou doutro xeito, «a novela é enterarnos da vida dos demais dun xeito sintético e nun tempo razoable.» Profundizou despois Veiga a súa reflexión afirmando  «a literatura muda a túa percepción da realidade, mesmo á que coñecemos ben.» Tras referirse a diversos aspectos d’ Os xornalistas utópicos, rematou Veiga afirmando que «vivimos os momentos acelerados dos que fala Erri de Luca, nos que a sociedade está en tensión, en contradición, son os máis interesantes para un xornalista e para un escritor.»

Onte 710: O síntoma de Baralla

Non é sorpresa ningunha o sucedido onte no pleno do concello de Baralla. O veterano alcalde non dimite xa que «pedín desculpas ao PP e mas aceptaron», unha forma de recoñecer que a lexitimidade do seu cargo está nos órganos de dirección do seu partido e non na veciñanza que o elixiu. Unha boa lección de democracia orgánica. Como é probable que considerase abondo que durante o pleno expresase unha confusa desculpa («errar é de humanos e de sabios é retificar», dixo) e admitise  a súa «imprudencia» por pronunciar «unhas palabras no fragor dunha discusión». Non debe estrañar a ninguén este comportamento xa que o alcalde de Baralla actúa conforme ao protocolo da «ética dos vencedores», completamente allea ao proceso de recuperación da memoria e da dignidade das vítimas da ditadura franquista (4.600 persoas asasinadas en Galicia), que atribúen ao pensamento esquerdista e republicano. A construción dun relato común sobre o sucedido na Guerra Civil e na Ditadura, unha nova memoria colectiva, precisa un consenso político e social do que aínda carecemos. Só nese novo contexto será posible aprobar unha lei que declare delito a exaltación, defensa ou negación dos crimes franquistas, como sucede en Alemaña cos do nazismo. O sucedido en Baralla é un síntoma dunha doenza cívica moi dolorosa, a da impunidade, que ameaza o sistema democrático.

Onte 709: Arde Ourense

Tras a fin de semana na que os lumes asediaron Vilamarín, onte atacaron as parroquias de Velle e a Lonia, ao pé mesmo da cidade de Ourense. Horas dramáticas para unha veciñanza que impotente ve en perigo as súas casas e eidos, exhausta de combater un inimigo tan rabudo e perigoso coma o lume. Por máis voltas que lle deamos, a solución á desfeita dos incendios forestais no está só en culpabilizar e perseguir aos insensatos incendiarios da «industria do lume». A sociedade galega no seu conxunto, Galicia como entidade política, ten que enfrontarse de vez con esta lacra, a que non poden ser alleas nin a actual xestión dos recursos forestais nin o abandono que sofre o medio rural. Cómpre un grande pacto (social e político) contra o lume, inserido nunha política territorial e agroforestal estratéxica revitalizadora do medio rural. Temo que se non se acomete con urxencia e determinación, continuaremos estremecéndonos cada verán cos lumes dun territorio cada vez máis devastado e desértico. Neste combate contra o lume, vainos, tamén, o futuro coma país.

Onte 708: Outono literario

Co primeiro avance das novidades editoriais de Xerais para os meses de setembro e outubro pechamos a tempada de verán e das súas feiras do libro. A pesar de que aquí este anuncio non ten a relevancia da famosa «rentrée littéraire», constitúe un bo aliciente para retomar o traballo de edición e promoción cun novo pulo. A esta relación de títulos anunciados engadiremos nas vindeiras semanas os que aparecerán ao longo do mes de novembro (os da nosa campaña de Nadal), así como algún outro que a prudencia do editor aconsella non desvelar polo momento. Bo outono literario e editorial!

Onte 707: Almunia, Rajoy e Novagalicia

Joaquín Almunia, o comisario europeo da Competencia, confesou por escrito á comisión de investigación do Parlamento Galego sobre a fusión das caixas que o Goberno de Mariano Rajoy foi o responsable da decisión de considerar a Novagalicia banco como entidade «non sistémica». Un eufemismo da prosa financeira tras o que se agocha a responsabilidade do Partido Popular de levar o vindeiro outono á que foi a entidade financeira galega de referencia a «unha poxa» (moi incerta) e a súa conseguinte desaparición. Como tamén, segundo o mesmo escrito de Almunia, non existiu por parte dos membros da Comisión Europea límite sobre o número de preferentistas que poderían acollerse ao procedemento de arbitraxe, contradicindo así a versión coa que Goberno Rajoy elude a súa responsabilidade diante dos preferentistas aos que se lles anunciou a liquidación das súas accións. Sexa coma conta Almunia ou como o fixera Rajoy, o que semella certo é que por moito que se esforce en agochalo o presidente Feijoo –convertindo a Almunia no inimigo número un de Galicia, como culpable da tax-lease e deste lea financeira– as previsións liquidacionistas que manexa o Goberno do Partido Popular e o Banco de España sobre o futuro do NGB poden ser outro golpe moi duro para o futuro de Galicia como espazo económico e político de seu. Hai aínda algunha posibilidade para evitalo? Vaia reentrada de outono que nos agarda!

Onte 706: Bóveda, Lorca e Casal

Nesta fin de semana lembramos o asasinato hai setenta e sete anos de Alexandre Bóveda, Ánxel Casal e Federico García Lorca, tres figuras que representan o noso ideal republicano e galeguista. Esta coincidencia fatidica da historia, aparentemente caprichosa, é explicable polo fanatismo fascista que escolleu como opción política o aniquilamento físico dos seus contrarios. Unha estratexia estarrecedora que, dende o alzamento militar, segou a vida (só en Galicia) a 4.600 persoas e vitimou a máis de 14.000 persoas, segundo o reconto do proxecto interuniversitario «Nomes, Voces e Lugares» (magoadamente paralizado pola falta de apoio público). Un xenocidio, que non pode ser esquecido nin agochado, do que estas tres figuras constitúen apenas insignia de dignidade. A recuperación da memoria destas vítimas, como afán colectivo e apartidario, constitúe un alegato contra a impunidade e, tamén, contra a hexemonía da falsa «memoria dos vencedores». Recoñezamos que aínda queda moi lonxe o consenso preciso para construír unha nova memoria colectiva, na que Bóveda, Casal e Federico ocupen o lugar que lles corresponde.

Onte 705: A marcha de Andrés Túñez

A máis que probable cesión de Andrés Túñez, con quen esta tempada non conta Luis Enrique, é unha pésima noticia para o celtismo. Mentres o central zurdo de Bertamiráns collerá as maletas (quizais cara a Liverpool ou cara unha cidade española, equipos non lle han faltar), o adestrador asturiano procura no mercado atopar outro defensa do seu agrado. Unha tolería, unha decepción, un capricho, unha «mostra de autoridade» de LE que, fronte a querenza da afección, impón o seu «criterio técnico» apartando de Balaídos a quen foi unha das insignias celestes das últimas tempadas.  Imaxina alquén que Tata Martino fixese a súa chegada a Can Barça outro tanto con Piqué ou Carles Pujol? Unha decisión a do adestrador dificilmente xustificable como medida disciplinaria, xa que sabemos do rigor, profesionalidade e da serenidade do internacional venezolano tanto dentro coma fóra do terreo de xogo. Un «capricho técnico» que evidencia o carácter soberbio dun adestrador –non concede entrevistas aos medios vigueses– que, polo visto neste primeiro mes en Vigo, puxo o seu proxecto (e os seus intereses) sempre por diante dos da sociedade celeste. Non adoito ser agoreiro nin pesimista, mais con este comportamento de adestrador vedette, non é difícil agoirar dificultades no futuro, tanto se o Celta de LE funciona coma se fracasa. Agardo que o bo de Andrés Túñez, un rapaz moi riquiño e un futbolista magnífico, teña lonxe de Vigo o éxito que merece nunha tempada decisiva para a súa participación no mundial de Brasil, o que suporía un fito para a súa traxectoria deportiva e para a do conxunto do fútbol galego.

Onte 704: Admirable Rosalía!

A súa vida relatouna co xenio e cos matices precisos o mestre Josito Pereiro. Rosalía Mera merece admiración e respecto por ser capaz de construír dende cero e cos recursos principais do traballo e da creatividade un proxecto empresarial potente como o de Zara. Mais tamén por non ter abandonado nunca nin as súas conviccións de esquerdas nin a memoria da súa orixe humilde do barrio de Monte Alto, tanto antes cando facía as batas de boatiné dos días do tardofranquismo como agora cando xestionaba unha enorme fortuna mobiliaria, promovía empresas de economía social e participaba na industria audiovisual. Coincidimos con ela en diversos actos de presentación de libros. En dúas ocasións recibiunos, acompañada do seu equipo de asesores, no seu despacho da Praza de María Pita, onde ten a sede a Fundación Paideia, Escoitou con moito interese e simpatía as nosas análises e valorou os nosos proxectos. Nunca esquecerei o que aprendimos naquelas xuntanzas. Sei que Mera non foi unha mecenas nin sequera unha filántropa. Abondoulle con ser unha empresaria que, sen suxeitarse a ningún amo nin a ningún home, actuou con criterio propio e responsabilidade social e cívica. Admirable Rosalía!