Onte 1813: a colleita das Fervenzas Literarias 2016

Fervenzas-1024x775

Seguin por twitter ao longo do día de onte o anuncio dos resultados das votacións dos premios Fervenzas Literarias que escolle os mellores libros, iniciativas e persoas máis destacadas de 2016 no eido da literatura e do sector editorial en lingua galega. Non podo máis que agradecer a Nacho Alonso, o promotor desta revista literaria pioneira, a súa teimosía en continuar organizando, xa dende hai unha década, estas votacións nas que participan case medio milleiro de internautas. Referentes no noso calendario literario, os “Fervenzas” abren a rolda de premios anuais á obra editada e sabemos que, en boa medida, sinalan as tendencias das escollas posteriores.

No que atinxe ao noso traballo quedamos ben satisfeitos coas escollas destas Fervenzas 2016, tanto polo número moi elevado de finalistas en todas as modalidades, como polas catro títulos considerados como “mellor libro de ano” na modalidade infantil, Esmeraldina, a pequena defunta de Ledicia Costas; na xuvenil, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas, que obtén un dobrete; en poesía, Os fillos da fame de Isaac Ramos; e en ensaio-investigación, Historia das historias de Galicia, obra colectiva dirixida  por Isidro Dubert. Como tamén é unha gran satisfacción que Diego Giráldez fose escollido como “mellor autor do ano“, e que o seu libro de relatos Galería de saldos obtivese a segunda posición na modalidade de Narrativa, detrás d’ A ferida do vento do noso admirado Antón Riveiro Coello. Escollas que amosan o peso importante que dentro do noso sistema comezan a ter os membros da Xeración da Esperanza, como Ledicia, Ismael ou Diego, que está achegando azos renovados a nosa literatura. Unha noticia a celebrar.

Tamén foron ledicias nosas, os premios ás dúas mellores capas do ano, tanto a que obtivo na modalidade de LIX Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, preparada por Andrés Meixide, como a de Galería de saldos, deseñada por Antonio Seijas, na modalidade de adultos. Como foi unha satisfacción que Culturgal fose considerado como “o mellor acontecido de 2016“, como sucedera tamén o ano anterior, o que sei constitúe un aliciente para o equipo dirixido por Xosé Aldea e para todos os setores da industria cultural que animamos á asociación Culturgal. Como tamén, desculpas polo autobombo, constitúe para min unha fachenda que estas Brétemas, a pesar dos doce anos transcorridos, continuasen sendo valoradas nas votacións, a pesar de non ser estritamente un blog literario.

Todos os premiados e todos os finalistas destas Fervenzas 2016, os autores (só foi unha autora premiada, se ben en dúas modalidades), os ilustradores, os tradutores, os críticos, os editores, os blogueiros, os libreiros, os xornalistas, os medios, todos merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega a conformar un espazo de seu para o libro, a lectura e a literatura galega, cada vez máis vizoso, orixinal e diverso. A pesar de vivirmos á intemperie, a excelente colleita destas Fervenzas 2016 expresa a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos.

Onte 1802: Dolores Redondo presenta «Todo isto che darei» na Ribeira Sacra

Todo_isto_che_darei_27-12-2016_06

Intensa xornada a de onte na Ribeira Sacra na que presentamos Todo isto che darei, a versión galega da novela de Dolores Redondo gañadora do Premio Planeta 2016. Comezamos os actos ao mediodía na Casa Grande de Rosende (unha marabilla, que merece unha estancia!) cunha presentación aos medios e unha pequena homenaxe do concello de Sober á autora, que recibiu como agasallo unha fermosa ámboa de Gundivós. Despois de visitar este espazo máxico, recollido na fotografía de Manuel G. Vicente da edición de Xerais, xantamos en Monforte e fomos recibidos pola tarde na alcaldía do concello, onde Dolores Redondo asinou no libro de honra e recibiu varios agasallos. A seguir, cando caíu o día, nun serán moi frío e bretemoso no Val de Lemos, participamos nunha presentación multitudinaria no Centro do Viño da Ribeira Sacra, onde acompañamos á autora, xunto co José Tomé Roca, alcalde de Monforte, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura.

XG00268901En todas as intervencións da xornada, Dolores Redondo, ademais de agradecer tantos agarimos, insistiu na importancia que para ela teñen os territorios das súas novelas, tanto na Triloxía do Baztán como nesta Todo isto che darei localizada na Ribeira Sacra. «Sei que cando elixo un territorio non son consciente das esperanzas que alí poden poñer logo os lectores e lectoras. Xaora, sei que estas eleccións non son casuais, xa que para min os escenarios, como neste caso o da Ribeira Sacra, son protagonistas. Non é un lugar calquera, é un personaxe. Gústame a beleza exixente, extrema. A Ribeira Sacra ten unha importancia arquitectónica de seu, polo románico. Pero o que máis me interesa é o orgullo da xente. Cando naveguei polo Miño e polo Sil comprobei que a terra arañou o corazón de xente, facéndoa orgullosa e valente. Hai poucos lugares que conxuguen a beleza da paisaxe e o orgullo da xente, que fai viño dende hai milleiros de anos en condicións extremas, como a Ribeira Sacra. Non podía ser outro lugar.»

«A Ribeira Sacra permitiume dotar de fondo e orgullo aos personaxes, o que me axudou a falar do servilismo, da xente que se prega diante desta familia de señoritos. Existe unha dobre vara de medir, esa sensación de impunidade, que me repugna profundamente, contra a que convido a todos que loitemos». Falou Dolores Redondo tamén do seus personaxes principais: «O garda civil Nogueira é o martelo desta novela contra estes abusadores do poder. Lucas, o cura, expresa a lealtade, unha persoa que sofre cando se derruban cousas que tocan o que el é e a súa propia fe. Manuel, o escritor, o que chega de fóra, a un lugar que lle resulta hostil no peor día da súa vida, queda grazas a que Nogueira e Lucas o convencen para investigar o que sucede arredor desta familia que todo o pode».

«Quixen facer unha novela das considerados como «crime de mansión», ao xeito das de Agatha Christie, na que propoño unha investigación civil.Cada un dos tres investigadores, Nogueira, Lucas e Manuel, procura a verdade dunha forma diferente, no que cada un ten que xulgarse a sí mesmo. Esa é a cerna dunha novela na que a cobiza e a loita contra a impunidade dos poderosos son os temas principais.»

Ao longo da xornada, Dolores Redondo contestou a moitas preguntas dos xornalistas e lectoras. Insistiu na «importancia do orgullo de vivir nun lugar como a Ribeira Sacra, sacando adiante unhas colleitas e mantendo o amor e o sacrificio, o que dende fóra é algo extraordinario; conmoveume a forma de traballar nas plantacións e nas adegas, razón pola que bauticei a da novela como «Heroica», non podo escribir dun lugar que non me enamore, e que teña potencia para constituír un espazo literario». Defendeu o seu compromiso de «publicar en todas as linguas oficiais españolas é un compromiso que manteño dende O gardián invisible, coa intención de que todo o mundo poida ler na súa lingua e na que prefire; mais se nalgún idioma ten que estar Todo isto che darei é en galego, tíñaa que a ter escrito nesa lingua».

Desexou que «na Ribeira Sacra se repita o que sucedeu no Baztán, o fenómeno do turismo literario é o máis desexable, o máis auténtico, cheo de amor e respecto, xa que as persoas veñen a descubrir o que leron nas novelas». Confesou a importancia que para ela teñen os detalles, «onde reside a beleza, esenciais para a escritura». Explicou as razóns de chamar ao pazo como «as grileiras«, «que se refiren a “grilo”, o nome deses pequenos brotes que aparecen as beiras do río, unhas herbas máxicas con poderes de sanación, que tamén se chaman “herbameira”, do que souben polo Dicionario dos seres míticos de Xerais; ademais desta ao apelido da miña nai, na novela hai outras pequenas homenaxes, como ao do can Café ou outras referencias familiares».

 

Ribeira Sacra literaria

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Ribeira sacra, tras o acordo parlamentario solicitando a súa declaración como Patrimonio da Humanidade e a publicación de Todo isto che darei de Dolores Redondo:

Ribeira SacraHai poucos días a Comisión de Cultura do Congreso aprobou por unanimidade un texto que solicitaba o apoio da cámara á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Apoiada tamén de forma expresa polo ministro de Cultura, está iniciativa parlamentaria é moi significativa, tanto polo feito de que fose consensuada entre a deputada ourensá do PP Ana Belén Vázquez e o lucense de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello, un feito até hoxe inédito, como pola súa capacidade de achegar un novo pulo á cándidatura proposta en 2013 polas deputacións de Ourense e Lugo e polo Consorcio Turístico da Ribeira Sacra. Unha vella iniciativa, incorporada hai dúas décadas ao listado de aspirantes a esta declaración da UNESCO, mais atascada pola complexidade de atopar unha figura de protección axeitada para este territorio de vinte e un concellos, situado no sueste de Galicia, onde viven 75.000 persoas.

Un espazo patrimonial de exhuberante vexetación marcado pola grandiosidade dos seus canóns entre os que discorren os leitos dos ríos Sil e Miño, en cuxas beiras se desenvolve dende época romana unha vinicultura heroica (quen pode negar que os viños de Amandi, a parroquia do concello de Sober, xa eran do gusto dos emperadores?) e se asentan dende o século XII varios dos cenobios románicos mellor conservados do país como os mosteiros de Montederramo, San Pedro de Rocas, Santa Cristina de Ribas de Sil ou Santo Estevo de Ribas de Sil. Esta beira sagrada dos mosteiros e do viño, como a cualificou o escritor Manuel Garrido, froito de pregamentos de millóns de anos, agocha espazos sorprendentes para o gozo do viaxeiro, sexa polo abraio cromático producido polas vides de mencía e godello amarradas á pendente da ribeira ou polo asombro provocado pola paisaxe dende miradoiros panorámicos como os do Cabo do Mundo, do Torrón, do Picotiño, do Cotano, dos Mouros ou dos Torgás (tamén chamado popularmente “Balcones de Madrid”, xa que dende alí se despedían os afiadores camiño da capital), onde os caprichos do Miño, do Sil e dos seus afluentes debuxan os canóns ondulantes.

Un espazo de beleza sobria transformado en topos literario por Xabier Quiroga, o escritor do Saviñao, en novelas como Atuado na braña (2002), O Cabo do Mundo (2009) e, sobre todo, Izan o da saca (2015), a protagonizada por Reiniña, o taxista e investigador do Saviñao, que despois de seguir a rota das ratas por Galicia remata de forma apoteósica na parroquia da Cova. Novela que deu pé a un roteiro literario, “Izan na Ribeira Sacra”, organizado polo Centro de Formación do Profesorado, seguido o pasado 5 de novembro por un cento de docentes participantes en clubs de lectura que visitaron algúns dos escenarios da novela como o castro de Marce, a fervenza de Augacaída, as igrexas de San Martiño da Cova e San Paio de Diomondi, o embarcadoiro e vila de Belesar, o Ecomuseo de Arxeriz ou as instalacións de Abadía da Cova de Adegas Moure, situadas ao pé do meandro do Cabo do Mundo, un dos lugares máis emblemáticos da comarca.

Protagonismo literario da Ribeira Sacra consolidado coa publicación de Todo esto te daré (na edición en galego, Todo isto che darei), a novela coa que Dolores Redondo obtivo o Premio Planeta. Unha longa narración de case setecentas páxinas sobre escuros segredos familiares coa que a autora da Triloxía do Val do Baztán (case un millón de exemplares vendidos en todo o mundo en máis de trinta linguas) rende unha homenaxe as súas raíces galegas. Como xa fixera coas localizacións das súas novelas anteriores, Redondo escolleu a sobriedade e dureza das paisaxes da Ribeira Sacra como o marco máis axeitado para ofrecer unha intriga sobre a dor da incertidume e contra a impunidade onde son constantes as sorpresas dun xogo de enigmas dispostos en espiral. Homenaxes que a autora nalgúns casos fai explícitas, como ao traballo heroico dos vinicultores das adegas Vía Romana de Belesar, e noutras tece con sutileza na composición de personaxes memorables como o garda civil Nogueira ou Herminia a caseira das Grileiras, o pazo onde se desenvolve a cerna da investigación.

Polo sucedido durante os dous últimos anos no Val de Baztán, é moi probable que esta novela de Dolores Redondo motive a milleiros de lectores e lectoras de toda España a visitar as paisaxes da Ribeira Sacra e vivir con plenitude a súa atmosfera. A Ribeira Sacra transformada en reclamo literario ofrece unha oportunidade que non pode ser desaproveitada.

Onte 1800: Ferrín “Non hai outro camiño” é pura literatura

XUBIN_FERRIN_15-12-2016

Nun serán moi chuviñento en Vigo presentamos onte na libraría Andel de Vigo Non hai outro camiño, a primeira novela de Isaac Xubín. Acompañou ao autor Xosé Luís Méndez Ferrín que nunha intervención maxistral debullou unha obra que cualificou de “novela colectiva de personaxes moi ben definidos que aspira a interpretación do noso mundo contemporáneo sen ningún tipo de realismo”. Comezou Ferrín comentando o interese do titulo que avisa ao lector e “que nos leva a Kafka e ao seu camiño menos vinculado á cotidianidade como á Nova Narrativa Galega, iniciada por Gonzalo Mourullo, na que se falaba dun tema que nos atinxe mais sempre ambientado nun lugar que non é Galicia nin España nin ningún ámbito literario que nos puidese resultar coñecido”. “A novela de Xubín ten múltiples referentes literarias que se remontan a Jonathan Swift, de obras ambientadas en lugares que non existen no mundo”.

XG00247501Destacou Ferrín que nesta obra “o espazo imaxinario supera aos personaxes, sendo o máis logrado dunha novela de protagonista colectivo que funcionan por ambientes”. “Aquí hai personaxes diferenciados, ben perfilados e definidos, interactuando entre eles con grande potencia dramática, moi próximos a nós, que forman parte da xeración de Xubín”. Cualificou, a seguir, a obra como “unha novela de política ficción que nos leva a un mundo postsocialista, como pode ser o dalgún dos países da antiga Iugoslavia”. Salientou Ferrín que a cidade da novela, Staro Selo, “ten un parecido, se queremos velo, coa cidade de Vigo, mesmo na apoteose final da obra descubrimos que hai xente que vai aos montes que a arrodean a ver os cabalos ceibos”. “Mais non é unh román a clé, en absoluto. Esta novela non é unha metáfora continuada, non é esto. É pura literatura, aquí non hai ensino nin doutrina. Presenta un mundo paralelo coa necesaria ambigüidade. Toda literatura realista é un fracaso. Esta obra é daquelas que asumen a autonomía literaria como algo bo”.

Como outros acertos, Ferrín sinalou “a capacidade de inducir ao riso franco, á gargallada, o que nos leva á literatura popular”. “Mais tamén hai outro humor destinado a outro espírito máis cultivado, por exemplo a relación coas películas de Wyler, onde se abren e pechan decontino moitas portas, como sucede na Comedia dell’ Arte”. “Hai tamén o mundo da prisión, o delito estúpido, neste caso un delito gastronómico que nos remite a outra febra da novela, a da gastronomía. Nesta novela cómese moito, hai moita comida boa e fálase dela. Hai un banquete de políticos que comen unha carriza que está prohibida, como aquí as papuxas en empanada que se comen de forma clandestina en Monforte”. Rematou Ferrin agradecendo que a novela teña atención co lector “presentándose de forms compacta, avanzando en forma de cadriños que van iluminado aos posteriores”. “A novela pode ser lida como unha serie de contos concomitantes”. “Ao final asistimos a destrución dunha granxa colectiva onde a xente era feliz. Terrible final descorazonador, mais tamén aberto”.

Onte 1798: O Planeta en galego

XG00268901Entrou onte no almacén Todo isto che darei, a tradución en lingua galega da novela pola que Dolores Redondo gañou o premio Planeta 2016. Un fito no traballo de tradución, edición e fabricación do equipo de Xerais que preparou nestes intensos corenta días un libro de case setecentas páxinas. Mais tamén un fito na edición literaria en España dunha autora que aposta de forma moi coherente para que toda a súa obra, dende a memorable triloxía do Baztán até este Planeta, sexa publicada canto antes en galego (a lingua dos seus pais), en éuscaro e catalán. Xaora, Todo isto che darei ten para nós o engado de estar ambientada na Ribeira Sacra, que se transforma nun espazo literario onde se desenvolve unha intriga inzada de achádegos inagardados e sorpresas que poñen en cuestión o que semellaban certezas de pé de banco. Unha novela sobre a dor da incertidume onde Redondo amosa a súa mestría para formular e resolver enigmas moi complexos cunha intelixencia e habilidade que abraia ao lector ou lectora.

Esta semana o libro comezará a chegar a todas ás librarías e nos próximos días anunciaremos a data da presentación este Nadal na Ribeira Sacra desta versión, preparada por Dolores Torres París, que dou fe flúe de marabilla e de forma natural en galego. Todo un acontecemento para a industria do libro en Galicia que agardamos contribúa a ampliar os públicos para a lectura na nosa lingua.

Onte 1789: Manuel Esteban no Ateneo Eumés

Gustei moito do modelo de presentación que o Ateneo Eumés de Pontedeume preparou no serán de onte d’ A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban gañadora do premio Xerais 2016. Ao xeito dunha sesión aberta dun club de lectura, o autor debullou as intencións dunha obra que confesou “naceu dunha ferida interior” e que definiu como “unha viaxe emocional na que se describen moitos prexuízos sobre a discapacidade intelectual”. “Aprendín a reinventarme máis alá da medicina, o que quizais está presente no personaxe do inspector Carlos Manso, un pesimista construtivo. A miña escrita é unha ferramenta para reclamar inclusión, dignidade e respecto, visibilizando a nación Down, ese pobo invisible capaz de apagar conciencias a prezo de saldo”. “Na novela hai unha intención de superar os prexuízos sobre discapacidade intelectural. A meirande parte das barreiras para estas persoas están no exilio interior amable ao que son sometidas, a viaxe que emprende Manso é dalgunha forma tamén a viaxe do autor”. Rematou Esteban cualificando a novela como “espello, mais tamén como unha panca”, antes de citar un diálogo do Merlín de Cunqueiro: “Que é unha mentira?, Talvez o que non se soña, príncipe”.

Onte 1788: A novela de vidas cruzadas de Cajaraville

Pilar_Ponte_Hector_Cajaraville_Goretti_Sanmartin_29-11-2016

Presentamos onte na Libraría Couceiro A caixiña dos rancores (Vidas cruzadas), a novela coa que Héctor Cajaraville gañou o Premio de literatura Infantil e Xuvenil Raíña Lupa da Deputación da Coruña. Un acto no que Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, destacou o valor dunha novela gañadora dun premio de literatura xuvenil que se dirixie a tódos os públicos, especialmente ao das persoas maiores que “son as que conforman os clubes de lectura de todo o país”. Ademais de sinalar a importancia dos premios literarios, “que abren posibilidades de descubrir escritores e escritoras novos” e confesar a súa preferencia polo título Vidas cruzadas, Goretti Sanmartín salientou “as doses de humor e tenrura coas que se aborda un tema tan duro como é o dos bebés roubados”.

XG00268301Pilar Ponte A profa trouxo á presentación a súa particular caixiña dos rancores da que foi tirando textos, que moito divertiron aos participantes que encheron Couceiro. Logo meteuse en fariña e foi sinalando o que baixo o seu criterio “hai e non hai na novela de Héctor”. “Hai denuncia social, si, pero non fai literatura reivindicativa. Hai un núcleo tráxico, xa que é unha novela que se achega á traxedia, mais non nos afogamos nela. Hai investigación, pero non é unha novela de detectives. Hai un humor, pero non é unha comedia. E sobre todo o que hai un gran retrato. En todas as súas obras Cajaraville demostra que é un gran retratista, sobre todo de mulleres maiores: América en De remate, Divina en Quen dá a quenda?, Chiruca n’ A caixiña dos rancores”. Pilar detívose no personaxe de Chiruca, unha señora que ten a habilidade de andar por casa, é como a veciña que te atopas no ascensor. Hector fai un retrato tal cal do natural, onde non hai nada ficticio. Unha muller que malia os seus achaques nunca perde o humor, o que a axuda a sobrelevar os seus problemas”.

A seguir, Pilar destacou “a amizade preciosa entre Estevo, un adolescente, e Chiruca. Xorde polo cruzamento dunha moto entre ambos os dous protagonistas e a participaicón dunha xuíza moi particular, que permite se estableza unha relación entre estas dúas persoas de idade tan distinta, até que xorde unha comprensión e unha preocupación sobre o que lle acontece ao outro”. Sinalou, tamén, a importancia de Paula, “un personaxe que representa a necesidade de xustiza e memoria, capaz de mobilizar a investigación”. “O centro dramático da novela é o do roubo dos nenos, un fenómeno que en España, entre 1940 e 1990, afectou a 300.000 pequenos. Entendo este fenómeno como unha manifestación de violencia de xénero sobre mulleres solteiras, soas ou viúvas, aproveitando situacións de indefensión”. Rematou Pilar Ponte falando de como a novela aborda a cuestión das identidades, “xa que para estas mulleres a vida que levaron non era a súa vida”. “Este é un libro de educación emocional. Sei que hoxe hai moitos rapaces e rapazas que descoñecen a vida dos seus avós. Hai que abrirlles os ollos, teñen unha fonte inmensa de afectos e cariño que non están aproveitando”.

Pola súa banda, Héctor Cajaraville confesou que “non tiña claro quen son os protagonistas da novela”. “Creo que Chiruca dá cohesión a todo o que se conta. A caixiña dos rancores é unha novela xuvenil protagonizada por unha señora maior”. “Sei que é unha historia dura sobre tantos casos de nenos roubados, un fenómeno que afectou a un de cada cen nacementos, o que é unha auténtica barbaridade”. Héctor salientou que para el “o verdadeiro motor da novela é a relación entre Chiruca e os dous rapaces, Estevo e Paula”. “Concibina como unha novela de diálogos na que me dou por pagado se sonan a natural e crible”. Confesou que nas novelas anteriores utilizara “una estrutura poliédrica, mais nesta é máis clásica e convencional, o que me resultou máis difícil, foi un traballo de creación máis arduo que os anteriores”. Rematou Héctor Cajaraville expresando que “todos os meus libros son moi distintos, quero que cada un sexa diferente aos anteriores; non quero facer segundas partes nin triloxías nin secuelas, iso é o que pretendo”.

Onte 1783: “O inspector e mais eu” de Ignacio Vidal Portabales

Armando_Requeixo-Ignacio_Vidal_23-11-2016

Presentamos onte na Libraría Couceiro de Compostela O inspector e mais eu, a segunda novela de Ignacio Vidal Portabales. O crítico Armando Requeixo glosou unha obra que comezou cualificando de “estupenda novela dun autor que dende a publicación de Dióxenes en Dolorida descubrimos como unha poderosa voz para a nosa narrativa”, para engadir despois que “é moi de agradecer que chegue unha voz en plena madurez, aforrándonos as estreas titubeantes; é moi agradable que a literatura galega gañe efectivos da época máis madurecida”. “Como é moi agradecido e hixiénico para a literatura galega que non estea tan filoloxizada, contando con novos autores que chegan doutros ámbitos profesionais, como é o caso de Ignacio Vidal Portabales, especialista en Dereito Mercantil”.

XG00255901Requeixo confesou que cando comezara a lectura de O inspector e mais eu decatárase de que era unha novela detectivesca, “mais non só iso. xa que ofrece unha profundidade de campo maior”. “Esta é unh anovela que ancora no sentimento do íntimo, de interioridades. É unha novela cunha dobre hélice, onde se retroalimenta o individual, representado nos personaxes de Sandra, Chus e o inspector Roque Barallobre, co colectivo, grazas á metonimia, que desvela que estes personaxes somos todos nós”. “O inspector e mais eu é unha novela psicosocial, que ofrece unha lectura crítica da intersección do mundo das mulleres e dos homes na sociedade que vivimos”. “Aquí hai un proceso de nivel de abstracción superior, Ignacio ofrece un efecto flou do tempo no que xoga, os nosos días e os nosos coetáneos, mais tamén do espazo que constrúe, Marende, un lugar deliberadamente desdebuxado, un lugar por adición, un lugar Frankenstein”.

Armando salientou “a capacidade aglaiante do autor para meterse na pel dunha muller, realizando na narración un auténtico salto fosbury, todo un reto do que Ignacio saíu con boa nota, xa que non cae nos extremos presentando unha muller con irisacións, coas grandezas e miserias dos seres humanos”. “O que pretende o autor é facer unha inmersión nas miserias do ser humano para cuestionar o que está ou non socialmente ben visto. Cuestionar o que é real e o que é aparencial. O que supón unha crítica á hipocresía social e ao pacto, ao politicamente correcto”. Requeixo gabou, despois, “o rexistro moi ben humorado de toda a novela, que destila o humor en todas as súas expresións: como ironía, retranca, sarcasmo ou parodia”. “Ignacio Vidal Portabales é un dos escritores galegos que mellor escribe o humor na narrativa, conseguindo sempre unha complicidade ben humorada”. “Tamén é esta unha novela sobre o amor, mais non un amor acaramelado”.

Rematou Requeixo sinalando que “a novela é interesante, tamén, pola súa estrutura de cremalleira, semellante a unha hélice de ADN, na que hai un auténtico xogo de buril co punto de vista”: “A novela está moi ben acabada, o cosido é finísimo, grazas a unha dobre costura que impide que haxa erros de Racord, puída até o último detalle”. “Cometeriades un pecado se non vos achegárades a esta novela, moi amena, divertida, cunha calidade de páxina asombrosa, que conta cun fraseo que tira da lectura. Ignacio Vidal Portabales é unha das achegas máis refrescantes da literatura galega dos últimos anos”.

 

Onte 1775: Manuel Veiga no Ateneo de Pontevedra

Presentamos no serán de onte no Ateneo de Pontevedra Todo ser humano é un río de Manuel Veiga. na súa intervención de acollida, Xaime Toxo, presidente do Ateneo, cualificou o libro de “preciso e precioso”, “sendo a ollada como conciencia de narrador solitario a protagonista da novela”. Cualificou a obra como “evocadora, antisublime e valente”. “O de Veiga é un libro intelixente, ben escrito, dirixido a lectores conscientes do intelixentes que poden ser”. “Todo ser humano é un río supón o retrato dun final de época, o mundo da Galicia interior, devastado e en proceso de desaparición”.

XG00249101Pola súa banda, Anselmo López Carreira iniciou o seu discurso sinalando que “o libro de Veiga axuda a comprender a similitude do río coa vida humana, xa que a continua afluencia de experiencias das nosas vidas fan que como os afluentes do río sempre sexa a mesma, a pesar de ser sempre diferente”. “Nesta obra entendemos as dificultades de establecer as fronteiras entre os xéneros da narración. Todo ser humano é un río non se debe entender como unha narración convencional con nó e desenlace, xa que só cando rematamos a lectura entendemos o sentido do gran río da vída e de todos os seus afluentes”. “Non sei se é unha novela en sentido clásico. Mais o que si identifico é un documental, un espello no que se vai presentando un país, dende unha perspectiva sociolóxica, histórica e xornalística. É unha obra sociolóxica, dun autor que noutro libro, O pacto galego na construción de España, fixo unha achega importante para entender o período da Restauración e o nacemento do nacionalismo, o que axuda a entender a situación actual”.

A seguir, gabou López Carreira “Casa vixiada”, unha noveliña dentro da novela, na que o narrador relata a visita a un pazo existente, o de Muíños de Antero. “É o momento máis fermoso da narración, cando Veiga se recrea no xogo de palabras e no sabor da contemplación das obras de arte e do propio pazo. Unha vez que rematamos a lectura de todo o libro comprendemos o valor de todas as pezas, un tanto dispersas, deste documental que nos permite mellor comprender o país, que é do que se trata”.

Manuel Veiga, como fixera en presentacións anteriores, salientou que “a ficción nos axuda a entendernos, as artes todas son un suplemento da realidade, que nos axudan a entendela”. Agradeceu a Anselmo e a Xaime que valorasen, como fixera en Compostela Lourenzo Fernández Prieto, “o carácter estritamente literario do libro”. “Sei que cando falo da rúa da miña nai, moitos lectores e lectoras identificarán esa rúa coa da súa infancia. Iso demostra que se afondas na túa particularidade serás máis universal. Como dicía Tabucci a literatura de aeroporto é a máis prescindible, porén aquela que fala do singular, a miña rúa, é a de moita xente”. “Lendo no libro de Amos Oz, Unha historia de amor e escuridade, no que fala da súa familia, ocorreúseme facer algo semellante coa miña. Eu sempre queo contaxiarme do que leo, imitar aos máis grandes autores e aprender deles. Creo que os escritores temos que ollar tanto para a terra como para o ceo, somos campesiños e cregos a un tempo”.

Na quenda de participación do público, Veiga afirmou  que “dá igual que o libro sexa ou non considerado unha novela”, “o importante é que sexa concreto, topográfico, capaz de analizar a realidade humana, xa que a literatura é a arte do concreto, fronte a abstración que permite a filosofía”. “Non son nostálxico nin me gustaría que os meus libros fosen entendidos como tales. Os seres humanos precisamos darlle un sentido ás cousas, darlle nome. Queremos darlle un sentido a todo. O mundo da ficción pretende poñer orde ao caos. Ademais, tratar de entender é terapéutico, tranquilízanos, dános acougo e calma. A ignorancia é o que provoca máis dor. A función da arte é un imposible, poñer orde neste caos. Este libro trata de facelo coa Galicia interior, que necesitamos entender”.

Onte 1772: Manuel Veiga en Monforte

Presentamos onte no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos Todo ser humano é un río de Manuel Veiga Taboada. Novela que comentou con grande brillantez o xornalista cultural César Lorenzo que comezou salientando que «era este un libro que pagaba a pena ler, onde triunfa o risco, xa que o escritor decide facer o que quere facer». «Os relatos –continuou César– esculcan diversos ambientes e experiencias. É unha novela vivida, contaminada pola experiencia do autor, mais na que acomete unha terceira vía, a de mesturala con múltiples lecturas. Todo ser humano é un río é unha novela na que a ollada é esencial, onde o autor utiliza o procedemento de autoficción, aínda que vai máis alá, xa que intenta asimilar literariamente as cousas que lle pasan na vida, converténdoa en materia literaria. Manuel Veiga é unha persoa que cambia, que evoluciona, o que lle permite ampliar a mirada converténdoa en literaria».

XG00249101A seguir, Lorenzo abordou a estrutura da novela, organizada en dúas partes, a primeira arraiana e a segunda monfortina, «utilizando nas dúas personaxes reais». «Nas páxinas dedicadas a Monforte intenta contar a historia da súa familia, da súa liñaxe, mais non o fai coa intención nin de mitificar nin desmitificar, senón de aproveitar esa pescuda para convertela en materia literaria de primeira calidade». «Creo que esta parte tamén é un balance da relación do autor cos seus pais». Destacou Lorenzo a importancia que Manuel concede ás artes, sobre todo á pintura e á escultura, que intentou incorporar na súa literatura». Continuou a súa intervención César destacando a importancia de «Casa vixiada», a noveliña que pecha o libro, «onde a ollada é esencial para entender o que é o pazo de Muíños de Antero, Manolo consigue que nos sintamos dentro, ten a ambición de crear un universo e conségueo». Rematou Lorenzo dicindo que «se neste país algúen busca lectura literaria aquí hai un escritor no que se pode confiar».

Na súa intervención Manuel Veiga confesou que acabara de reparar no que expresara César Lorenzo: «É certo que o libro é unha despedida dos meus pais, ainda que quizais o fixera de forma inconsciente». Tamén recoñeceu que no libro quixo recordar a importancia dos ríos en Galicia: «Eu son de río. Crieime a carón dun río. Os olores do río están sempre na miña cabeza, como boa parte de Galicia son ríos». Veiga salientou despois o sentido de conversa que ten o libro, «sei que é un libro moi persoal, anque ten un carácter colectivo, sei que recolle moitas voces que se van intercalando». «Un procedemento que está en toda a literatura moderna, ao xeito de xornalismo poético,que converte esta conversa en literatura por que ten profunidade e unha ollada propia».